4.7.09

Garoña: non decisión

Este ano e pico de lexislatura, Zapatero estase amosando como un político ao que lle custa tomar decisións claramente e na que se está a comportar coma un político máis, do montón... Ese suposto rearme moral do que deu bastantes mostras na pasada lexislatura vese eclipsado nesta por tomar decisicións... ou non tomar decisións "en serio".
Porque se o programa electoral que o levou ao poder contempla o peche das centrais nucleares ao fin da súa vida activa, non se pode decidir pechar Garoña, pero dous anos máis tarde desa data, dentro doutra lexislatura porque dentro de catro anos é posible que o PSOE non goberne en España e o PP podería tomar a decisión (seguro que o fai) de non pechar a central definitivamente.
Semella que dentro do goberno hai unha corrente proclive á enerxía nuclear que convenceu ao presidente para que tomase esta decisión, que non contenta a ninguén. Se queren ser serios, necesítase un debate profundo sobre este tipo de enerxía e, sobre todo, aclarar que facer cos residuos radioactivos que durante milleiros de anos non perderán a súa capacidade devastadora e contaminadora. É preciso lembrar que hai unhas décadas estes residuos lanzábanse alegremente ao océano Atlántico, moi preto de Galicia. Necesítase, pois, un debate sen enganos e obxectivo, que estude a fondo os pros e os contras da enerxía nuclear e que teña en conta a opinión de técnicos, economistas, políticos, e, sobre todo, á cidadanía que, a fin e ao cabo, é a que se vai beneficiar ou vai sufrir as consecuencias do que se decida.
As enerxías renovables son inesgotables e limpas e o noso país ten unhas magníficas condicións en canto a vento e sol... Sigamos investindo neste tipo de enerxía porque ademais dos beneficios para o noso medio ambiente serviríanos para acadar un gran desenvolvenmento tecnolóxico que nos aportaría máis riqueza e máis emprego.

Ningún comentario: