20.12.07

Estamos de acordo...

A rede de Internet ten posibles perigos para os nosos cativos e adolescentes. Mais tamén posúe o dobre de avantaxes e vieiros moi aproveitables para a súa formación integral. Ademais, tarde ou cedo, van ter que empregar a rede. Canto máis preparados estean, mellor para eles. Por iso, é preciso non pór atrancos ao uso de Internet na casa, nos centros educativos, pero sempre coa presenza colaboradora e orientadora do pai/nai ou do mestre/a. Así o escribe Aníbal de la Torre no seu blogue Adelat nun clarificador artigo.

12.11.07

Intereses privados... cargos públicos

Zepa, si; zepa, non, este é o dilema na zona de A Limia. Unha zona de protección de aves nun lugar onde antigamente existía unha lagoa, a lagoa de Antela, paraíso das aves na invernía, e que se convertiu nunha zona agrícola de primeiro orde roubándolle auga á lagoa e desecándoa. Ademais, empresas areeiras sacaron miles de toneladas do seu fondo... Tamén houbo unha concentración de parcelas... Agora, a actual administración quere propoñer unha Zona de Especial Protección de Aves, o cal, implicará algúns cambios nas formas de cultivo da zona. Unha plataforma cidadá oponse a esa declaración medioambiental porque considera que a agricultura desaparecerá da zona tal coma hoxe se coñece. Ao fronte, está un persoeiro público moi coñecido. Pero, a asociación ecoloxista Adega, vén de informar dos posibles intereses privados deste señor, que é posible se resintan coa Zepa de A Limia. Poden ler o seu informe...
Cremos firmemente que os políticos deben estar en política para servir ao ben común, non para defender intereses privados.

11.11.07

Felisindo Pérez Seara

O director de banda e compositor ourensán Felisindo Pérez Seara faleceu onte, día 10 de novembro. Queremos estar a carón da súa familia e dos seus amigos expresándolles as nosas máis sentidas condolencias.
Non tivemos a sorte de coñecelo persoalmente, pero si escoitamos e disfrutamos das súas composicións, que a Banda de Música de Ourense soe interpretar con bastante frecuencia, cousa digna de mención. Hoxe mesmo, co gallo do San Martiño, a banda tocou un fermoso valse deste noso músico.
Esperemos que a Banda de Música de Ourense organice unha homenaxe adicada a Felisindo Pérez, cun concerto monográfico no que poidamos escoitar e gozar das boas partituras coas que este compositor ourensán deixou unha pegada salientable na nosa sensibilidade musical.

8.11.07

Recupera a ortografía...

Este vídeo en castelán trata dun problema frecuente entre as xoves xeracións: a escasa sensibilidade por escribir con corrección ortográfica. Ademais do fenómeno dos SMS nos móbiles, os carteis publicitarios, os títulos do remate de series de televisión e películas, algunha campaña política que xoga perigosamente cun par de letras (en termos ortográficos)... son factores que animan e potencian este descuido.
Vexan este vídeo moi significativo:

2.11.07

O escandaloso acceso centro en Ourense

En Ourense hai unha obra pendente de seren inaugurada. Trátase do acceso centro á autovía. Ao parecer, a obra sacouse adiante a pesares dos informes negativos de técnicos municipais e de Fomento, policía local e en contra da opinión dos veciños afectados. Ademais do problema de derrumbe de taludes, que xa sucedeu, podemos observar unha pendente do 8% (cando os técnicos recomendan como máximo o 5%); tamén vemos que vai desembocar a unha zona xa moi conxestionada con dúas rotondas moi próximas que van crear moitísimos atascos porque todo o acceso a Ourense canalízase a través da zona dos Remedios. Non digamos nada sobre a situación das vías de acceso respecto das casas dos veciños...
Ao parecer, isto é unha herdanza máis do goberno municipal anterior. Si. Non só semella unha cabezonería do alcalde, senón de todos os seus concelleiros que asentiron ou calaron. Hai que seren responsables tamén dos silencios.
Agora, os demais a comerse o marrón...

28.10.07

Incongruencias...

O semanal do xornal El País da pasada semana trae un material moi interesante para traballar en clase o tema do perigo en que estamos a pór os humanos á Terra. Ademais, a portada é un magnífico póster que representa de xeito resumido e alegórico a actual situación do noso planeta. Pero alguén adicouse a pensar e darse conta da incongruencia existente entre o contido destes artigos e a publicidade que o propio semanal publica. Vexan o resultado:

28.9.07

En Ourense, as bicicletas son para...

Durante esta semana estiven observando en Ourense, no Campus Universitario, o uso das bicicletas que o Concello de Ourense vén de inaugurar a fin de semana pasada e puiden deducir que era nulo: as bicicletas permaneceron no seu lugar sen que ninguén as movese. É lóxico! E que o curso universitario aínda non comezou... Os universitarios, mulleres e homes novos, co deporte e a vida saudable entre os seus valores máis arraigados, cando se acheguen ás Facultades, verán todas as súas necesidades de desprazamento pola cidade solucionadas. Poden coller unha bici e desprazarse de balde dende o Campus ata a estación de bicicletas máis próxima ao lugar onde desexen ir. Ademais, agora dispoñen dun autobús especial, chamada curiosamente "lanzadeira", que os leva do Parque ao Campus e viceversa nun "santiamén".
Evidentemente, os universitarios e calquera ourensán coñecen os quilómetros e quilómetros de carril-bici cos que conta esta cidade. A súa seguridade está plenamente garantida polas rúas por onde circulen, perfectamente dotadas de cómodos carrís só para vehículos de dúas rodas a tracción humana, onde se sinten protexidos de coches e conductores estresados, furgonetas de reparto a toda mecha e autobuses copando cal fila india as rúas principais da cidade... Pero, de que cidade estou a falar?
Isto semella "empezar a casa polo tellado"... Tamén pódese cualificar a medida coma "propia de políticos con imaxinación": "a imaxinación ao poder", nunca mellor dito.

2.9.07

¡Que nivel...!

Estou algo abraiado. Acabo de ver un vídeo do programa "Quere ser vostede millonario", versión francesa, na que se lle pregunta ao concursante de marras: "Que gravita arredor da Terra?" Dánselle catro opcións: a Lúa, o Sol, Marte e Venus. O concursante descarta axiña Marte e Venus, mais amosan as súas dúbidas entre a Lúa e o Sol. Decide, pois, empregar o comodín do público quen, pásmense, dá o seguinte resultado: 56% Sol; 47% Lúa. Incrible! O concursante opina que ten unha dúbida do 50% e, ao final, decídese por... polo SOL.

Vaia nivel! É posible que o 57% do plató manifeste que o Sol gravita arredor da Terra? A palabra "gravita", será un atranco para a comprensión da pregunta? Haberá un problema de comprensión lingüística ou un problema de astronomía? Iso de "...arredor da Terra", non aclararía o suficiente para comprender o concepto "gravita"? Ou, é que o público optou por cachondearse do concursante?...

Non sei, pero os medios públicos franceses teñen moito que traballar na educación permanente dos seus cidadáns, na cultura xeral da cidadanía. E nós, tomar nota, aínda que me costa moito crer que aquí se dese un resultado semellante... Non sei, igual hai un sesgo importante entre o público que acude ao plató do programa. Con tanto programa do "corazón", tanto "reality", tanta prensa rosa ocupando tantas horas, tanto concurso sen sentido... non hai lugar para bos programas culturais que aumenten esa cultura xeral e sirvan para disfrutar mellor, dun xeito máis plenamente humano, da vida.

Poden disfrutar do momento, en francés con subtítulos en inglés

1.8.07

Reflexión ante as novas tecnoloxías

Para moitas persoas, enfrontarse coas novas tecnoloxías non é cousa doada. Ademais de experimentar sensacións de inseguridade atópaste perdido. Vexan este vídeo como unha reflexión sobre este tema.

25.7.07

O Galego...

Pareceume escoitar onte a un líder da dereita galega, falando para os seus cachorros, dicir que aprenderan Inglés para espallar o Galego polo mundo. Non sei se escoitei ben... Isto dito cando o seu partido retiroulle o apoio á recente lei do Galego no ensino.
Imaxínome que para espallar o Galego polo mundo haberá que falalo e estudialo ou é que este señor acaba de inventar un método de Galego baseado na aprendizaxe do Inglés? Dr. Maurer.... o seu Inglés en 1.000 palabras ten os días contados... Antes haberá que conseguir que o Galego se fale sobre todo en Galicia, que polo camiño que imos parece ter un futuro comprometido. E moito temos que mudar nas nosas actitudes cando pasmados asistimos a espectáculos como o que está a ofrecer esa plataforma chamada tan gallego como el gallego.
Déixense de marear a perdiz e apoien sen trabas ao Galego no ensino.

24.7.07

Xa empezamos...?

Son as 19:15 h. Por riba da nosa casa, preto do encoro de Velle (Ourense) acaba de voar o hidroavión dos incendios realizando a manobra para procurar auga... Escomezaría xa a praga negra? Pero se só levamos coma quen di 19 h. de verán! Olliño!

21.7.07

Efecto contrario...

A decisión do xuíz Del Olmo de secuestrar o número desta semana de El Jueves tivo, coma sempre que se toman estas medidas, un efecto contrario facendo de trampolín para que o tema da viñeta se expanda por todos os medios nacionais e internacionais.
A caricatura semella, ao noso entender, desafortunada, ao presentar aos personaxes nunha postura que pertencería á súa intimidade. O texto expresa verdadeiramente o que opina unha parte da nosa poboación. É certo que hai estamentos que teñen que estar protexidos. O que sucede é que chegamos ao punto de que algúns volvéronse intocables ao redor dos cales levantouse un cerco imposible de franquear. Nembargantes, cremos que todos os españois deberiamos ser iguais ante a lei, tal como está recollido na Constitución. ¿A fiscalía e o xuíz actuarían así se fosen outros personaxes os protagonistas da caricatura?
Nunha democracia, en pleno século XXI, non son de recibo os atentados contra a liberdade de expresión. Os nosos pais loitaron para conseguir que todos puidésemos disfrutar deste dereito durante case corenta anos. Os tribunais están para dirimir se nalgún intre se traspasaron os límites e atentouse contra o honor das persoas, pero nunca para secuestrar unha publicación. O próximo número de El Jueves ten o éxito asegurado...

26.6.07

Semella que o PA e o NM van desaparecer...

Pois, si. PA (progresa axeitadamente) e NM (necesita mellorar) teñen os seus días contados entre os escolares, familias e profes. A nova LOE volve a instaurar o sistema de cualificacións antigo: INsuficiente (1 a 4); SUficiente 5; BIen (6); NoTable (7 e 8) e SoBresaliente (9 ou 10).

Por un lado, nunha sociedade tan competitiva e cada vez máis, poderá ter sentido. Por outra banda, tamén é unha forma de marcar ao alumnado. Xa saben: en educación, cada decisión ten uns argumentos a favor e outros en contra e son tan lexítimos e tan ben fundamentados uns coma os outros.

Xa veremos...

29.5.07

Un caos...

Os acontecementos que están a seguir a suceder desde a masiva folga de mestres reivindicando unha xornada escolar de catro horas para xuño e setembro auguran un caos nos centros.
As centrais sindicais firmantes do acordo poden sentirse moi orgullosas. Saben que en Ourense a Delegación enviou aos centros a orde de que a hora de entrada en setembro do 2007 ten que ser a mesma que en xuño de 2007? Os centros que entran ás dez, poderán rematar as clases ás tres da tarde para logo darlle o xantar aos rapaces? Semella que é moi tarde para comer, de tal xeito que terán unha xornada de menos de cinco horas lectivas. Por un lado, obrigan a todos os centros a solicitar unha xornada de cinco horas e a Administración só garante esta xornada nos centros onde non haxa transporte escolar. Nos demais, poderán ter unha xornada de catro horas e media, catro horas, catro e cuarto, catro e tres cuartos... Así as diferencias entre centros urbáns e centros rurais agudizaranse.
Para isto, non sería mellor deixar todo como estaba? Quen puxo a esta conselleira esta pataca quente nas mans? Por que crear problemas, en vez de solucionalos? Quen sae gañando? Gañou moitos votos o PSOE con esta medida? Pagou a pena ter tantos problemas novos e non cumprir o que se firma? Que gañaron as centrais sindicais firmantes do acordo? Saen os nosos alumnos gañando con esta medida?
Moitos interrogantes. A verdade é que falta sentido común nesta consellería...

19.5.07

¿Onde están as nosas caixas de aforros?

¿Onde están as nosas caixas de aforros?¿En que negocios están metidos?¿Por que outras entidades invirten na conservación e posta en valor do noso patrimonio?
O ano pasado, CajaDuero pagou a afinación do órgano de Xunqueira de Ambía para que se puidese desenvolver cun mínimo de calidade o Ciclo de Órgano e Música Antiga desa vila ourensá. Hoxe enteŕamonos que Caixa Catalunya financiou a restauración dun retablo de importante calidade artística na nosa Catedral, tal como se pode ler nesta nova.
¿Restaurar patrimonio ourensán non é rentable para as nosas caixas? ¿Non se nutren cos nosos aforros? Sería preciso estar máis atentos e facer máis por Ourense en todos os eidos.

8.5.07

D. Luis Gallego Domínguez

Acaba de morrer o meu médico "de sempre", o doutor D. Luis Gallego Domínguez. Pediatra moi competente e médico de calquera que fose pola súa consulta, a súa formación, o seu ollo clínico e, sobre todo, a súa humanidade facían del o médico ideal. Nos tempos en que non había seguros médicos xeralizados, D. Luis atendía a todo o mundo sen cobrarlle nada. Por iso a súa consulta estaba a disposición de xentes humildes que apreciaban o grande traballo do doutor. Cando ías cuns síntomas, el sempre dicía que iso xa o tivera el. Isto para ti supoñía certa relaxación na preocupación e, seguindo a súas indicacións, sanabas rápido. Era unha persoa de trato afable e sempre se amosaba humilde e sinxelo, dúas características típicas de persoas sabias.

Coido que D. Luis constitúe un modelo no que moitos profesionais da medicina poderían mirarse e analizar a súa actuación.

Morreu D. Luis Gallego. O meu doutor. O doutor de moitísimos ourensáns e ourensás. Sempre estará no noso recordo. Gracias, D. Luis.

3.5.07

Folga de mestres...

Parece mentira. Nun país tan desenvolvido coma o noso, ás 14:30 horas aínda non comunicou a Consellería de Educación a porcentaxe de seguimento da folga de mestres convocada pola CIG. ¿Será unha nova mostra das malas artes empregadas por este organismo?
Foi unha folga á que moitos profesores, non só da CIG, senón tamén independentes e dos propios sindicatos que firmaron o preacordo para cargarse as reivindicacións do profesorado, víronse obrigados a apoiar. Non podemos consentir as manobras da consellería para dividir e desmobilizar ao profesorado, o vodevil que representaron as centrais sindicais que en principio convocaron unha folga na que endexamais creron e que logo firman un preacordo, o luns 30 de abril, exactamente o mesmo que o existente o sábado, cando negociaron por separado coa consellería. Un preacordo no se que cargan a xornada de catro horas e na que, a pesares do que digan eses sindicatos, consellería e medios de comunicación, non se garante en absoluto a igualdade de acceso de todos os centros a esa nova xornada de cinco horas. Bastaba que o acordo contemplase que a xornada se xeralizaba a todos os centros, independentemente de que teñan ou non servizo de transporte escolar, para que esta mobilización tivese menos repercusión. Porque señores, se a xornada dos centros depende do transporte escolar, está claro que con ese preacordo, tal como está redactado, seguiría habendo diferencias entre os centros, saíndo os do rural claramente perxudicados. Todos sabemos a tarta que se reparten os transportistas e cómo está deseñado o plano do transporte escolar nas catro provincias. Farían falla unha porrada de millóns para que todos os centros de Galicia, de infantil, primaria e secundaria, tivesen prácticamente o mesmo horario. Coidamos que no fondo, a consellería queríalle meter un gol pola escuadra ao profesorado galego co beneplácito de sindicatos que, ao parecer, non lle importa en absoluto defender as condicións de traballo de quen representan.
No fondo, estamos a defender tamén aos nosos alumnos e alumnas. Non podemos consentir que exista a posibilidade de que algún colexio galego teña que impartir clase pola tarde en xuño e setembro, porque as condicións nas que se van impartir esas clases non son as mellores para que os procesos de ensino-aprendizaxe se dean con proveito e con efectividade.
Se o argumento é a conciliación laboral e familiar dos pais dos alumnos, invírtase presuposto en monitores de tempo libre e demais, deste xeito a escola pemanecerá aberta con actividades axeitadas á estiaxe e poderá servir como centro de acollida de rapaces que, cada día máis, botan en falta estar cos seus pais e nais. Os sindicatos tiñan que loitar nas empresas para que as xornadas de traballo tiveran en conta a xornada escolar dos seus fillos. Pero estamos a falar dunha sociedade moi evolucionada, da que estamos, de momento, a anos luz.

21.3.07

Imos de mal en peor coa Consellería de Educación

Cando un equipo como o que está a desempeñar hoxe en día a función de Administración Educativa na Xunta de Galicia confunde labor asistencial con labor pedagóxica do profesorado, só pode ser un síntoma máis da sinrazón que pulula ao redor da Consellería de Educación.
Vén isto co gallo da eliminación da xornada única nos centros escolares nos meses de xuño e setembro. Esgrímese a razón de que hai que cooperar na conciliación da vida laboral dos pais dos alumnos. Podería ser unha boa razón, pero para isto habería que contratar a coidadores que manteñan os centros escolares abertos polas tardes con actividades lúdicas variadas. Ademais, non nos pode facer máis gracia, xa que os horarios lectivos que esta administración mantén en bastantes centros non seguen esa directriz apuntada nin de preto. No fondo podería estar unha razón electoral. Non sabemos o motivo, pero cando se achega o período electoral sempre observamos certas movidas raras ao redor da educación e dos profesores.
Hai razóns pedagóxicas detrás do "costume" de non ter clase pola tarde nos primeiros niveis nos meses de xuño e setembro. No primeiro caso, para favorecer a preparación das últimas avaliacións aos alumnos ou para ir collendo ritmo de traballo e evitar o cansanzo dos primeiros días tras o descanso estival, no caso do mes de setembro. Ademais, estes meses, aquí en Galicia, caracterízanse polas fortes calores vespertinas. Os centros educativos públicos non contan con instalacións de aire acondicionado para aminorar as altas temperaturas que se dan nas clases, nin moitos patios de recreo están preparados para que o alumnado soporte temperaturas extremas. Invito á Sra Conselleira a que durante eses meses non conecte no seu despacho o aire acondicionado para comprobar o ben que se pode traballar e rendir; súmelle, estimada señora, uns cantos rapazolos ao seu carón fartos de calor, sedentos, cheos de desgana... ¡Xa nos contará! Ademais, desgraciadamente, imos camiño de veráns cada vez máis calurosos.
O que tampouco ten sentido é que o servicio de comedor escolar non se preste neses meses. Os alumnos poden, ao rematar a xornada lectiva, comer o xantar no colexio e volver ás súas casas ao seu remate. Pero unha cousa non quita a outra. Unha cousa é o horario dos profesores, outra é o horario dos alumnos e outra sería o horario de apertura dos centros educativos.
Se quere gañar moitos votos, no eido educativo, xa sabe o que ten que facer: investir máis cartos dun xeito mellor, desfacerse dalgúns asesores que tan mal lle aconsellan e ...

11.3.07

Tres anos...

Hoxe cúmprense 3 anos desde os atentados do 11 de Marzo en Madrid. Quero amosar desde este meu sitio a miña solidariedade con todas as víctimas e coas súas familias e, en especial, con Pilar Manjón, víctima e presidenta da asociación "11 M Afectados del Terrorismo". Cando Pilar fala, algo se move no noso corazón: a súa templanza, a súa independencia, a súa cercanía para con todos, o seu cristalino pensamento... constitúen unha lección para todos nós.
De paso, queremos criticar ao goberno de Esperanza Aguirre por non conceder subvencións a esta asociación de víctimas. Unha asociación que non se doblega ante a chantaxe que o PP e a AVT realizan coas demais asociacións e que, se recibise tal subvención, sería realmente empregada en atender as moitas necesidades dos seus asociados e non en pagar e financiar manifestacións contra o goberno de turno.

Volved y contad todo lo que hoy habéis visto aquí...

"Volved y contad todo lo que hoy habéis visto aquí..." Así se expresaba onte, sábado 10 de marzo, ante unha muchedumbre encendida un coñecido político español. Arengaba á masa a que defendera a nación española, a que salvara a España de... Ao final, o himno español e "Habla pueblo habla..." Logo xa non digamos as expresións que empregaban bastantes manifestantes en contra de Zapatero, amosando a súa grande cultura, mostra do seu magnífico espíritu democrático e do seu uso e disfrute da liberdade, esa que piden, que semella non teñen.
¡Que cheire a rancio!¡Que imaxe máis casposa!
Quen obra así, quen emprega un ton mesiánico e catastrofista; quen critica ferozmente actuacións do seu rival político con grande incongruencia pola súa parte posto que cando gobernaba tomou ou secundou decisións aínda máis graves e ninguén lle dixo nada; quen non ten reparo en utilizar ás victimas do terrorismo para gañar votos; quen discrimina ás victimas do 11-M ou ás do Yakolev porque son víctimas "que molestan"; quen convoca ou asiste a manifestacións en contra dun goberno legal e lexítimo que cumpre a súa responsabilidade de aplicar a política antiterrorista; quen permite que dirixentes do seu partido mintan sobre decisións tomadas que agora compromoten o que tan bestialmente se critica; quen apoia e inspira unha conspiración informativa para achacar a ETA a autoría do 11-M; quen non ten reparos en "resucitar" á ultradereita española para aumentar adhesións; quen incendia ás masas e aumenta as divisións entre os cidadáns co apoio do "lobby" mediático mundo-episcopal; quen emprega todas as institucións políticas para machacar ao goberno nunha campaña atroz... aspira a gobernar España. Se accedese a tal posto, democraticamente claro, ¡menuda bagaxe política traería consigo!

24.2.07

A web do Concello de Celanova

¡Pásmense, amigos internautas! A web do Concello de Celanova só é visible con Internet Explorer... Parece mentira que nestes tempos nos que as aplicacións de código aberto son cada vez máis demandadas e empregadas, este concello permítese o luxo de desprezar aos usuarios de navegadores como Mozilla Firefox. ¡Eles o perden!

12.2.07

Francisco Rodríguez, deputado no Congreso, e a autocrítica

Onte limos en El País a entrevista que lle fan ao diputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez. Da mesma puidemos tirar algunha conclusión. Nós tamén percibimos que o cambio non se nota tanto como debería. Para el, cando lle preguntan en que aspectos, responde con asuntos vencellados ás consellerías do PSOE; con respecto ás consellerías do BNG, nada destacable parece dicir, e mira que non teñen metido a pata tamén. Parece ser que a autocrítica non a practica moito este deputado e pensamos que esta é unha boa calidade dun bo político. Isto é un síntoma máis e vén confirmar que na actual Xunta de Galicia hai como dous grupos, un liderado polo Presidente e outro liderado polo Vicepresidente. Tampouco compartimos as súas críticas á CIG, un sindicato non pode nin debe rendirse ante un goberno próximo ideoloxicamente, porque ten que defender os dereitos dos traballadores e estes non teñen necesariamente que coincidir cos intereses do partido gobernante.

10.2.07

Buenafuente e Oleguer

A miña noraboa a Buenafuente por dicir esta frase (traducida): "Ante a liberdade de premiar, está a liberdade de aceptar o premio". ¡Marabillosa frase! E fai moi ben non querer compartir o premio con ese xornalista que soe degradar habitualmente o xornalismo ata límites insoportables desde o seu micrófono ou desde os seus propios medios dixitais. Por certo, non se perdan as respostas de tal "persoeiro".
Noraboa a Oleguer, futbolista do Barça, por expresar a súa opinión libremente ante a situación de De Juana Chaos. Como calquera cidadán ten dereito á liberdade de expresión independentemente da súa profesión ou condición. Ninguén debería relacionar o feito de ser futbolista ou xogador de determinado club con non poder manisfestar publicamente o seu pensamento. Tamén ten dereito a firma Kelme a rescindir un contrato de imaxe co futbolista por expresarse de tal xeito. Pero tamén teño eu dereito a dicir que a partires de agora non mercarei máis ningún producto desa marca. O motivo salta á vista.

13.1.07

Sen explicación...

Para min non ten explicación o que está a suceder esta semana coas manifestacións deste sábado e as actitudes da clase política deste país. Non somos partidarios de meter a todos os políticos nun mesmo saco e chegar a afirmacións de que todos son iguais... Pero os políticos deben ser conscientes de que o que din e o que fan ten unha grande repercusión na vida do noso país e que os erros cometidos esta semana por todas as partes foron graves. Dende grabar clandestinamente ao Presidente do Goberno nunha reunión cos presidentes das comunidades autónomas nuns actos confidenciais, pasando por iso de agora vou, agora non vou, se ti pos isto eu no vou, se pos aquilo entón vou, pero se eu non vou non vai ninguén ata considerar o atentado do día 30 un accidente. Terían que analizar a súa actuación á luz dunha seria autocrítica e non dar pé a que terroristas e ultradereitistas estean a fretarse as mans porque se atopan con terreo abonado para o seu extremismo radical.
Dous traballadores perderon a súa vida o 30 de decembro nun atentado da banda terrorista ETA. Son dúas víctimas. O PP e a AVT non participarán na manifestación de Madrid en solidariedade coas familias destas dúas víctimas e as demais, convocada por organizacións de ecuatorianos e sindicatos de traballadores. A AVT, defensora das víctimas, non vai porque di que é un acto partidista, desprezando por completo a estas dúas víctimas. ¡Como se esta organización non convocase e acudise a manifestacións totalmente partidistas, cun lema en contra do goberno, incluso case botándolle á culpa ao mesmo do terrorismo!¿Como pode afirmar o presidente da AVT que o Presidente do Goberno de España pensa coma un terrorista? O PP non acude en primeiro lugar porque non aparece a palabra liberdade no lema. Unha vez engadida tal palabra no mesmo, non vai porque non está claro o obxectivo da mesma e aínda por riba esixe que se suspenda. O PP sempre quixo sacar rédito electoral deste tema e agora está a afogar ao goberno, quere seguir apertando no pescozo. A extrema dereita gaña cada vez máis terreo no partido da oposición, a parte de estar moi unida á AVT.
¿É que estas dúas víctimas son diferentes das outras?¿Será porque son de distinta nacionalidade?¿Serán diferentes porque os ecuatorianos non votan nas eleccións?
Non ten moita explicación...

7.1.07

Apelidos dos políticos en Galego

A min paréceme moi ben que os políticos dean exemplo galeguizando os seus apelidos, sempre e cando non se obrigue a ninguén. Xa era hora que alguén propuxese algo intelixente. Vindo a proposta de quen vén, imaxinamos aos políticos do BNG facendo tal operación. Non o sei a ciencia certa pero coido que o vicepresidente, home que está en todo, debería apelidarse Quintá, Anxo Quintá... De ser así, tería que cambiar todas esas cuñas publicitarias da súa consellería nas que o seu nome aparece a cotío, co consabido gasto. Cando eles empecen, outros seguirán a corrente e o camiño ata a plena normalización do Galego irá por bo trazado. Agora os filólogos teñen que abrir consultorías para proporcionar traduccións auténticas. Para o próximo ano, coas peponas galegofalantes, o éxito estará asegurado.

1.1.07

Escomeza un novo ano...

Xa estamos no 2007. Ao primeiro día de 2007 case non lle queda máis dunha hora. ¡Como pasa o tempo!
Rematou 2006 dun xeito pouco alentador. Un ano que comezou como case todos os anos, que tivo momentos bos, tamén malos (en Galicia, ano de incendios devastadores nunca vistos e inundacións froito do tempo, os propios incendios e a pésima planificación urbanística) e que remata cun atentado terrorista de ETA que leva por diante as esperanzas de paz que moitos, non todos, tiñamos depositadas ata ese intre e co asasinato (pena de morte) de Sadam Hussein, outro atentado contra un dereito humano básico como é o dereito á vida. O verdadeiro verdugo non eran as persoas con carapuchas que o rodeaban, realmente estaba agochado tras as autoridades iraquís oficiais e todos sabemos o seu nome...
Desexamos un aninovo 2007 cheo de saúde, paz e progreso sostible para todos e todas.