19.1.14

Renfe incumple o seu compromiso

Segundo lemos en El País, Renfe comprometérase a ter operativo antes de finais do 2013 o sistema ERTMS nos Alvia que empregan a liña de alta velocidade Ourense-Santiago-A Coruña. O xornal informa que, a día de hoxe, aínda non está a funcionar e Renfe non dá ningunha explicación deste incumprimento.
Tamén tería que explicar que pasou co correo-e que lle enviara o xefe de maquinistas de Ourense tempo antes do accidente sobre as deficiencias de sinalización na curva de Angrois.
Coidamos que o presidente da compañía ferroviaria debería dimitir, ou, polo menos, ser cesado xa.

7.1.14

Co polbo a voltas

Semella que en Carballiño teñen unha suxerencia importante para a RAG, que ao cefalópodo de oito tentáculos se lle cambie o nome na nosa lingua, que sexa pulpo. Deste xeito unha festa gastronómica tan enxebre que se celebra en agosto poderíase seguir chamando Festa do pulpo. O argumento esgrimido é que na vila ourensá ninguén emprega a palabra polbo, alí é pulpo de toda a vida. Nós témolo claro: en galego, Festa do polbo;  en castelán, Fiesta del pulpo. Festa do pulpo sería unha mestura das dúas linguas, cousa que na nosa terra só ten un nome...