23.8.14

Pero, en que tempos estamos?

Para Tragsa e a Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente tirar unha foto dun incendio forestal e publicala nas redes sociais pode implicar a suspensión de emprego e soldo para o bombeiro das BRIF que a realice... Indican que o emprego da cámara do móbil pode producir despistes e perigo. Menuda argumentación chusqueira! Os profesionais implicados saben perfectamente cando facer unha foto - nos tempos de desprazamento ao incendio ou nos descansos, nunca no intre de traballar. O comportamento destes dous entes quere evitar que se coñeza a situación real dos lumes en Galicia, eles controlan, dosifican e cociñan a información que dan aos cidadáns, e das situacións e dos medios que dispoñen os bombeiros para enfrontarse a estas delicadas situacións.
Tragsa e o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente queren que volvamos a tempos anteriores a 1975. Non podemos consentilo.
Poden seguir como traballan os bombeiros das BRIF na páxina Diario de un bombero.


22.8.14

Que paren os verquidos ao río Barbaña!

Xa está ben. Non  podemos seguir permitindo que quen sexa responsable dos sucesivos verquidos que se veñen producindo no río Barbaña quede impune. Todos estes verquidos proceden das inmediacións de San Cibrán das Viñas. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a consellería correspondente da Xunta de Galicia teñen que tomar cartas no asunto, identificar aos responsables e imporlle as sancións pertinentes que permitan mellorar a situación ecolóxica deste río que cruza Ourense e que, hai anos, disfrutou dunha situación ben distinta e saudable.

Foto José Paz - La Región

1.8.14

"Interesante" titular

Na edición dixital de hoxe de La Voz de Galicia aparece este "interesante" titular. Por que é interesante? Queda nas súas mans...


25.7.14

Aínda non funciona o ERTMS nos Alvia Ourense-Santiago

Pasaron sete meses desde o último artigo e o tema do ERTMS nos Alvia entre Ourense e Santiago segue sen estar resolto. Segundo as declaracións de onte do presidente de Renfe, os grandes problemas técnicos de comunicación entre a vía e os trens está a piques pasar á historia... e quedou tan pancho. Menudo morro!

19.1.14

Renfe incumple o seu compromiso

Segundo lemos en El País, Renfe comprometérase a ter operativo antes de finais do 2013 o sistema ERTMS nos Alvia que empregan a liña de alta velocidade Ourense-Santiago-A Coruña. O xornal informa que, a día de hoxe, aínda non está a funcionar e Renfe non dá ningunha explicación deste incumprimento.
Tamén tería que explicar que pasou co correo-e que lle enviara o xefe de maquinistas de Ourense tempo antes do accidente sobre as deficiencias de sinalización na curva de Angrois.
Coidamos que o presidente da compañía ferroviaria debería dimitir, ou, polo menos, ser cesado xa.

7.1.14

Co polbo a voltas

Semella que en Carballiño teñen unha suxerencia importante para a RAG, que ao cefalópodo de oito tentáculos se lle cambie o nome na nosa lingua, que sexa pulpo. Deste xeito unha festa gastronómica tan enxebre que se celebra en agosto poderíase seguir chamando Festa do pulpo. O argumento esgrimido é que na vila ourensá ninguén emprega a palabra polbo, alí é pulpo de toda a vida. Nós témolo claro: en galego, Festa do polbo;  en castelán, Fiesta del pulpo. Festa do pulpo sería unha mestura das dúas linguas, cousa que na nosa terra só ten un nome...