30.12.11

Ai que ver!

O home dos "hilitos de plastilina" chama ao home de "seguro que no el fuel no toca la costa gallega". Vivir para ver!



20.10.11

Xornal.com desconectado para sempre

Rematou a singladura na rede de XORNAL.COM É posible que a hemeroteca dixital que durante 13 anos de vida foi creando este medio desapareza para sempre.
Unha mágoa para o xornalismo, unha mágoa para o galego... Estamos "fastidiados".

17.10.11

Patética inoperancia...

Poden xulgar as declaracións do conselleiro de Medio Rural ao xornal El Pais sobre os incendios en Ourense destes días. Resumo: ter o dobre de brigadistas que o ano pasado por estas datas (que case non había ningún contratado porque o tempo foi o normal nesta época) significa que se poñen os medios necesarios para sofocar esta vaga de incendios, que como podemos comprobar está fóra de control. É máis: o conselleiro, responsable desta política inoperante, permítese o luxo de "esixir" ao goberno central que deteña a máis incendiarios... Mentres, material antiincendios está parado porque non hai persoal para movelo. Como se non fixese falta!!!
Aforrar, aforrará a consellería... mais o desastre ecolóxico notarémolo durante moitos anos, non só estes días sufrindo este aire irrespirable...

16.10.11

Afumados en Ourense... e algo máis

Estamos afumados. Os tellados, terrazas e rúas aparecen cheas de cinza. A respiración faise insoportable polo cheire a queimado. A barbarie dos incendios forestais na nosa provincia continúa. Por que non aparecen estes días incendiarios detidos?
A incompetencia da Xunta aumenta por momentos. A unha situación meteorolóxica adversa pola seca e as altas temperaturas, engádese unha política desnortada, cuxo único sentido é aplicar a tesoira en todo e deixar, entre outras cousas, ás brigadas contra o lume con poucos efectivos, porque hai que aforrar en soldos ao persoal!!! Menos mal que temos por aquí á Brigada de Emerxencias do Exército, maquillando a inoperancia da administración galega.
Desexamos que os galegos e as galegas decidamos nas próximas eleccións autonómicas realizar unha optimización de recursos (expresión que ultimamente emprega o conselleiro de educación para referirse aos recortes de profesorado na escola pública) e mandar á oposición a este goberno que, nos dous primeiros anos, se dedicou a desmontar todo o bo que o bipartito realizara e agora, coa crise económica e a financiación autonómica como excusas, está a desmontar o estado de benestar que entre todos sostemos, a desprestixiar os servizos públicos e a potenciar a xestión privada dos mesmos. A cidadanía dase conta disto porque na súa vida diaria está vivindo esta perda de calidade. Mentres, asiste atónita ao infantil espectáculo que dan os nosos políticos ante quen é o responsable do desmantelamento das caixas galegas e de que os seus anteriores directivos se levasenn uns "cuantos" millóns que son dos aforradores, por fundilas coa súa nefasta xestión. Estamos verdadeiramente fartos do "e ti máis". Lamentable!!!

15.8.11

Catástrofe ecolóxica na Baixa Limia

Este é o estado do encoro de As Conchas, no río Limia. As algas cianofíceas multiplicáronse por millón ao ter abundante materia orgánica na auga (contaminación humana, purines...) xunto coa seca e a subida de temperatura da auga pola calor. O resultado é a xeración de olor (que podería chegar a crear gases tóxicos), a contaminación das augas que as fan perigosas para animais e seres humanos (prohibido o baño e o emprego da auga) e as consecuencias económicas para a Baixa Limia que perde unha fonte fundamental de ingresos, cal é o turismo que disfrutaba da fermosas paisaxe e da auga do encoro.
A SGHN de Ourense leva trece anos denunciando este feito e nunca recibiu ningunha contestación por parte da administración. Este ano chegouse a unha situacion límite. Ante este panorama semella que as administracións (Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Xunta e MARM) esperan que veñan as chuvias de outono para que solucionen o problema (é o máis económico e o que implica menos esforzo). Parece que as autoridades se limitan a realizar análises e medio informar da situación. Non queren solucionar o problema, é dicir, ir ás causas e investir en medidas de depuración das augas residuais das vilas, en esixir ás granxas un tratamento de purines correcto, en planificar mellor a implantación das industrias gandeiras...
O tempo pasa e a degradación medioambiental desta fermosa zona de Ourense, moi preto do Parque Natural do Xurés, debería quitarlle o sono ás autoridades competentes e mudar así a súa nefasta actitude. 
A nosa solidariedade con todos os veciños e veciñas da Baixa Limia.

12.8.11

Incendio en Vilas de Astres ás 15:30

Ás 15:30 máis ou menos, o monte nas proximidades de Vilar de Astrés (Ourense) presentaba este panorama; por certo, moi preto das casas!! A lacra incendiaria intensifícase por momentos!!!
En agosto de 2006 xa ardera nesta zona!



Paletos

Segundo a opinión do Arcebispo de Toledo, os cidadáns que sexan críticos coa organización da visita do Papa a Madrid son uns "paletos" e afirma que España está a facer o "ridículo" con xente que adoita esta postura. 
En DeTodoUnChisco declarámonos neste senso "paletos integrais", desde os pés ata a cabeza. E, con moita honra e pensando no ben común, queremos contribuír con todas nosas forzas ao "ridículo" español.

3.8.11

Mañá, derradeiro número de Xornal de Galicia

Mañá publícarase o derradeiro número de Xornal de Galicia. A partires do venres, só continuará a súa versión en Internet. Desaparece así o último medio escrito onde o galego tiña unha presenza importante. A crise económica e, sobre todo, a falta de apoio institucional por parte da Xunta de Galicia (hoxe estanse a fretar as mans), apoio moi importante para xornais nos que a "presenza do galego é abondoso" como, entre outros, La Voz de Galicia. Esta política do goberno do PP vén dando estupendos resultados como xa sucedeu con Vieiros, A Nosa Terra ou Galicia Hoxe. Unha política que quere acabar con medios hostiles para o goberno galego actual, medios onde a esquerda e o nacionalismo poidan expresar a súas voces. Todo isto supón un empobrecemento do panorama informativo galego.
Menos mal que de momento seguirá o Xornal en Internet, pero albíscanse recortes de persoal que seguro irá en detrimento da calidade do medio.

2.8.11

Xa o imaxinabamos... pero, tanto?

Xa imaxinabamos que un asalariado ou un pensionista declaraba máis a facenda que un notario, un avogado, un arquitecto ou un pequeno empresario... pero non tanto!!! En tempo de baixa recadación por crise económica, por que non rematar con esta inxusta e insolidadaria fraude? Claro, así a crise só a sofren os pobriños asalariados (que estamos ben vixiados) e pensionistas: menos salario e menos pensión, menos profesores por alumno, lista de espera de sanidade cada día máis amplas, menos médicos e hospitais, suba nos transportes públicos... Ah! e logo subimos as retribucións ao persoal de confianza (Castela a Mancha - PP) nunha mostra meridianamente clara de austeridade...
O partido maioritario da oposición quere basear a saída da crise apoiando a estes pequenos empresarios, profesionais e "emprendedores". Está claro, para sobrevivir neste tempo, cómpre facerse emprendedor, que imos chupar do Estado e, enriba, defraudamos a Facenda e ao resto de cidadáns todo o que nos pete sen control de ninguén. Despois, seremos os primeiros en queixarnos de todo.

Todo isto vén da lectura deste artigo.

15.7.11

Na Alameda, contra unha sentenza xudicial

A "intachable" traxectoria anterior dunha persoa que comete un delito de estafa dunha pobre velliña enferma é un xustificante para pedir a absolución do delicuente? Este argumento sostívoo ante a Cadena SER en Ourense o Presidente de Deputación de Ourense na mobilización de apoio convocada onte na Alameda. A xustiza probou os feitos e o xuíz ditaminou unha sentenza. Eses son os feitos obxectivos. Houbo unha estafa de 600.000 €. Que sucede, que porque os cartos foron a unha institución benéfica é menos delito? O resto son ganas de enredar, incluso diríamos que se podería interpretar como unha mostra de agradecemento por "servizos prestados".

11.7.11

O roubo do Códice Calixtino na Catedral de Santiago

A noticia do 2011 que pasará á historia é que no 800 aniversario da Catedral de Santiago, o Códice Calixtino foi roubado do interior deste templo que o albergaba. 
É unha mostra máis que amosa o mal xestionado e o mal protexido que está o noso Patrimonio. Os responsables deberían deixar o seu posto. Os políticos deben reflexionar que, a crise non debe ser unha disculpa para xustificar a falta de inversión na conservación e protección do Patrimonio. Sabemos que ten que haber prioridades, como educación, sanidade e asistencia social, pero hai partidas do orzamento que se poden destinar a estes conceptos: coches oficiais, chóferes, soldo de altos cargos, número de altos cargos, persoal asesor, dietas... Hai moito gasto que non aportou nada e que só serviu para aumentar o déficit. Un exemplo: a política lingüística, contra o galego, da Consellería de Educación obrigou hai dous anos a gastar no cambio do libro de Matemáticas de 3º e 4º de Primaria porque tiña que estar en castelán. Non sería mellor esperar ao cambio de libros de todo o ciclo para aforrar ese gasto? Este exemplo amosa o derroche que determinada política pode chegar a representar e mostra a escasa capacidade de xestión dos nosos gobernantes. Logo son os primeiros en esixir aos demais que nos sacrifiquemos e aceptemos como mansos cordeiros a perda progresiva do estado de benestar que estamos a sufrir. "Chapeau polos nosos gobernantes".

20.6.11

Desprestixiar o labor do profesorado

O actual conselleiro de Educación da Xunta (o peor de todos/as os/as que até o de agora pasaron pola consellería en moito tempo) segue a súa política de desprestixiar o labor do profesorado. Vén de denunciar un acordo firmado cos sindicatos na que limitaba as horas de docencia a 21 h. semanais. Argumenta a consellería que este aumento de horas ata 25 vai favorecer a calidade da educación e que o profesorado poderá adicar tempo a facer guardas de recreo (como se non as fixese xa) ou gardar ao alumnado no tempo que vai entre que chega no transporte ata a entrada ás clases e viceversa.
1º) Quen é quen de afirmar que traballando máis horas se rinde máis?
2º) Que pasa coas horas que o profesorado empregaba para as diferentes dinamizacións dentro do horario escolar (bibliotecas, TIC, convivencia...)  que posibilitaban a realización de actividades coordinadas con outros profesionais e que aumentaban a calidade educativa?
O único que vemos nos argumentos da administración é un intento de enfrontar ao profesorado coa sociedade, unha precarización nas condicións de traballo dos docentes, unha masificación nas aulas debido ao recorte de profesorado que implica esta medida pois suprimiranse numerosas prazas de profesorado de apoio, política que si aumenta significativamente o fracaso escolar.
Por outra banda, detrás de todo isto está o tinglado do transporte escolar, quen a base de reducir rutas e autobuses aumentando a compartición de servizos entre varios centros é incapaz de cumprir os horarios e en numerosos casos deixa ao alumnado media hora antes do comezo das clases. Preto da miña casa hai un centro que recibe ao alumnado ás 8:35, cando entran ás 9:00. Por que non poden chegar eses buses ás 8:50- 8:55? Pero non houbo hai anos unha reestruturación de horarios para eliminar este problema? Non se lembran que hai centros con alumnado de 12-16 anos que está comezando a súa xornada escolar ás 10:30 h para evitar estas anomalías ou que hai moitos centros aos que se lles nega a xornada única porque é imposible que o transporte escolar poida atender ese horario? Claro, se por outro lado recortamos autobuses e rutas, a cousa volve fallar.
Tamén dubidamos das "nobres" intencións deste consellería ao presentar dita medida o 21 de xuño, a un día das vacacións do alumnado. É que algún medio levantou a lebre e obrigou a modificar as verdadeiras intencións destes "pésimos xestores" que non sería outra que anunciar isto en plenas vacacións do profesorado?
Todo isto presentado así, nun ambiente de crise económica e laboral, non fai máis ca colaborar no desprestixio da función docente. 
Menudo elemento é ese! Procede tal criatura da Universidade... Incrible, pero certo.

11.6.11

O deterioro dos servizos públicos

Desde que o PP está no goberno de Galicia vense notando un continuo e crecente deterioro dos servizos públicos. Como mostra, esta interesante denuncia dunha paciente viguesa que publica A nosa Terra

1.6.11

Renuncia a estar na oposición...

Cando unha persoa se presenta ás eleccións municipais, debe ter a defensa do programa a exame polos votantes como a tarefa encomendada a seguir durante os catro anos para os que pide a confianza do electorado. Claro que a aspiración máxima é poder levar á practica ese programa exercendo o goberno dado nas urnas, pero tamén ten que ser defendelo desde a oposición.
Semella unha práctica pouco recomendable renunciar ou non coller a acta de concelleiro porque non se gañase nas eleccións. Quedar na oposición dá dignidade política a estes candidatos. O seu bo facer na oposición habilitaraos ante o electorado para poder gobernar no seguinte período. Por iso non comprendemos estas renuncias que se están a dar en A Coruña, Pontevedra e outras cidades e vilas de Galicia.

26.5.11

Polo ton a coñecerás....

Hoxe escoitamos en Radio Ourense á candidata á alcaldía de Ourense polo BNG nunha rolda de prensa falando do futuro dos posibles pactos para gobernar no concello. Non imos entrar en absoluto sobre o contido da mesma, alá cada un co que fai cos votos recibidos. Queremos comentar o ton empregado pola concelleira ante os xornalistas. Parecía un ton semellante ao dunha alumna repelente, que repite con sorna as palabras como se os xornalistas non fosen capaces de entender a mensaxe que estaba a transmitir. Non nos gustou nada. Coido que non teñen a culpa dos seus males. Imaxino que a análise que están a facer no BNG dos resultados electorais chegará co paso do tempo a dar coas claves do comportamento do seu electorado, por certo, en caída constante desde hai máis de tres anos. O que si desexamos é que cheguen a esas conclusións antes de tomar unha decisión na constitución dos concellos o 11 de xuño. Estamos espectantes!

8.4.11

Espectáculo inaudito

Ás veces, os políticos empéñanse con todas as súas forzas en autodesprestixiar o seu oficio. Mentres piden e obrigan á cidadanía dos seus respectivos países a apertarse o cinturón, a sufrir baixadas de salarios, a perder garantías sociais... eles e elas, no Parlamento europeo son incapaces de predicar co exemplo e renunciar a prebendas nas viaxes e dietas. Como non vas poder comprender a esa cantidade cada vez máis numerosa de xente que opina que "todos son iguais". Si, case todos son iguais, pero aínda hai algúns e algunhas, poucos, é verdade, que son intelixentes e teñen un compromiso ético cos seus votantes e son capaces de reaccionar e dar exemplo. A esas persoas, o noso máis merecido respecto. Á maioría, que lle vaian pedir o voto aos seus familiares, que seguro os teñen ben mantidos.

2.4.11

Saída de Xosé Luis Gómez de Xornal de Galicia

Seguen os malos tempos no mundo da prensa en Galicia. O director de Xornal.com e de Xornal de Galicia acaba de deixar o seu posto. Ao parecer, segundo se indica en Galicia Confidencial, a publicación da famosa foto de Rajoy no iate pertencente a un membro dos Caneos en 2009, foi a pinga que colmou o vaso. Esta foto tamén foi publicada por "Público". Semella que o PP e o propio Rajoy presionaron moito ao dono da empresa.
A foto en cuestión lémbranos como na pasada campaña electoral en Galicia o PP e toda a súa artillería mediática autonómica e madrileña despotricaron contra Anxo Quintana cando apreceu nunha foto a bordo dun barco propiedade dun construtor. Canta hipocresía!!!!
Nun panorama onde a administración condiciona mediante subvencións ás empresas propietarias dos medios de comunicacións, o Xornal de Galicia e Xornal.com era unha das poucas visitas obrigadas para ter un punto de vista que contrastase coa "versión oficial". E disto, Xosé Luis Gómez é un dos artífices.
Esperamos volver contar con el axiña. Polo de agora, moitas grazas polo seu traballo, Xosé Luis.