30.6.09

Desastre ecolóxico no Barbaña

De neno, moito xogabamos á beira do Barbaña. Desde as típicas carreiras de barcos ata a indios e vaqueiros... Moitas veces acababamos no leito fangoso e asqueroso do río. Que rápido corriamos á casa a lavarnos! Porque, daquela, o Barbaña era unha alcantarilla ou cloaca ao aire libre. Diciamos: o Barbaña, a alcantarilla máis grande de España! Estaba chea de lodos fedentos, augas fecais, ratas... Non había outros sinais de vida animal.
Co paso do tempo, a situación do río foi mellorando. Diferentes actuacións ben encamiñadas posibilitaron que os peixes subisen polo río, que criasen nel, e que aves acuáticas coma parrulos ou pitas de auga anidasen nas súas orillas. O río tiña vida! Incrible! Que boas cousas pode facer o ser humano!
Estes días, un verquido contaminante procedente de industrias do polígono de San Cibrán das Viñas vén de acabar coa riqueza piscícola antes conseguida. Que desastre! O traballo de tantos anos, ao lixo.
Esperamos e esiximos aos organismos responsables e implicados no coidado ambiental do Barbaña a máxima dilixencia e unha investigación a fondo para atopar aos responsables de tal verquido e que o peso da lei e as máximas sancións posibles se apliquen para reparar na medida do posible os danos causados e facer desisitir a esas empresas contaminantes de volver intentar tal despropósito.
Estaremos vixiantes.

Ningún comentario: