21.2.12

Un libro fronte unha porra

Os estudantes do Instituto Luis Vives de Valencia estaban a protestar porque, debido aos recortes da Generalitat Valenciá, quedaron sen calefacción. Cada un deles tiñan que levar unha manta para poder aguantar a friaxe das clases (estamos no século XXI?). Desenvolveron unha protesta pacífica, non romperon nada, só cortaron o tráfico dalgunha rúa. A policía, en vez de conter, de negociar, de convencer, de "comprender" a situación, empregaron a forza bruta e dun xeito desproporcionado zurraron á mocidade. Isto foi a faísca que provocou o incendio. Onte, volveron perder os papeis: desde o xefe da policía tratando de "inimigos" aos rapaces, pasando pola Delegada do Goberno que cala ata chegar a algúns policías que no seu facer extralimitáronse (como ese famoso vídeo no que un policía empurra violentamente a dúas mozas contra un coche).
Desde aquí, queremos amosar a nosa solidariedade con eses mozos e esas mozas que están defendendo o seu dereito a recibir unha educación pública nas mellores condicións posibles, que antepoñen os libros fronte as porras, que están sufrindo nas súas carnes os rigores dunha "nova" política para manexar o orde público...
Animamos ao profesorado do centro a defender o seu estudiantado, que os protexa, que mostre comprensión e solidariedade con eles.
Animamos ás nais e pais dos estudantes maltratados a interpoñer as denuncias oportunas contra os axentes  que actuaron dun xeito desmesurado e inapropiado contra os seus fillos, moitos menores de idade, ou contra os mandos e políticos responsables destes feitos.
É así como vai ser a política de orde público deste goberno? Volveremos aos tempos dunha policía "gris"? Que pretenden, meter medo aos cidadáns ante a que se aveciña?

Ningún comentario: