16.8.10

En desacordo coa política informativa da Xunta

A información obxectiva sobre o que está a pasar estes días nos montes galegos e os incendios é un dereito que todos os cidadáns temos. A información obxectiva só ten aspectos positivos: describe a realidade tal como se está a dar, amosa o que se está  facendo para loitar contra o lume, permite valorar o traballo dos políticos e técnicos encargados da xestión da extinción dos lumes, conciencia á cidadanía (e isto é vital) sobre o nefastos que son os incendios e sobre o coidado que hai que ter cos montes, mostra o  extenuante traballo das brigadas e traballadores que deixan incluso a súa vida por loitar contra o lume...
A actual política informativa da Xunta de Galicia de non informar sobre incendios menores ca 20 hectáreas aducindo que a "información alenta o efecto chamada" amósanos que os dirixentes actuais infravaloran á cidadanía galega, trátannos coma rapaces inmaduros ou coma auténticos pirados (únicos sectores da poboación onde os expertos sosteñen que o efecto chamada pode ser real). Ou, hai algo que ocultar? Posiblemente si.
Xa sabemos que moitos dirixentes políticos queren controlar a información.  O control da información é poder. Unha cidadanía ben informada non se pode manipular, é máis libre e, polo tanto, máis perigosa para os intereses dos dirixentes políticos. 
Señores da Xunta de Galicia: estamos no século XXI, somos cidadáns dun estado democrático, temos deberes e dereitos, o dereito á información é un dereito irrenunciable. 
Mentres escribimos isto, están pasando por riba da nosa casa cinco medios aéreos relacionados coa extinción de incendios. QUEREMOS SABER.

Ningún comentario: