30.6.09

Desastre ecolóxico no Barbaña

De neno, moito xogabamos á beira do Barbaña. Desde as típicas carreiras de barcos ata a indios e vaqueiros... Moitas veces acababamos no leito fangoso e asqueroso do río. Que rápido corriamos á casa a lavarnos! Porque, daquela, o Barbaña era unha alcantarilla ou cloaca ao aire libre. Diciamos: o Barbaña, a alcantarilla máis grande de España! Estaba chea de lodos fedentos, augas fecais, ratas... Non había outros sinais de vida animal.
Co paso do tempo, a situación do río foi mellorando. Diferentes actuacións ben encamiñadas posibilitaron que os peixes subisen polo río, que criasen nel, e que aves acuáticas coma parrulos ou pitas de auga anidasen nas súas orillas. O río tiña vida! Incrible! Que boas cousas pode facer o ser humano!
Estes días, un verquido contaminante procedente de industrias do polígono de San Cibrán das Viñas vén de acabar coa riqueza piscícola antes conseguida. Que desastre! O traballo de tantos anos, ao lixo.
Esperamos e esiximos aos organismos responsables e implicados no coidado ambiental do Barbaña a máxima dilixencia e unha investigación a fondo para atopar aos responsables de tal verquido e que o peso da lei e as máximas sancións posibles se apliquen para reparar na medida do posible os danos causados e facer desisitir a esas empresas contaminantes de volver intentar tal despropósito.
Estaremos vixiantes.

24.6.09

O galego, unha barreira idiomática... segundo os actuais gobernantes

O Parlamento Galego vén de rachar coa "barreira idiomática" do galego no acceso á función pública. Tal "fazaña" foi posible grazas a un partido de dereita capitaneado polo seu presidente que, segundo as súas propias palabras, vén de recuperar o consenso lingüístico. Está claro: o coñecemento de varias linguas non é algo desexable, é máis, constitúe unha barreira infranqueable e un impedimento para non escoller aos mellores... Pensabamos que consenso significaba acordar algo, non impoñer unha votación cunha única forza política. Lembremos que a aprobación da Lei de Normalización Lingüística si foi votada polos tres partidos políticos presentes na cámara.
A verdade, témoslle moito que agradecer a esta xente que nos abran os ollos e que aceptemos coa cabeza baixa que o coñecemento do galego non é fundamental para pertencer á Administración Pública Galega. Tamén estámoslle eternamente agradecidos por enviarnos no tempo ao pasado máis rancio obrigando a un galego que empregue a lingua propia de Galicia a mudar de idioma para poder entenderse cun funcionario da Xunta de Galicia e así resolver os seus problemas...
Resoan na nosa memoria palabras do estilo de "...Presidente que non une, que non suma..." xa non lembramos ben como acababa... E isto sóanos que pululou aló polo mes de marzo, máis ben a finais... En só dous meses hai que tragar a propias palabras e algún sapo? Tan cedo?

23.6.09

Onde están os galeguistas do PP?

Onde está ese sector galeguista do PP que non ve con bos ollos o exterminio do galego? Por que cala? Non é o PP un partido democrático? Non permite a opinión dentro do seu partido? Non se pode discrepar en público? O silencio din que otorga. Serán eles tan culpables como os dirixentes do seu partido que están a levar a cabo este "xenocidio" cultural.
Sen o galego, Galicia non é nada.

15.6.09

O Xornal de Galicia

Levo uns meses seguindo as informacións que aparecen en Xornal de Galicia ou no seu espazo web, xornal.com. Penso que por fin temos nas nosas mans e nas pantallas un medio informativo que utiliza o galego e o castelán a partes iguais, un medio que se fai eco das informacións máis importantes que acontecen no noso país e que algunhas, non aparecen noutros medios con máis "sona" e cunha sección de opinión plural e importante en canto ás relevantes figuras que firmas os artigos.
Se non o coñecen, próbeno e comprobarán que hai outra forma de facer as cousas en Galicia.

4.6.09

O contrato da Xunta con Microsoft

A Xunta vén de firmar hai un mes un contrato con Microsoft de 2,2 millóns de euros para a renovación de licenzas de software dese xigante informático. Semella que tal contratación foi realizada dun xeito pouco ortodoxo.
Esta decisión da nova Xunta vai claramente contra o plano de austeridade que Núñez Feijoo quere aplicar a toda a administración galega porque esa cantidade de diñeiro parece ser escandalosa non só polo seu montante senón tamén porque o software libre e de balde ábrese coma un medio para o aforro e o desenvolvemento tecnolóxico sostible da nosa comunidade.
Coidamos que é preciso rendabilizar esforzos que se fixeron arredor dese software libre durante o goberno bipartito, seguir a potenciar distribucións coma Galinux ou apoiar á Universidade de Vigo para que continúe con Trisquel, axudar ás empresas a mudarse a este tipo de programas e a Administración dar exemplo á sociedade galega e implementar estas tecnoloxías, que ademais deixan cartos aquí en Galicia e crean valor engadido de índole intelectual e tecnolóxico. Tamén queremos ser un chisco críticos co anterior goberno da Xunta de Galicia por non ser o suficientemente valente como para apostar clara e decididamente polo software libre en todos os eidos da administración pública galega.
Potenciar o software libre non só é unha cuestión monetaria de aforro, supón tamén un cambio de enfoque axiolóxico, nunha sociedade que debería aspirar a ser cada vez máis libre, fóra dos condicionantes que os programas privativos impoñen aos cidadáns.

2.6.09

A voltas co AVE...

O Plan Galicia elaborado polo PP cando este gobernaba en España e Galicia semellou quedar nunha simple campaña publicitaria con moito cartel polas estradas e anuncios na prensa. En realidade, só era iso, pois non había ningunha previsión de gastos nin unha memoria económica que avalase tal plan. Fume!
Cando o PSOE chegou ao poder en España, por fin foron chegando a Galicia cartos para diferentes obras. Co goberno do PSdeG e do BNG o incremento da inversión autonómica e estatal en infraestructuras foi medrando constantemente. O AVE avanzaba por Castela-León, o tramo Ourense-Santiago e o Eixe Atlántico (Vigo-A Coruña). Mentres tanto, a principal dificultade, o tramo Ourense-Lubián permanecía ancorado ou desprazándose a velocidade de tartaruga entre os diferentes estudos que cómpre realizar antes de aprobar unha obra de tal envergadura. Xurdíu unha data talismán: 2012. No 2012 o AVE estaría cruzando a paisaxe galega e comunicando Galicia co resto de España e Europa a 300 km/h. Moitos técnicos publicaban a súa opinión de que co ritmo de obras sería imposible acadar o final de obra nesa data. O Presidente Touriño seguía a insistir tercamente nesa data coa axuda, ás veces pouco afortunada, da agora ex-ministra de Fomento. O tempo foi pasando e o PSdeG non acadou o goberno galego nas últimas eleccións e houbo un cambio en Madrid. E de súpeto, sen saber como, semella que esa data, o 2012, non era real, que ese AVE case non acadaría os 200 km/h pola nosa terra, un AVE de "Segunda" (ao parecer así constaba no plan de Álvarez Cascos-PP).
Daquela, xurden unhas preguntas: era máis ben unha inquedanza dun político "inocente"( quen non foi capaz de gañar esas eleccións desde o poder) ou é un engano máis que os galegos e as galegas temos que soportar? Coido que noutros lares, tales enganos e vodeviles levarían inexorablemente aos responsables á desaparición parlamentaria. O PSdeG defendeu todo este tempo os verdadeiros intereses de Galicia ou agachou a cabeza diante de Madrid? Por que o PSdeG non ten ese rasgo diferencial dentro do PSOE que ten por exemplo o PSC? Cal foi o papel do BNG neste teatriño? Un convidado de pedra? Vai sacar do caixón do esquecemento o PP un novo Plan Galicia 2 fantasma? Como afectará a crise a todo ese volume de inversión preciso para traer dunha vez por todas a alta velocidade ao Fogar de Breogán?
Confírmase día a día: temos o que merecemos.