22.4.06

As axudas da Xunta para mercar un ordenador

A Consellería de Educación vai entregar 300 euros a 10.000 alumnos de quinto de primaria a segundo da ESO dos colexios públicos e concertados para favorecer ás familias coas rendas máis baixas para que as novas tecnoloxías poidan entrar nestes fogares. É unha axuda compatible con outras axudas públicas e privadas doutros organismos públicos e entidades. Temos visto por aí axudas de entidades públicas que esixen ter conexión tipo ADSL, cousa rara na Galicia rural (este é un xeito máis de desigualde).
Esperemos que realmente a axuda lle sexa concedida a familias con rendas baixas, aínda que para estas familias 300 euros pouco lle suporán ante o prezo dun portátil ou ordenador de sobremesa. Máis cando parece que van esixir comprometerse ás familias a manter o ordenador durante catro anos (cousa que non teño nin idea de como se pode demostrar). Canto máis barato sexa un ordenador, antes se queda desfasado.
O que nos chama particularmente a atención é o procedemento de solicitude. Non sei. Ás veces parece que as mentes pensantes desa consellería deben vivir noutro mundo, noutra dimensión. Xa lles pasou cando de golpe e porrazo, a varios días de escomezar o curso, decidiron a gratuidade de todos os libros de primaria polo sistema de préstamo por catro anos sen decatarse que no primeiro ciclo de primaria os alumnos escriben nos libros e hai que cambialos cada ano... Pois agora, este procedemento de solicitude da axuda só se pode realizar por Internet. Para acceder a Internet cómpre ter un ordenador. As familias que xa mercaron un ordenador desde o primeiro de xaneiro son afortunadas (agora, a cumprir os requisitos de ter renda baixa...). Pero se o obxectivo da axuda é favorecer a compra desta tecnoloxía, ¿como farán os fogares que non a teñan para solicitar dita axuda? Claro, primerio deben mercar un ordenador, conseguir conexión a Internet ( no rural case non hai ADSL, tampouco é imprescindible hoxe en día...), recibir un curso rápido de manexo e logo aprender a entrar na páxina web da Consellería para cubrir os formularios. E todo isto débeno facer nun prazo dun mes. ¡Que ben!¡Canta lucidez hai por aí arriba! Isto sería parecido a esixir ir ao exame teórico do carné de conducir, conducindo o teu propio coche. Igual ás mentes pensantes contan coa boa dispoñibilidade dos veciños, dun amigo, dos funcionarios e autoridades para prestarlle os ordenadores ou para facerlles eles mesmos os trámites. ¡Que lle imos facer!
Algúns pensarán só son 300 euros... pero por 10.000 familias son... 3.000.000 de euros... case nada. ¿E con eses cartos non se podería tomar outro tipo de medida máis efectiva que realmente beneficiara ás familias con rendas máis baixas para que entrasen no universo das TIC?

12.4.06

O Auditorio Municipal de Ourense

O Auditorio Municipal de Ourense ten preto dun ano de uso e xa podemos extraer algunhas conclusións da instalación e da xestión que se está a levar.
Temos que afirmar que a acústica da sala principal é nefasta. E iso que teño lido na prensa local a xente "cualificada" defendendo a boa acústica. Pois penso que erran. O escenario absorbe todo o son, o son non se proxecta cara ao público. Preguntámoslle a algúns músicos que tocaron no escenario e dixeron que lles foi moi difícil tocar porque entre eles case non se escoitaban.
Teño escoitado orquestras sinfónicas de máis de cen músicos cun son totalmente apagado, como se tocaran só dez; o que máis se escoita é a corda (porque está diante), o vento madeira e vento metal paracen estar tocando alá lonxe, na Praza Maior... Teño escoitado un grupo de gaiteiros cun son aceptable cando tocan en primeira liña pero completamente apagado cando tocan máis adentro. Teño escoitado a unha solista de piano cun son completamente inexpresivo e nun piano desafinado (era ao principio da singladura). Teño escoitado unha obra de teatro onde as voces dos actores e actrices eran case inintelixibles. Agora si, se usamos amplificación, xa te podes tapar os oídos porque a intensidade é demasiada (léanse concertos de Sabina e Serrat). Conclusión: temos un Auditorio tan mal deseñado acusticamente que practicamente non serve para escoitar música. En Ourense teñen moitísima mellor acústica o Teatro Principal e o Auditorio do Conservatorio... Están a anos luz.
Se a isto engadimos a pésima decoración interior (oscura, negra, lúgubre) e a incomodidade das ringleiras de butacas tan preto unhas das outras, podemos dicir que esta obra é unha auténtica chapuza...
Non falaremos moito da xestión do Auditorio. Ao fronte dela está unha persoa a quen isto lle vén un pouco grande porque lle falta formación específica. A publicidade de moitas actuacións é case nula, a calidade dalgunhas orquestras que se trouxeron (por parte do Concello) deixou nalgúns casos moito que desexar... A falla de coordinación dentro do propio Auditorio e co Teatro Principal fai que ás veces haxa ata tres concertos de música do mesmo estilo nun espazo dunha hora. A anécdota de onte coa Federaçao Tramontano Dumiense de Bandas Filharmónicas é moi significativa: quince persoas escoitando o concerto e entre elas nin estaba o xerente nin o técnico de cultura a quen a banda-orquestra quería agasallar....
Coido que Ourense merecería outra cousa...

11.4.06

A N 525 desde Ourense a Cea: estado calamitoso

O tramo entre Ourense a Cea da N 525, estrada Zamora-Santiago, está nun estado calamitoso. O asfalto está desconchado e hai unha chea de baches por todos os carrís. A pesares de que preto de Vilamarín está o centro de conservación de estradas, os operarios pásanse semana si semana non parcheando... debe ser por telos ocupados porque a efectividade do que fan só dura un par de horas mentres os coches e camións levantan pouco a pouco o rego asfáltico empregado.
É curioso. Eu percorro este tramo todos os días un par de veces e sufro a incomodidade e os gastos que o pésimo estado do asfalto me ocasiona. Esta estrada vai a Santiago e por aí seguro que pasan moitos coches oficiais de altos cargos da Xunta. Claro, estes señores viaxan no seu coche oficial e os gastos son pagados polos demais cidadáns, non polo seu peto directamente.
¿Non sería mellor levantar a capa asfáltica e volver pór unha nova? Coas novas máquinas que temos visto é cuestións de días. Así os pobres traballadores de conservación deixarán de facer cousas inútiles e poderán adicarse a outros menesteres e os conductores teremos máis seguridade nas nosas viaxes.

3.1.06

Ourense e os autobuses urbanos...¡bravo, Cabezas!

O alcalde Cabezas está que se sae. Ten a cidade estresada. Ademais de aprobar uns presupostos que hipotecan o futuro da cidade e que invirten pouco en melloras na cidade, agora agasállanos con autobuses de 15 anos de antigüidade, rematriculados e repintados, procedentes de Zaragoza.
Hai dous meses que a actual empresa gañou o concurso de adxudicación e todos esperabamos melloras importantes. De terras aragonesas chegaron unhas máquinas veteranas e obsoletas, que de súpeto paran no medio da rúa e formas atascos impresionantes, perfuman ós viaxeiros con "Madeiras de Oriente Gasoleadas", torturan os seus oídos con chirriantes sons e pechan as portas sen o control do chófer, co conseguinte perigo e susto para os usuarios.
¡Gracias, Cabezas, os que imos en bus te consideramos un monstro da xestión!¡Que ben nos tratas!¡Estamos encantados!¡Preséntate outra vez as eleccións, que o noso voto telo "amañado"!

22.12.05

¡A Real Banda de Gaitas na Catedral...!

Estou abraiado. Escoito na televisión local a Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense tocando na Catedral no concerto de Nadal. Si, están lendo ben, o Nadal entra oficialmente en Ourense co paso da oca.
Eu non son un experto mais sinto o son desta banda estrano. A min esa percusión ponme do fígado. Lémbrame a instrucción no cuartel, aquelas mañás interminables desfilando ó son da banda do rexemento... E xa non digo se me poño a mirar a forma de tocar: esa forma de mover baquetas e mazas efectista, circense, case de "majorette", daquelas que de nenos viamos na popular Batalla de Flores das festas de Ourense...
Esa forma tan seria de tocar por parte dos gaiteiros. Ese hieratismo inexpresivo, frío, marcial... A Banda de Gaitas toca panxoliñas. Agora imaxínense unha panxoliña coma por exemplo "Por entre as silveiras", que amosa unha tenrura extrema, que presenta ao Neno cheo de frío, pobriño, soíño, quentado por un boiciño, interpretada marcialmente, coa percusión antes descrita e cunhas voces femininas duras que berran para facerse escoitar ante tanta densidade sonora. Imaxínense. ¡Un cóctel explosivo!
Schubert compuxo un Ave María archifamoso, versionado de moi diversas maneiras... Faltaba a versión da Banda de Gaitas. Claro, cada versión ten a pegada profunda do estilo do versionador. Sigan imaxinando... ¡Quedei pasmado!
Que conste que para min a Banda de Gaitas ten tamén cousas positivas.
Eu pensaba... co órgano tan estupendo que está no alto, na Catedral, ¡qué ben soaría un concerto de panxoliñas acompañando a un coro! ¡Ah! Pero iso non se leva. Iso "non está de moda". Iso non é rentable... Ademais, canto menos se toque o órgano, máis tempo nos durará.

Demasiada oferta musical... mala coordinación

Aquí en Ourense pasan cousas estranas: hai semanas de seca musical como, de súpeto, vén unha borrasca que non deixar de botar semicorcheas por todos lados.
Na semana anterior ao Nadal, a saturación de actuacións é a moda. O día 21 houbo dous concertos: banda de música e festival de corais á vez. Hoxe, día 22, tres concertos, tres, nun espazo de tempo de 30 minutos...
¿Como é posible tal descoordinación? Elexir está ben, pero cando a oferta é tanta, córrese a risco de que algún espectáculo teña escasos oíntes.

3.12.05

Escomenzamos en DeTodoUnChisco

Escomenzamos

Aquí estamos. DeTodoUnChisco é un intento de reflexar unha parte de multidimensional realidade que nos arrodea.