4.6.09

O contrato da Xunta con Microsoft

A Xunta vén de firmar hai un mes un contrato con Microsoft de 2,2 millóns de euros para a renovación de licenzas de software dese xigante informático. Semella que tal contratación foi realizada dun xeito pouco ortodoxo.
Esta decisión da nova Xunta vai claramente contra o plano de austeridade que Núñez Feijoo quere aplicar a toda a administración galega porque esa cantidade de diñeiro parece ser escandalosa non só polo seu montante senón tamén porque o software libre e de balde ábrese coma un medio para o aforro e o desenvolvemento tecnolóxico sostible da nosa comunidade.
Coidamos que é preciso rendabilizar esforzos que se fixeron arredor dese software libre durante o goberno bipartito, seguir a potenciar distribucións coma Galinux ou apoiar á Universidade de Vigo para que continúe con Trisquel, axudar ás empresas a mudarse a este tipo de programas e a Administración dar exemplo á sociedade galega e implementar estas tecnoloxías, que ademais deixan cartos aquí en Galicia e crean valor engadido de índole intelectual e tecnolóxico. Tamén queremos ser un chisco críticos co anterior goberno da Xunta de Galicia por non ser o suficientemente valente como para apostar clara e decididamente polo software libre en todos os eidos da administración pública galega.
Potenciar o software libre non só é unha cuestión monetaria de aforro, supón tamén un cambio de enfoque axiolóxico, nunha sociedade que debería aspirar a ser cada vez máis libre, fóra dos condicionantes que os programas privativos impoñen aos cidadáns.

Ningún comentario: