21.5.09

Recortes de profesorado en Infantil e Primaria

A Consellería de Educación vén de enviar á Inspección Educativa unhas instrucións nas que dicta o agrupamento de alumnado segundo estes criterios: se hai 20 ou menos alumnos nun ciclo, facer un só grupo; se hai 15 alumnos ou menos en dous ciclos, formar un só grupo cos alumnos dos dous ciclos.
Estas medidas son economicistas, inxustas e van en contra da calidade do ensino público. As zonas máis castigadas serán as zonas rurais, zonas onde é preciso dar mellor calidade educativa se cabe. Reducindo o número de profesores consíguese unha peor atención individualizada ao alumnado.
Esta xente vén coa tesoira recortar no eido público. Dentro de poucas datas virán as prebendas aos centros concertados e privados, que é o que a lles mola.

9.5.09

Que clariño fala...

O mes de maio é o mes das letras galegas. O 17 de maio é o Día das Letras Galegas. O Galego no ensino está nunha encrucillada á espera das decisións políticas que o goberno de Núñez Feijóo vai tomar... Por iso, estas palabras de Belén Regueira na entrega dos premios Mestre Mateo están cheas de sentidiño e de verdade e anímannos a adoitar unha postura máis activa na loita polo dereito e o deber de aprender e de falar Galego en Galicia.

22.3.09

A hora do planeta: 28 de Marzo - 20:30 h.

WWF organiza o 28 de marzo de 2009, de 20:30 a 21:30, A hora do planeta, un apagón voluntario de luz en edificios emblemáticos de cidades e domicilios particulares para concienciarnos sobre o futuro de A Terra, e darlle un aviso aos nosos políticos de que quedan moi poucas oportunidades para adoitar medidas definitivas e globais co gallo de evitar ou paliar o mellor posible o cambio climático que a meirande parte da comunidade científica vén augurando.

21.3.09

Non ao aceite de palma...

Onte vin un reportaxe na canle 24h de TVE pertencente a "El escarabajo verde". Falábase do orangután de Borneo, un primate dunha grande intelixencia que está a sufrir a eliminación do seu hábitat, o bosque tropical, debido, sobre todo, á destrución de dita selva tropical por plantacións de aceite de palma. Dábase a información de que ese aceite está presente no 10% dos produtos dun supermercado no mundo occidental. Unha forma de parar este cambio no hábitat do orangután sería que os consumidores non mercásemos ningún alimento elaborado con este aceite palma. Pero hai un problema. En moitas especialidades, nos ingredientes, figura "aceite vexetal" sen especificar o tipo de semente ou a súa orixe. Temos que esixir que se concrete a clase de aceite vexetal que compón un produto alimentario. Ademais, o aceite de coco e o aceite de palma (de orixe vexetal) son graxas saturadas que elevan a taxa de colesterol nos humanos en oposición ao resto de aceites de orixe vexetal (polinsaturadas e monosaturadas) que ou diminúen a taxa de colesterol ou incrementa o colesterol bo e baixan o colesterol malo.
Así, ademais de protexer o medio ambiente onde se desenvolven estes fermosos e cariñosos orangutáns, protexeremos a nosa saúde cunha boa e sana alimentación.
Ánimo e a esixir a identificación da orixe das graxas vexetais!

9.2.09

Así non...

Non estou en absoluto de acordo coas teses de Galicia Bilingüe, o seu concepto de liberdade de elexir choca contra os meus principios. Non estou de acordo tampouco cos radicais que van contra unha manifestación legalmente convocada e empregan a violencia. Creo na liberdade de pensamento e de expresión, e na tolerancia. Os seguidores de Galicia Bilingüe realizaron unha manifestación pacífica para defender as súas ideas e, aínda que esteamos nas antípodas do seu pensamento, debemos respectalos. Empregando a violencia non se defende o Galego.
O que está claro é que hai unha lei de normalización lingüística aprobada nun parlamento elexido libre e democraticamente e que todos e todas estamos obrigados a cumprir e a Administración ten que velar por que se cumpra. O PP rachou o consenso e, da man de determinados persoeiros, e "persoeiras", pouco recomendables, está a acender a mecha dunha guerra pola lingua que aquí nunca existiu e vai perder determinado voto galeguista que aínda lle quedaba nalgunhas zonas de Galicia. Onde está esa parte do PP con enfoque galeguista? Pode que agochados ata que o temporal amaine?
A violencia nunca é boa compañeira. Podemos defender o Galego activamente empregándoo en todas a situacións, esixindo o seu uso cando non se cumpra a lei, apoiando as iniciativas empresariais e cidadás que empregan e queren potenciar a nosa lingua. O Galego sufriu corenta anos de asoballamento e aínda hoxe vive unha situación preocupante. Non lle deamos argumentos doutro tipo a quen quere, no fondo, restaurar o totalitarismo lingüístico e o estado centralista.

11.1.09

Diferenza entre sono e soño

En Galego diferenciamos sono e soño... Hoxe escoitamos dicir a unha deputada ourensá nun mitin: "Hai 45 anos, Martin Luther King tivo un sono..." Repetíu esta palabra así empregada varias veces. Imaxinamos que o señor Luther King tería sono todos os días da súa vida, agás que os problemas que vivíu e que tentou resolver sacáranllo algunha noite... Seguro que tivo un soño, ese soño polo que loitou e que chegou a ser realidade. Ademais, o señor Obama tamén verá cumprido o seu "soño", un "soño" compartido con moitos cidadáns e moitas cidadás de Estados Unidos, o próximo 20 de xaneiro.
É salientable a frescura desta oradora no seu discurso, lido, por certo. Pois xa que le, pregámoslle que suba o seu nivel de esixencia lingüística para ser precisa na súa expresión, dignificar o Galego e non confundir sono con soño. O seu xefe utilizou despois dela correctamente este termo: "un soño..."
A pesares de todo, desexamos que o cambio en Galicia poida seguir avanzando outros catro anos, para que sexa máis profundo e que se note un chisco máis en todos os aspectos da vida das galegas e dos galegos.

8.11.08

A Banda de Música de Ourense no Conservatorio

Onte, venres día 7 de novembro, tocou a Banda de Música de Ourense no Conservatorio. Témoslle que dar á noraboa primeiro aos músicos e ao seu director pola calidade interpretativa que amosaron ao longo de todo o concerto. Tamén debemos agradecer á Tenencia da Alcaldía e ao equipo directivo do CMUS o feito de organizar este concerto no estupendo e cómodo auditorio deste centro musical que nos permitiu gozar da música porque o recinto e o público asistente están e estiveron á altura deste acontecemento musical. Había tempo que non disfrutabamos tanto. Moitas grazas! 
En canto ao variado e bastante amplo programa do concerto, imos destacar tres momentos importantes do mesmo. A primeira obra, Comic oberture, de Ferran F. (segundo o mínimo programa de man) sorprendeunos polo contraste entre as dúas seccións, a primeira que fai honra ao título en contraposición á segunda, chea de romanticismo. 
A segunda obra, Andaina, do compositor e mestre do Conservatorio Delfín Álvarez, encantounos. Un son forte do bombo dá inicio a unha auténtica andaina, a un percorrido onde os diferentes ambientes musicais van aparecendo desde sons da vangarda musical, jazz, sinfonismo de primeiros de século XX, música popular ata case afirmaríamos que escoitamos algunha referencia a Negra sombra. Todo moi ben orquestado e cunha sensación de unidade total. O son dunha campá anuncia o remate deste paseo musical. Queremos agradecer e darlle a noraboa ao profesor Delfín polo seu brillante e estupendo traballo compositivo. 
A terceira obra, Phanton of the Opera, de Webber, soou a auténtico musical e puido amosarnos a calidade de todos os músicos da nosa banda, que cando toca nun lugar axeitado loce con grande calidade.
Dous detalles para finalizar:
1.-Debemos seguir insistindo na elaboración dos programas. Non se pode permitir que haxa unha obra cun músico solista e que non apareza o seu nome por ningures. É unha cuestión de dignidade profesional. Quen confecciona estes programas? Ofrecemos a nosa colaboración con esa persoa para explicarlle polo miudo en que consiste un programa dun concerto.
2.- A Banda tería que tocar sempre no mesmo local para crear un hábito no público e non telo facendo o nómada polos diferentes escenarios locais, nun local con calidade acústica e con calidade visual onde poidamos ver e disfrutar da arte do nosos músicos.

2.11.08

Entender a crise...

Ao parecer está claro que na base desta crise financeira está a avaricia, a codicia e a estupidez... pero ao final o diñeiro de todos vai servir para arranxar as cousas. Queren entender o motivo desta crise? Neste vídeo explícase moi ben:



31.10.08

Unha cousa é falar, outra dar trigo

Nintendo vai sacar un novo xogo chamado Wii Music, onde utilizando a consola Wii, convírtese o salón da casa nunha academia de música onde se pode aprender a tocar un instrumento, dirixir unha orquestra, incluso compoñer música. Todo un alarde tecnolóxico que seguro fará pasar bos intres á nosa xuventude disfrutando coa música.
O que nos deixa abraiados é a falta de coherencia entre as declaracións da ministra de educación, que asistiu á presentación do xogo, e a súa política educativa. Estas son recollidas de El País: "Me decidí a venir aquí hoy para pedir a nuestros jóvenes que vivan la música. Para explicar a los padres que animen a sus hijos a utilizar las videoconsolas para aprender. Para animar a los profesores a utilizar aún más estos nuevos lenguajes en su labor docente".
As declaracións quedan moi bonitas e sintetizan unha mensaxe que compartimos, pero a realidade é que a política desta ministra e antecesores vai, dalgún xeito, polo camiño contrario: as horas de Música en ESO e Bacharelato sufriron un recorte importante. A vivir a música tamén se aprende nas aulas de música. Polo tanto, falar queda moi ben, pero, que facemos pola educación musical real do alumnado? Quitámoslle horas lectivas? Non aseguramos unha educación musical xeral para todo o alumnado?
Por outra banda, o contacto directo cos mestres e coas fontes sonoras; a riqueza desa vivencia educativa compartida cos compañeiros; a interpretación e creación musical en grupo; a utilización de instrumentos auténticos, non virtuais; a vivencia do son real... Todo isto e moito máis constitúe un conxunto de experiencias que a clase de música real aporta e que unha consola nunca poderá substituír.

25.10.08

Preguntas existenciais...

Por que os mesmos que cambiaron OFF e puxéronlle OUFF, agora crean FITO en lugar de FITOU? Ou é que unhas veces vivimos en Ourense e outras en Orense?

18.10.08

Máis conciencia cidadá, por favor...

Moito ten que cambiar a sensibilidade e a conciencia cidadá en moitas vilas e cidades da nosa terra. Cando un alcalde derruba un muro do século XVI para construír beirarrúas nun lugar onde non hai ningunha casa é porque dá máis votos facelas que protexer o patrimonio de todos, principalmente o do propio pobo. Noutras zonas de España, con máis cultura cidadá e máis aprezo polo seu e polos valores históricos que ao final dan prestixio e visitantes, isto sería impensable porque tal feito custaríalle unha chea de preciados sufraxios ao partido gobernante.
Gobernar nun concello non só é servir aos intereses da cada veciño, senón tamén aos intereses de todos, ao ben público. O labor dun dirixente non debe valorarse só polos metros de beirarrúas que constrúe, nin polos puntos de luz que se instalan, nin polos camiños e rúas que abra. Non só é iso. É algo máis. Sería tamén o coidado e a atención que lle merecen os servizos públicos no concello: a escola, o servizo sanitario, os transportes públicos. Habería que valorar ademais, como protexe, xestiona e promociona o patrimonio cultural e artístico que posúe o concello, como lle saca partido para o ben de todos os veciños... Porque non hai dúbida da enorme riqueza que neste eido temos na nosa terra e sería un xeito moi válido de aumentar as expectativas e a esperanza das persoas que viven no rural ao mesmo tempo que se sentirían máis ledos de pertencer a esa comunidade.

16.10.08

O noso apoio a Heitor Mera

Desde a nosa pequena fiestra ao mundo dixital, queremos apoiar a Heitor Mera, quen realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra do poeta cangués Bernardino Graña en Galego e que a UNED, unha universidade pública española, non autoriza a súa lectura por non estar redactada nunha lingua oficial da CEE. O tribunal que a vai xulgar está formada por filólogos galegos.
É posible tal discriminación? A cousa ten o seu aquel. Permitiríase unha tese escrita e defendida en francés sobre un poeta galego que escribiu en Galego e non se permite na lingua nai do poeta, unha lingua oficial nun territorio da nación e, dalgún xeito, obxecto de estudo nese traballo. É evidente que a lei que regula isto non está acorde coa realidade plurilingüista española e que con diñeiro de todos, estase a discriminar a unha persoa que quere empregar a súa lingua. Ao parecer a Comisión de Doutorado do Departamento correspondente desa universidade tomou tal acordo. Agora temos que recordar que os órganos colexiados deben cumprir a lexislación actual e que debe haber outros estamentos que controlen e corrixan decisións que atenten contra a liberdade individual dun cidadán.
Con todo isto aplaudimos a Heitor Mera por loitar por un dereito de todos, a pesares de non ser examinado e dilatar no tempo, debido ao proceso administrativo que vai emprender, a consecución do seu seguro e máis que merecido título universitario. Sorte e conta coa nosa solidariedade.

3.10.08

Cambios de contedores...

En Ourense precisamos un cambio nos modelos de contedores. En primeiro lugar, porque están a meirande parte moi vellos. En segundo lugar, porque co seu pouco peso son branco doado para as gamberradas nocturnas. En terceiro lugar, porque algún modelo terá un deseño ben pensado para a estética, pero nada práctico. A quen se lle ocorreu pór esa boquiña tan pequena no contedor amarelo que ao levar unha bolsa grande chea de plásticos non entra e atasca? E que me din deses contedores azuis para papel cunha boca por onde un cartón algo ancho non entra? É que queren penalizar aos bos cidadáns que desexan contribuír a destruír un chisco menos o noso planeta e aburrilos con eses atrancos?
Contedores novos, xa. Ah! Fagan o favor, políticos do goberno municipal, de esixir á nova empresa de lixo a xeralización do reciclado a todos os recunchos do noso concello...

22.9.08

Un dos candidatos a presidente de EEUU...

Despois de escoitar as declaracións do candidato McCain sobre se se entrevistaría con Rodríguez Zapatero, podemos chegar á conclusión de que tal candidato confundiu nun primeiro momento a Zapatero con zapatista, en Mexico. A entrevistadora insistiulle dicindo que ela falaba de Europa, e o señor candidato repetiu que el se entrevistaría con dirixentes que teñan a democracia e os seus valores coma norte. Daquela podemos concluir que nese intre descoñecía a relación entre Zapatero e España, e España con EE.UU.
É posible que un "futuro" dirixente da primeira potencia mundial teña un coñecemento tan "amplo" e "extenso" do mundo que o rodea? Tal vez poida ser debido á actitude moi común allende o Atlántico de estarse mirando continuamente para o propio embigo? Cando se estuda Europa no sistema educativo estadounidense? Posiblemente se estude nun máster moi especializado, deses que agora estamos a importar no novo sistema universitario español en converxencia con Europa.
Nada. Esperemos que gañe o outro candidato. Alomenos semella o menos malo...

19.9.08

A Banda de Música do Paseo

A miña relación coa Banda de Música de Ourense vén de cando era neno. Cando empecei a estudar no Conservatorio de Ourense e o meu profesor era o mestre Pinilla, daquela director deste centro e director tamén da Banda, ía xunto con meu pai aos concertos que esta agrupación ofrecía no templete da Alameda ou nos soportais da Casa do Concello. Neses intres xa existía o problema de sempre: a eterna loita entre quen vai a escoitar e disfrutar da música e quen vai a charlar con música de fondo, co correspondente prexuizo aos outros. Era frecuente que a carón do templete se xuntase un grupo de melómanos con "abellouros", que por parellas, falaban a berros sobre o tempo, como estaba a vida, o resultado do partido da tele ou como lles foi na última feira.
Pola Banda pasaron máis directores: García Basoco, Segismundo, Nicanor e o actual. Houbo corporacións de todas as cores e diferentes alcaldes: Veiga Pombo, Tabarés, Cabezas ou Paco Rodríguez. E o maltrato á banda, aos propios músicos e, sobre todos, ás persoas que queren gozar da boa música, sobrevive e os organizadores perseveran neste grande erro.
Facer tocar á Banda de Música no medio do Paseo, ás 20:00 h., atrancando o paso aos viandantes, nun día laborable e, por tanto, frenético de actividade é unha tolería. Non ten sentido que o director faga grandes silencios no medio das obras como para pedir atención e respecto á música porque nun lugar público e aberto non se lle pode esixir iso a toda a xente. De nada serve pronunciar unhas verbas comentando algún detalle dalgunha composición, porque incluso as persoas que estaban ao pé da banda nin se enteraron.
A esencia da Banda de Música non está relacionada con tocar na rúa. A esencia é que interprete un programa musical variado para instrumentos de vento e percusión e que o seu traballo chegue nas mellores condicións aos oíntes, quen son os destinatarios de tal acontecemento artístico. Por tanto, hai que proporcionar un marco axeitado a tal fin. Poderían dicir os responsables de tal desaguisado que así se dá a coñecer a Banda porque se pon en contacto con público que non ten por costume acudir a este tipo de eventos. Para nós ,este é un argumento non válido. A forma de promocionar a Banda debería seguir outros vieiros. En primeiro lugar, empregar un lugar pechado estable para os concertos semanais ou quincenais. Actualmente tivo a Banda varias sedes: o Liceo, o Auditorio... Nós suxeririamos un recinto céntrico e cunha acústica marabillosa: o Teatro Principal. En segundo lugar, darlle publicidade suficiente aos concertos nos medios de comunicación locais. En terceiro lugar, confeccionar uns programas atractivos para dar información aos asistentes sobre os compositores e sobre as obras a escoitar. En cuarto lugar, ofrecer concertos didácticos ben pensados e coa colaboración dos mestres de música dos centros para escolares e xóvenes. En quinto lugar, que a agrupación colabore con outros estamentos musicais da cidade e concellos dos arredores: co Conservatorio, invitando, por exemplo, a músicos dos últimos cursos a interpretar obras solistas coa Banda; coa Banda de Barbadás, coa de Celanova... facendo certames. En sexto lugar, programando concertos monográficos de cando en vez segundo as datas relevantes na cidade. Por exemplo, por que cando é a semana do cine non se programa en colaboración co organismo organizador de dito evento un concerto monográfico sobre a música de cine?
Como ven hai moitos camiños para revitalizar e poñer ao día á Banda. Todo pasa por tratar con dignidade ao público e aos músicos. Ou pensan que os músicos disfrutan tocando entre un público ruidoso? Non é unha falta de respecto ao profesional? Tamén pasaría regularizando para sempre a situación administrativa da propia Banda. É unha asociación cultural que firma un convenio co Concello para ser considerada "municipal", xa que ten a obriga de intervir en determinados actos e dar un número fixo de concertos ao ano. Por que non se municipaliza? Ou para empezar, por que non se convoca unha praza de director como funcionario municipal?
Ao parecer houbo un cambio de goberno municipal, pero, no fondo, a situación semella estar na mesma situación que co anterior goberno. Para que queremos o cambio? A ver se os responsables de Cultura ou da Tenencia da Alcadía actúan, póñense as pilas, deixan de gabarse tanto e traballan, que falta traballo calado, que é moi efectivo.

16.9.08

A fortuna e a xente de ben...

O pasado mércores, día 10 de setembro, na edición de Ourense de La Voz de Galicia, aparecía un artigo titulado "La fortuna de la inspectora". Está firmado por Antón Feito, que non sabemos se o nome responde a unha persoa de carne e óso ou é o alcume xornalístico dalgún redactor local dese diario. Nel se glosa a figura dunha inspectora de educación que salvou a vida nun terrorífico accidente de coche, na mesma páxina podemos observar unha foto do estado final do vehículo. Non temos nada que dicir sobre o contido do artigo, aínda que pensamos que tanto halago en todos os eidos da vida se nos volva dun empalagoso esaxerado e case nos atrevemos a calificalo de repulsivo. Alá o firmante coas súas intencións...
Sen embargo, hai unha oración que nos deixa frío, nos escandaliza e nos move a escribir estas poucas palabras. Este é o contexto: "...Ella puede decir, como Beatriz Reyes (la directiva de Caixa Galicia que sobrevivió al accidente de Spanair): Soy afortunada, he vuelto a nacer. María Ester también. Ha sido afortunada, porque la fortuna siempre elige a la gente de bien..." O autor reparou un chisco no que está a dicir? Daríase conta unha vez lido e reflexionado o alcance e repercusións destas palabras? Son todas as persoas que sobreviven a un accidente xente de ben? Son todas as persoas que perecen nun accidente non merecedoras do calificativo xente de ben? Que terá que ver a fortuna ou sobrevivir a un accidente con ser ou non ser xente de ben? 
Unha vez un membro dunha secta díxonos: "As persoas que morren nos accidentes de tráfico fano a causa dos seus pecados..." E quedou tan pancho. No fondo, non soa semellante á frase anterior?

13.9.08

A polémica entre Cal e a Conselleira

Estamos a presenciar unha polémica entre David Cal e a Conselleira Ánxela Bugallo. O tema poden lelo no xornal. Pensamos que moitas veces os políticos queren acaparar ou arrimarse ao carro dos trunfos dos demais xa que reporta boa imaxe e implica moitos votos. Esta sería unha das conductas a modificar pola clase política para gañar credibilidade.
O tema está claro. Se a Conselleira di que entregou un cheque de 106.000 euros a David Cal e este di que lle envía o número de conta para que llos ingrese (é dicir, non llos deu aínda), a Conselleira está na obriga moral de ensinar no Parlamento, lugar onde fixo tales afirmacións, a copia do correspondente libramento de pago, que seguro estará por aí. De ser así, David Cal quedaría en moi mal lugar e perdería grande parte do respecto que nos merece, non como deportista senón como persoa íntegra que semella ser. En caso contrario, a Conselleira debería incluso pensar na dimisión por tentar manipular a realidade, faltar á verdade e enganar a todos.
De todos os xeitos queremos felicitar a David Cal por non calar e, se el non desexa que empreguen a súa figura politicamente, está no seu dereito en pedir que o deixen en paz, tranquilo e á marxe de calquera relación coa Conselleira e demais "troupe".

12.9.08

Un acerto...

A liña de autobuses urbanos nº 5, Reza-Ceboliño, chega desde o 1 de setembro ata preto da pasarela de Outariz. Así, posibilítase o achegamento de auguistas e demais cidadáns pola ribeira de Reza dende moitas zonas de Ourense, co conseguinte aforro en combustible e menor contaminación ao empregar menos o coche particular. Considerámolo persoalmente un acerto importante. Deste xeito, pódese coller o tren das termas ou esta liña para ir a esta zona balnearia. Agora só fai falla a colaboración cidadá e empregar dito servizo.
Moitos cidadáns teñen a comodidade e o egoísmo como norte na forma de desenvolverse neste mundo. O concello investiu cartos de todos na construcción dun bo aparcadoiro na mellor ou case única zona que hai nas antigas graveiras de Reza. Non se debería permitir o estacionamento de vehículos a eses "comodóns" que deixan o seu coche na beiravía da estrada xusto fronte á pasarela. A garda civil debería lembrarlles as normas de tráfico sancionando coa multa de rigor o aparcamento ilegal porque, sendo unha estrada onde os ciclistas teñen certas preferencias, están a dificultar a circulación e constitúen un perigo para a seguridade vial. Á disposición destas persoas hai un xenial aparcadoiro e sempre queda o uso do transporte público que lles convertirá en cidadáns solidarios e ecolóxicos.

11.9.08

Non é xusto...

Un erro moi grave pode acarrear consecuencias fatais para as persoas. Iso pode pasar en moitas profesións: a medicina, o ensino, a xustiza... Estes días ocorreu algo. De Dereito pouco entendemos, pero guíanos o sentido común. Incumprir unha obriga durante máis de dous anos, incumpremento que levou consigo a morte dunha personiña, por riba, disculparse de xeito pouco honroso tratando de escurrir o bulto e achacándollo á baixa dunha funcionaria só ten o castigo dunha multa de arredor de 1500 euros. Claro, o órgano instructor considera a falta grave, en vez de moi grave. Pode estar o órgano sancionador actuando inxustamente, ou interpretando de xeito corporativo os feitos? 3 -2, foi o resultado da votación. Noutros ámbitos funcionariais un acontecemento semellante con esas consecuencias acarrearía unha sanción maior: incoacción de expediente, suspensión de empleo e soldo e inhabilitación para o desempeño da función.
Está claro o que pensa a familia da víctima, e nós opinamos igual e solidarizámonos con ela. Algo fede neste tema. Esperemos que a fiscalía tome medidas e interpoña un recurso para revisar dita decisión.

30.8.08

Rúas pestilentes

O Concello de Ourense vai aprobar a primeiros de setembro unha nova ordenanza de limpeza. Nela aprecen as condutas que se consideran faltas, a tipificación das mesmas e as respectivas sancións. Parécenos moi ben, a ver se así se consigue que a nosa cidade sexa cada vez máis limpa e libre de cheiros.

Se vostedes camiñan un sábado ou un domingo á mañá polas rúas próximas á zona vella, máis en concreto pola zona dos viños, poden experimentar sensacións olorosas propias dun urinario que estivese moi concurrido a altas horas da madrugada. A rúa do Paxaro, ou preto da camisería que hai no inicio da rúa de Paz, case na Praza do Ferro, son lugares fedorentos. Vai haber policías locais a esas horas para sancionar como é merecente esas condutas? Déanse conta que entre os usuarios desas rúas figuran os turistas que, de seguir así esta situación, van levar unha impresión cheirífera da nosa cidade. Ademais de tomar medidas coercitivas contra os mexóns maleducados, sería moi saudable que ás mañanciñas baldearan esas rúas con mangueiras ou cun camión cisterna, apuntando con bo ollo ao sitio onde se xunta a fachada coa beirarrúa para sanear todo dun xeito apropiado e así disfrutar do noso casco vello sen malos cheiros. Oxalá!