14.8.10

Outra vez, os lumes...

Chegou agosto e voltaron os incendios intencionados a Galicia. Hai dous días morreron dous brigadistas no incendio de Fornelos de Monte. Eran dous xóvenes con experiencia ( 5 e 7 campañas nas súas costas). Unha mágoa! A nosa solidariedade coas súas familias e amigos.

Mais semella que non aprendemos. Despois da vaga de lumes do 2006, á que xa fixemos mención en agosto dese ano, semella que volvemos ás andadas. Independentemente de que un bosque non arde se non se lle planta lume (solicitamos máxima investigación policial, detención dos  "terroristas" e condenas exemplares), o goberno de Feijóo descoidou apoiar a limpeza dos montes e caeu nun erro que coidabamos xa estaba superado: o lume en Galicia atállase no inverno e na primavera. Porque este ano veu cun outono inverno e primavera moi húmidos e moita calor nos meses de maio e xullo. Estas condicións climatolóxicas aumentaron a masa combustible que, unido ao abandono do monte por falta de productividade económica e dunha política que potence o medio rural e axude aos seus habitantes, e unido á acción dos pirómanos, están a desenterrar as pantasmas do 2006. Ademais, nestes meses onde as condicións do monte favorecen a expansión do lume, pensamos que  non se debe autorizar e ten que estar totalmente prohibido calquera queima controlada e denunciar ás persoas que as realicen.

Pedimos unha política moderna baseada na prevención, non só no apagado dos incendios e a realización dos investimentos necesarios para poder desenvolver esa política sen escatimar cartos, porque todo o que se queime  é unha enorme contribución (pola xeración de gases de efecto invernadoiro, a destrución do manto vexetal que xera osíxeno, humidade e biodiversidade) ao cambio climático, que parece irreversible. Por iso, os incendiarios deberían ser considerados terroristas, porque a súa acción vai contra a vida humana, non só no presente senón tamén no futuro, polas nefastas consecuencias da súa actividade.

Ningún comentario: