24.2.10

Así calquera goberna... toma nota, Mariano

O equipo de Feijóo está a crear un xeito de gobernar que causa furor entre os seus seguidores: consiste en que decidan outros... No ámbito educativo esta regra séguese ao 150%. Que hai que decidir que lingua hai que falar, que decidan os pais; que hai que decidir se o temporal pode levar consigo algún risco para o alumnado, que decidan os directores se se deben suspender ou non as clases.
Os pais son técnicos lingüísticos de prestixio internacional e coñecen os principios pedagóxicos para o ensino dos idiomas e a situación sociolingüística galega. Están perfectamente capacitados para tomar unha decisión que afecte ao futuro dunha lingua propia dun territorio que vén perdendo falantes a esgalla...
Os directores dos centros educativos son excelentes técnicos en meteoroloxía capaces de avaliar as previsións e as consecuencias dun temporal e están especializados en previsión de riscos por fenómenos meteorolóxicos ademais de posuír plenas competencias para tomar decisións neste ámbito...
O goberno non toma decisións. No caso do temporal, non vaia ser que, como sucedeu máis dunha vez, se suspendan as clases e faga un sol de carallo... Menuda metedura de pata! As críticas dos pais e das nais tornaríanse feroces e inaguantables! Pero, e se acontecese unha desgraza? Sería responsable o equipo directivo que tomou a decisión de ter clase nun día de temporal cando realmente non é a súa competencia nin está capacitado para tal cousa? Que dirían os pais/nais? Que faría a Consellería?
Así calquera goberna. Toma nota, Mariano!

15.2.10

Bravo, Luís Tosar

Noraboa a Luís Tosar, este grande actor galego que vén de recibir un premio Goya como mellor actor principal en Celda211.
Noraboa tamén por exercer de galego empregando a lingua propia para adicarlle o premio á túa familia e lembrar aos teus amigos do Atlántico e do Matadero, diante de millóns de espectadores, diante de dous persoeiros presentes na gala que atacan á nosa lingua coa súa política. O teu xesto foi moi sutil nuns intres de conflito lingüístico imposto polo rancia dereita madrileña e pola teimuda repetición por determinados colectivos e polo PP da grande mentira: a da imposición do galego. Que fermosos aplausos cando dixeches que ías adicar o premio aos teus en galego, unha lingua que se entende ben... Pois se xentes que non viven a cotío na nosa terra entenden, que problema hai para empregalo xentes que son de aquí?

13.2.10

Un indiano ou algo así en Verín

Acabamos de ver na prensa diaria unha fotografía que reflicte un intre da celebración do Xoves de Comadres en Verín. Na pantalla podemos ver a unha fermosa chacha collida por un indiano ou non sabemos ben que, que semella sermos unha faciana coñecida. A muller, con cara de complicidade, limpa co plumeiro certa parte baixa do corpo do personaxe afamado. Este amosa un sorriso como de circunstancias.
Non sabemos como continuaría a sesión de "limpeza". Nós coidamos que viría ben unha limpeza máis arriba, alí onde reside a capacidade para amar Galicia e para amar o galego, para non traizoar aos nosos devanceiros e ás persoas que hoxe o manteñen vivo, para non enganar á sociedade con prestidixitacións plurilingües que son inviables hoxe en día. De paso, tamén limpar un pouco onde reside a capacidade e a decisión de gobernar, porque a crise que estamos a vivir tamén se combate desde Galicia, con políticas activas e imaxinativas, con inversións públicas... non repartindo a torta dos diñeiros públicos entre os "de sempre", por certo, feros defensores do liberalismo máis rancio que logo non teñen escrúpulos en despotricar contra os beneficios da sociedade de benestar que nos demos entre todos.
Claro que si. Temos dereito a vivir e disfrutar do entroido coma nos pete e desfogarnos coa catarsis que estes días ofrecen. Pero xa saben que cando remata o entroido, nada cambia, todo volve á normalidade e cada un segue a ser o que é o resto do ano.

4.2.10

As declaracións dun deseñador ourensán...

Eu endexamais merquei ningunha prenda firmada por Adolfo Domínguez. Sempre me pareceu un empresario oportunista, que non tivo ningún problema en desmantelar toda a produción téxtil que tiña aquí, onde creaba traballo aínda que nunhas condicións laborais de explotación do traballador bastante criticadas polos sindicatos, que chupou moitas subvencións de diñeiro público para manter os seus talleres en Galicia e que logo decidíu levala a Oriente para poder aforrar custos laborais e explotar un pouco máis aos traballadores. Lembran cando fixo aquelas declaracións sobre as mulleres traballadoras chinesas? Ou cando se subíu raudo e veloz ao carro de Al Gore? ...
Pois agora destapa o tarro das súas esencias máis cutres e recalcitrantes nas declaracións que hoxe podemos ler neste artigo de El País nas que pide o despido libre e descalifica o Estado de benestar. Todo o que construímos para crear un Estado que ampare a todos os cidadáns o destrúe este señor nun plis plas en aras do liberalismo salvaxe, como di el de "tipo anglosaxón".
Estou moi orgulloso de non ter mercado nunca roupa firmada por este "persoeiro". Animo a máis xente a facer o mesmo...