15.8.11

Catástrofe ecolóxica na Baixa Limia

Este é o estado do encoro de As Conchas, no río Limia. As algas cianofíceas multiplicáronse por millón ao ter abundante materia orgánica na auga (contaminación humana, purines...) xunto coa seca e a subida de temperatura da auga pola calor. O resultado é a xeración de olor (que podería chegar a crear gases tóxicos), a contaminación das augas que as fan perigosas para animais e seres humanos (prohibido o baño e o emprego da auga) e as consecuencias económicas para a Baixa Limia que perde unha fonte fundamental de ingresos, cal é o turismo que disfrutaba da fermosas paisaxe e da auga do encoro.
A SGHN de Ourense leva trece anos denunciando este feito e nunca recibiu ningunha contestación por parte da administración. Este ano chegouse a unha situacion límite. Ante este panorama semella que as administracións (Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Xunta e MARM) esperan que veñan as chuvias de outono para que solucionen o problema (é o máis económico e o que implica menos esforzo). Parece que as autoridades se limitan a realizar análises e medio informar da situación. Non queren solucionar o problema, é dicir, ir ás causas e investir en medidas de depuración das augas residuais das vilas, en esixir ás granxas un tratamento de purines correcto, en planificar mellor a implantación das industrias gandeiras...
O tempo pasa e a degradación medioambiental desta fermosa zona de Ourense, moi preto do Parque Natural do Xurés, debería quitarlle o sono ás autoridades competentes e mudar así a súa nefasta actitude. 
A nosa solidariedade con todos os veciños e veciñas da Baixa Limia.

Ningún comentario: