9.10.17

Un ano máis e sen banda de música

Hai asuntos no Concello de Ourense cuxa resolución vai a modo, a modiño... Tan a modo, que entran nun parón soporífero e caen no esquecemento.
Pasou case un ano máis desde o artigo anterior e seguimos sen banda de música no noso concello. Esa tradición que vén desde principios do século XX está marxinada na nosa cidade. É máis... o programa de festas deste ano non contaba coa actuación de ningunha banda de música.
O equipo de goberno ten que resolver asuntos. Esa é a súa responsabilidade. Non está para crear máis problemas nin para non facer nada de nada. Desexo que o electorado tome boa nota e nas vindeiras eleccións mude o seu voto.
Mentres, sempre quedaremos cos recordos dos bos momentos vividos coa "nosa banda de música".

27.11.16

Seguimos sen banda de música en Ourense

Seguimos sen banda de música en Ourense. Isto non ten trazas de arranxarse. Temos un problema e no Concello non saben, ou non queren, solucionalo. Mentres, as persoas que gozaban coa música da banda de Ourense teñen que vivir das lembranzas daquelas veladas onde escoitabamos o bo facer dos músicos da nosa agrupación favorita. Veremos!

2.10.16

Contra o silvestrismo...

O silvestrismo é unha práctica que consiste en capturar aves cantoras silvestres para meter nunha gaiola, adestralas no canto e presentalas a diferentes competicións.
Os paxaros, ademais de sufrir a falta de liberdade, unha das características de ser silvestre, presentan enfermidades variadas e menor esperanza de vida.
Estas aves pertencen a especies de pequeno porte; a máis representativa é o xílgaro.

Vendo esta ave, non é moito mellor disfrutar dela en plena natureza?
Semella que Europa vai abrir un expediente sancionador a España por permitir esta práctica, cando na UE está prohibida a captura de especies silvestres. A ver se Europa moderniza este país e fai algo máis que propoñer recortes aos máis necesitados.

3.5.15

Festa dos Maios 2015

Os Maios volveron á Alameda do Concello, o seu asentamento tradicional. Boa decisión!
A festa da primavera, a festa da crítica, ten aquí o seu marco incomparable. Coa Banda de Música de Ourense tocando no templete, ver os maios, esas pirámides ergueitas que son unha homenaxe á natureza, a súa diversidade e ao seu colorido e escoitar o canto das copas produce unha sensación de orgullo do noso, de que temos algo que é propio que vén desde tempos antergos, que ten moito valor, que nos fai diferentes pero unidos ás tradicións europeas de exaltación da primavera... Vivan os Maios!

Coplas da Ronda da Auriense 2015

Ao planeta Marte
chegaría o AVE
se o Jesus Vázquez
fosse o nosso alcalde.

Fosse o nosso alcalde
com promesas vagas
fai publicidade
com moças em bragas.

Con moças em bragas
fixo a propaganda:
elas em pelotas
e el com bufanda.

E el com bufanda
é mui elegante
estragou o ensino
 e tirou pr'adiante...

23.8.14

Pero, en que tempos estamos?

Para Tragsa e a Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente tirar unha foto dun incendio forestal e publicala nas redes sociais pode implicar a suspensión de emprego e soldo para o bombeiro das BRIF que a realice... Indican que o emprego da cámara do móbil pode producir despistes e perigo. Menuda argumentación chusqueira! Os profesionais implicados saben perfectamente cando facer unha foto - nos tempos de desprazamento ao incendio ou nos descansos, nunca no intre de traballar. O comportamento destes dous entes quere evitar que se coñeza a situación real dos lumes en Galicia, eles controlan, dosifican e cociñan a información que dan aos cidadáns, e das situacións e dos medios que dispoñen os bombeiros para enfrontarse a estas delicadas situacións.
Tragsa e o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente queren que volvamos a tempos anteriores a 1975. Non podemos consentilo.
Poden seguir como traballan os bombeiros das BRIF na páxina Diario de un bombero.


22.8.14

Que paren os verquidos ao río Barbaña!

Xa está ben. Non  podemos seguir permitindo que quen sexa responsable dos sucesivos verquidos que se veñen producindo no río Barbaña quede impune. Todos estes verquidos proceden das inmediacións de San Cibrán das Viñas. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a consellería correspondente da Xunta de Galicia teñen que tomar cartas no asunto, identificar aos responsables e imporlle as sancións pertinentes que permitan mellorar a situación ecolóxica deste río que cruza Ourense e que, hai anos, disfrutou dunha situación ben distinta e saudable.

Foto José Paz - La Región

1.8.14

"Interesante" titular

Na edición dixital de hoxe de La Voz de Galicia aparece este "interesante" titular. Por que é interesante? Queda nas súas mans...