15.7.11

Na Alameda, contra unha sentenza xudicial

A "intachable" traxectoria anterior dunha persoa que comete un delito de estafa dunha pobre velliña enferma é un xustificante para pedir a absolución do delicuente? Este argumento sostívoo ante a Cadena SER en Ourense o Presidente de Deputación de Ourense na mobilización de apoio convocada onte na Alameda. A xustiza probou os feitos e o xuíz ditaminou unha sentenza. Eses son os feitos obxectivos. Houbo unha estafa de 600.000 €. Que sucede, que porque os cartos foron a unha institución benéfica é menos delito? O resto son ganas de enredar, incluso diríamos que se podería interpretar como unha mostra de agradecemento por "servizos prestados".

11.7.11

O roubo do Códice Calixtino na Catedral de Santiago

A noticia do 2011 que pasará á historia é que no 800 aniversario da Catedral de Santiago, o Códice Calixtino foi roubado do interior deste templo que o albergaba. 
É unha mostra máis que amosa o mal xestionado e o mal protexido que está o noso Patrimonio. Os responsables deberían deixar o seu posto. Os políticos deben reflexionar que, a crise non debe ser unha disculpa para xustificar a falta de inversión na conservación e protección do Patrimonio. Sabemos que ten que haber prioridades, como educación, sanidade e asistencia social, pero hai partidas do orzamento que se poden destinar a estes conceptos: coches oficiais, chóferes, soldo de altos cargos, número de altos cargos, persoal asesor, dietas... Hai moito gasto que non aportou nada e que só serviu para aumentar o déficit. Un exemplo: a política lingüística, contra o galego, da Consellería de Educación obrigou hai dous anos a gastar no cambio do libro de Matemáticas de 3º e 4º de Primaria porque tiña que estar en castelán. Non sería mellor esperar ao cambio de libros de todo o ciclo para aforrar ese gasto? Este exemplo amosa o derroche que determinada política pode chegar a representar e mostra a escasa capacidade de xestión dos nosos gobernantes. Logo son os primeiros en esixir aos demais que nos sacrifiquemos e aceptemos como mansos cordeiros a perda progresiva do estado de benestar que estamos a sufrir. "Chapeau polos nosos gobernantes".