2.4.12

O incendio na fraga do Eume

Esta temporada tan atípica desde o punto de vista meteorolóxico trouxo como consecuencia unha nova vaga de incendios. Seguimos igual. As galegas e os galegos semella que non damos respostas axeitadas ao problema dos incendios. Incendios que, ademais de arruinar a terra e o clima levan por diante vidas de persoas como sucedeu en Castrelo do Val. Agora, o incendio na fraga do Eume está a causar unha profunda ferida e grande degradación nunha paraxe ecolóxica protexida por seren un ecosistema bastante ben conservado e moi variado en canto á flora e fauna. Lembramos que hai anos, coa declaración de parque natural, houbo certos problemas na zona, como que había certa resistencia e presión contra a declaración de espazo protexido. Agora déronse as circunstancias ideais para que xurdira a catástrofe: seca, falta de humidade na atmosfera, vento... e uns medios de combate dos lumes que están en horas baixas debido, sobre todo, aos recortes económicos. Non sabemos se houbo ou non descoordinación entre os medios diferentes medios de extinción. Desde logo que pensamos que o monte protéxese no inverno. As subvencións que antes se daban aos concellos para limpar os bosques desapareceron por mor da crise. Desexamos que o incendio se apague o máis axiña posible, que se investiguen as causas do mesmo, se actúe contra os culpables (se é un lume provocado) e tómense todas as medidas necesarias para paliar os efectos negativos que vai sufrir a zona, desde os medioambientais ata os económicos, referidos estes ás perdas que xerará o impacto no turismo.

Ningún comentario: