A visita de Bieito XVI está a xerar grande controversia entre a poboación galega. Os veciños de Santiago de Compostela teñen que sufrir certas incomodidades desde hai días na súa vida cotiá. A seguridade do Vaticano tomou o centro histórico de Santiago e convértese no xefe e coordinador do dispositivo policial. Unha cidade tomada pola policía, garda civil e polos xornalistas. A chegada, a visita á Catedral, "como un peregrino máis" e a misa da tarde están a ser retransmitidas a todo o mundo. Máis ben semella un grande acto mediático.
Hai xente que está a favor, que ve con bos ollos os gastos xerados nestas escasas sete horas que o Sumo Pontífice vai pasar connosco, 3 millóns de euros, que considera que é un persoeiro de primeiro orde, non só a nivel relixioso, senón como xefe de estado que é. Ademais vai promocionar o Camiño de Santiago!
Hai outra xente que considera que en tempos de crise este gasto é excesivo, que hai outras prioridades, que os poderes públicos deben manter a separación entre o público e o relixioso e non tomar partido por unha relixión concreta, aínda que sexa maioritaria. Hai opinións que sosteñen que o máximo representante de Deus na Terra debería encarnar os valores que Cristo mantivo na súa vida: pobreza, traballo polos pobres e menesterosos, humildade, tolerancia, acollemento ao diferente... Isto que si fai unha parte da igrexa, a verdadeira igrexa, a que está comprometida co seu tempo, que quere axudar a todos e cada un dos seres humanos deste planeta que viven situacións diferentes de pobreza, fame, intolerancia, guerra, enfermidade, paro, incomprensión, discriminación... Que fantástico sería que un peregrino calquera que está a rematar o camiño francés alá por O Pino, unha mañá de novembro como a de hoxe, preto de Santiago, se atopase co mesmísimo Bieito XVI, outro humilde peregrino, facendo o camiño igual que el, completamente de incógnito, vivindo esa marabillosa experiencia espiritual que moita xente que fai a peregrinación conta gozosa. Ah! pero que inxenuidade...!
En principio, xustifícanse eses gastos argumentando que estes días a hostelaría e demais negocios de Santiago ían facer o agosto. Os datos que se teñen arestora semellan que para hoteis, restaurantes e cafeterías é un fin de semana típico do Xacobeo no mes de novembro. Pode ser que co paso do tempo, o efecto mediático surta efecto e a cidade se beneficie desta visita.
Por outra parte, imaxinamos e queremos pensar que para os católicos que seguen á igrexa oficial, estes actos, aquí en Galicia, terán moitos beneficios na orde espiritual.
Non compartimos desde logo as declaracións do Papa aos xornalistas no avión que o traía a Santiago esta mañá. Nelas comparaba a situación actual de España, que a calificaba como "unha España cun gran laiscismo e ambiente anticlerical", coa da España dos anos 30. Primeiro, pensamos que en absoluto é comparable, pois o goberno socialista non vai sacar adiante a Lei de Liberdade Relixiosa ( que semella ser unha lei que incomoda bastante á Igrexa de Roma), sigue cumprindo uns pactos coa Santa Sede, que son preconstitucionais, renova cada ano os concertos educativos cos colexios relixiosos, segue o financiamento público dun ente que non paga os impostos... Todo isto ten algo que ver coa situación dos anos 30? Aínda queren ter máis poder? Suspiran pola volta do nacionalcatolicismo? En segundo lugar, pensamos que non é o momento de facer tales afirmacións, porque logo nos discursos oficiais nos actos do día non hai nada disto nas palabras do pontífice. E como se a unha persoa a invitan a comer nunha casa e, no camiño de ida, declara que nesa casa cómese moi mal e que non saben tratar ben aos convidados.
Nós somos partidarios dun estado aconfesional e laico, onde se respecte a liberdade relixiosa dos seus cidadáns, onde as diferentes relixións e confesións se autofinancien e onde haxa unha clara separación entre as institucións públicas e o Estado e as confesións relixiosas. Tamén somos partidarios de que a ensinanza relixiosa saia fóra do horario escolar e se potencie nas parroquias e lugares propios de cada relixión. Pero todo isto, sospeitamos, non o verán os nosos ollos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario