Acabamos de ver na prensa diaria unha fotografía que reflicte un intre da celebración do Xoves de Comadres en Verín. Na pantalla podemos ver a unha fermosa chacha collida por un indiano ou non sabemos ben que, que semella sermos unha faciana coñecida. A muller, con cara de complicidade, limpa co plumeiro certa parte baixa do corpo do personaxe afamado. Este amosa un sorriso como de circunstancias.
Non sabemos como continuaría a sesión de "limpeza". Nós coidamos que viría ben unha limpeza máis arriba, alí onde reside a capacidade para amar Galicia e para amar o galego, para non traizoar aos nosos devanceiros e ás persoas que hoxe o manteñen vivo, para non enganar á sociedade con prestidixitacións plurilingües que son inviables hoxe en día. De paso, tamén limpar un pouco onde reside a capacidade e a decisión de gobernar, porque a crise que estamos a vivir tamén se combate desde Galicia, con políticas activas e imaxinativas, con inversións públicas... non repartindo a torta dos diñeiros públicos entre os "de sempre", por certo, feros defensores do liberalismo máis rancio que logo non teñen escrúpulos en despotricar contra os beneficios da sociedade de benestar que nos demos entre todos.
Claro que si. Temos dereito a vivir e disfrutar do entroido coma nos pete e desfogarnos coa catarsis que estes días ofrecen. Pero xa saben que cando remata o entroido, nada cambia, todo volve á normalidade e cada un segue a ser o que é o resto do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario