24.2.10

Así calquera goberna... toma nota, Mariano

O equipo de Feijóo está a crear un xeito de gobernar que causa furor entre os seus seguidores: consiste en que decidan outros... No ámbito educativo esta regra séguese ao 150%. Que hai que decidir que lingua hai que falar, que decidan os pais; que hai que decidir se o temporal pode levar consigo algún risco para o alumnado, que decidan os directores se se deben suspender ou non as clases.
Os pais son técnicos lingüísticos de prestixio internacional e coñecen os principios pedagóxicos para o ensino dos idiomas e a situación sociolingüística galega. Están perfectamente capacitados para tomar unha decisión que afecte ao futuro dunha lingua propia dun territorio que vén perdendo falantes a esgalla...
Os directores dos centros educativos son excelentes técnicos en meteoroloxía capaces de avaliar as previsións e as consecuencias dun temporal e están especializados en previsión de riscos por fenómenos meteorolóxicos ademais de posuír plenas competencias para tomar decisións neste ámbito...
O goberno non toma decisións. No caso do temporal, non vaia ser que, como sucedeu máis dunha vez, se suspendan as clases e faga un sol de carallo... Menuda metedura de pata! As críticas dos pais e das nais tornaríanse feroces e inaguantables! Pero, e se acontecese unha desgraza? Sería responsable o equipo directivo que tomou a decisión de ter clase nun día de temporal cando realmente non é a súa competencia nin está capacitado para tal cousa? Que dirían os pais/nais? Que faría a Consellería?
Así calquera goberna. Toma nota, Mariano!

Ningún comentario: