29.7.09
Noraboa, Contador
26.7.09
Bombeiros
24.7.09
Hipócrita...
15.7.09
Pola democracia no software. Pola democracia no idioma
Durante a campaña eleitoral o Partido Popular prometeu implantar o software libre, pero agora que están na Xunta ameazan con desmantelar Mancomún, e nós queremos evitalo. Se tí tamén queres que Mancomún continúe funcionando, axúdanos sumándote a esta campaña: clica nesta ligazón para enviarlles agora un correo electrónico.
_________
Nota: esta é unha réplica da nova publicada en ciberirmandade, o luns 13 Xullo 2009, por mor de que A Xunta ameaza con desmantelar Mancomún. nova publicada tamén en ciberirmandade.
4.7.09
Garoña: non decisión
Porque se o programa electoral que o levou ao poder contempla o peche das centrais nucleares ao fin da súa vida activa, non se pode decidir pechar Garoña, pero dous anos máis tarde desa data, dentro doutra lexislatura porque dentro de catro anos é posible que o PSOE non goberne en España e o PP podería tomar a decisión (seguro que o fai) de non pechar a central definitivamente.
Semella que dentro do goberno hai unha corrente proclive á enerxía nuclear que convenceu ao presidente para que tomase esta decisión, que non contenta a ninguén. Se queren ser serios, necesítase un debate profundo sobre este tipo de enerxía e, sobre todo, aclarar que facer cos residuos radioactivos que durante milleiros de anos non perderán a súa capacidade devastadora e contaminadora. É preciso lembrar que hai unhas décadas estes residuos lanzábanse alegremente ao océano Atlántico, moi preto de Galicia. Necesítase, pois, un debate sen enganos e obxectivo, que estude a fondo os pros e os contras da enerxía nuclear e que teña en conta a opinión de técnicos, economistas, políticos, e, sobre todo, á cidadanía que, a fin e ao cabo, é a que se vai beneficiar ou vai sufrir as consecuencias do que se decida.
As enerxías renovables son inesgotables e limpas e o noso país ten unhas magníficas condicións en canto a vento e sol... Sigamos investindo neste tipo de enerxía porque ademais dos beneficios para o noso medio ambiente serviríanos para acadar un gran desenvolvenmento tecnolóxico que nos aportaría máis riqueza e máis emprego.
3.7.09
Manifesto: Galego, patrimonio da humanidade
“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man. A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.
Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país. A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua -independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente- debe reclamar unha volta do PP a un terreo común. Tamén mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación”.