29.7.09

Noraboa, Contador

Un bo ciclista, nunha forma impresionante durante este Tour 2009, dominou a carreira, gañou nos momentos clave e soubo facerse líder do seu equipo que poderiamos chamar bicéfalo.
Segundo as súas declaracións houbo dúas loitas: na carreira e nos hoteis. Imaxinamos o que tivo que sufrir o corredor español cando o director e case todos os compañeiros apoiaban a Armstrong como líder. Lance suporía un puntazo en todos os aspectos como gañador do Tour. Pero a estrada e o estado de forma pon a cada un no seu lugar. Noraboa Contador!
Pensamos que incluso ata á organización da carreira francesa non lle facía gracia o ciclista español, senón, a que vén ese erro monumental co himno español no caixón de gañadores?
Por certo, a nós seméllanos "raro" ese xesto de pistoleiro que fai Contador cando recibe os trofeos. Parécenos totalmente incongruente con esa imaxe de humildade e sinxeleza que o ciclista pretende dar.

26.7.09

Bombeiros

Lembrámonos da vaga de incendios que asolou Galicia hai tres anos. Moitos bombeiros doutras comunidades achegáronse aquí para axudar ás brigadas galegas.
Queremos amosar a nosa solidariedade coas familias e os compañeiros e amigos dos seis bombeiros que morreron coas botas postas, a pé de incendio estes días en España. Esta perda de vidas humanas e a total destrución que supón un incendio forestal debe facernos a todos "mirar" máis para o monte e enfocar o nosos esforzos para bosques sostibles desde o punto de vista económico coma ecolóxico. O noso futuro depende tamén disto!

24.7.09

Hipócrita...

As persoas que din o que non senten son hipócritas, pero polas súas obras son recoñecidos. Poden elaborar o máis fermosos discursos, pero o día a día pon a cada un no seu sitio e non fai máis que contradicir as súas verbas.
Como podes chamarte galeguista e endosarlle un torpedo destructivo na liña de flotación do galego? Porque, a pesares do que sostén alguén con moito poder (pero que amosa non ter nin idea do campo que ten que administrar) o educativo é un eido preferente para poder soster a nosa lingua viva.

15.7.09

Pola democracia no software. Pola democracia no idioma

Todos os gobernos fan unhas cousas mellor e outras peor. O bipartito tivo os seus fallos mais unha das cousas boas que fixeron foi a de lanzar o centro de software libre Mancomún. Durante os últimos anos Mancomún mantivo actualizados en galego os programas informáticos máis usados como o navegador (Firefox) ou a ofirmática (OpenOffice). O Galinux, un sistema operativo para poder ter a computadora completamente en galego tamén foi unha iniciativa de Mancomún.

Durante a campaña eleitoral o Partido Popular prometeu implantar o software libre, pero agora que están na Xunta ameazan con desmantelar Mancomún, e nós queremos evitalo. Se tí tamén queres que Mancomún continúe funcionando, axúdanos sumándote a esta campaña: clica nesta ligazón para enviarlles agora un correo electrónico.

_________

Nota: esta é unha réplica da nova publicada en ciberirmandade, o luns 13 Xullo 2009, por mor de que A Xunta ameaza con desmantelar Mancomún. nova publicada tamén en ciberirmandade.

4.7.09

Garoña: non decisión

Este ano e pico de lexislatura, Zapatero estase amosando como un político ao que lle custa tomar decisións claramente e na que se está a comportar coma un político máis, do montón... Ese suposto rearme moral do que deu bastantes mostras na pasada lexislatura vese eclipsado nesta por tomar decisicións... ou non tomar decisións "en serio".
Porque se o programa electoral que o levou ao poder contempla o peche das centrais nucleares ao fin da súa vida activa, non se pode decidir pechar Garoña, pero dous anos máis tarde desa data, dentro doutra lexislatura porque dentro de catro anos é posible que o PSOE non goberne en España e o PP podería tomar a decisión (seguro que o fai) de non pechar a central definitivamente.
Semella que dentro do goberno hai unha corrente proclive á enerxía nuclear que convenceu ao presidente para que tomase esta decisión, que non contenta a ninguén. Se queren ser serios, necesítase un debate profundo sobre este tipo de enerxía e, sobre todo, aclarar que facer cos residuos radioactivos que durante milleiros de anos non perderán a súa capacidade devastadora e contaminadora. É preciso lembrar que hai unhas décadas estes residuos lanzábanse alegremente ao océano Atlántico, moi preto de Galicia. Necesítase, pois, un debate sen enganos e obxectivo, que estude a fondo os pros e os contras da enerxía nuclear e que teña en conta a opinión de técnicos, economistas, políticos, e, sobre todo, á cidadanía que, a fin e ao cabo, é a que se vai beneficiar ou vai sufrir as consecuencias do que se decida.
As enerxías renovables son inesgotables e limpas e o noso país ten unhas magníficas condicións en canto a vento e sol... Sigamos investindo neste tipo de enerxía porque ademais dos beneficios para o noso medio ambiente serviríanos para acadar un gran desenvolvenmento tecnolóxico que nos aportaría máis riqueza e máis emprego.

3.7.09

Manifesto: Galego, patrimonio da humanidade

Detodounchisco subscribe unha a unha cada palabra deste manifesto titulado "Galego, patrimonio da humanidade" que pasamos a reproducir:

“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man. A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país. A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua -independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente- debe reclamar unha volta do PP a un terreo común. Tamén mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación”.

1.7.09

A desmotorización de Feijoo

Acabamos de escoitar a un conselleiro da actual Xunta de Galicia recoñecer que a meirande parte deses coches oficiais (audis para máis detalles) "inútiles" que van vender foron mercados en tempos de Fraga e Feijjo coma conselleiro.
Despois de todo o follón que se montou na pasada campaña electoral polo "famoso" coche de Touriño, polo despilfarro do goberno bipartito e demais, agora veñen con esta. A verdade, semella que con esta venda hai que xustificar ante os galegos unha campaña electoral tan sucia e escandalosa, baseada, na meirande parte das veces, en medias verdades ou incluso mentiras.
Feijoo decidiuse pola desmotorización. Esixímoslle, pois, que saque a máxima rendabilidade económica desta operación que repercuta na mellora da vida dos galegos e galegas e que non malvenda, seguro que o saberemos se o fai, ese patrimonio mercado con cartos públicos.