19.9.08

A Banda de Música do Paseo

A miña relación coa Banda de Música de Ourense vén de cando era neno. Cando empecei a estudar no Conservatorio de Ourense e o meu profesor era o mestre Pinilla, daquela director deste centro e director tamén da Banda, ía xunto con meu pai aos concertos que esta agrupación ofrecía no templete da Alameda ou nos soportais da Casa do Concello. Neses intres xa existía o problema de sempre: a eterna loita entre quen vai a escoitar e disfrutar da música e quen vai a charlar con música de fondo, co correspondente prexuizo aos outros. Era frecuente que a carón do templete se xuntase un grupo de melómanos con "abellouros", que por parellas, falaban a berros sobre o tempo, como estaba a vida, o resultado do partido da tele ou como lles foi na última feira.
Pola Banda pasaron máis directores: García Basoco, Segismundo, Nicanor e o actual. Houbo corporacións de todas as cores e diferentes alcaldes: Veiga Pombo, Tabarés, Cabezas ou Paco Rodríguez. E o maltrato á banda, aos propios músicos e, sobre todos, ás persoas que queren gozar da boa música, sobrevive e os organizadores perseveran neste grande erro.
Facer tocar á Banda de Música no medio do Paseo, ás 20:00 h., atrancando o paso aos viandantes, nun día laborable e, por tanto, frenético de actividade é unha tolería. Non ten sentido que o director faga grandes silencios no medio das obras como para pedir atención e respecto á música porque nun lugar público e aberto non se lle pode esixir iso a toda a xente. De nada serve pronunciar unhas verbas comentando algún detalle dalgunha composición, porque incluso as persoas que estaban ao pé da banda nin se enteraron.
A esencia da Banda de Música non está relacionada con tocar na rúa. A esencia é que interprete un programa musical variado para instrumentos de vento e percusión e que o seu traballo chegue nas mellores condicións aos oíntes, quen son os destinatarios de tal acontecemento artístico. Por tanto, hai que proporcionar un marco axeitado a tal fin. Poderían dicir os responsables de tal desaguisado que así se dá a coñecer a Banda porque se pon en contacto con público que non ten por costume acudir a este tipo de eventos. Para nós ,este é un argumento non válido. A forma de promocionar a Banda debería seguir outros vieiros. En primeiro lugar, empregar un lugar pechado estable para os concertos semanais ou quincenais. Actualmente tivo a Banda varias sedes: o Liceo, o Auditorio... Nós suxeririamos un recinto céntrico e cunha acústica marabillosa: o Teatro Principal. En segundo lugar, darlle publicidade suficiente aos concertos nos medios de comunicación locais. En terceiro lugar, confeccionar uns programas atractivos para dar información aos asistentes sobre os compositores e sobre as obras a escoitar. En cuarto lugar, ofrecer concertos didácticos ben pensados e coa colaboración dos mestres de música dos centros para escolares e xóvenes. En quinto lugar, que a agrupación colabore con outros estamentos musicais da cidade e concellos dos arredores: co Conservatorio, invitando, por exemplo, a músicos dos últimos cursos a interpretar obras solistas coa Banda; coa Banda de Barbadás, coa de Celanova... facendo certames. En sexto lugar, programando concertos monográficos de cando en vez segundo as datas relevantes na cidade. Por exemplo, por que cando é a semana do cine non se programa en colaboración co organismo organizador de dito evento un concerto monográfico sobre a música de cine?
Como ven hai moitos camiños para revitalizar e poñer ao día á Banda. Todo pasa por tratar con dignidade ao público e aos músicos. Ou pensan que os músicos disfrutan tocando entre un público ruidoso? Non é unha falta de respecto ao profesional? Tamén pasaría regularizando para sempre a situación administrativa da propia Banda. É unha asociación cultural que firma un convenio co Concello para ser considerada "municipal", xa que ten a obriga de intervir en determinados actos e dar un número fixo de concertos ao ano. Por que non se municipaliza? Ou para empezar, por que non se convoca unha praza de director como funcionario municipal?
Ao parecer houbo un cambio de goberno municipal, pero, no fondo, a situación semella estar na mesma situación que co anterior goberno. Para que queremos o cambio? A ver se os responsables de Cultura ou da Tenencia da Alcadía actúan, póñense as pilas, deixan de gabarse tanto e traballan, que falta traballo calado, que é moi efectivo.

Ningún comentario: