6.11.10

A visita do Papa a Santiago

A visita de Bieito XVI está a xerar grande controversia entre a poboación galega. Os veciños de Santiago de Compostela teñen que sufrir certas incomodidades desde hai días na súa vida cotiá. A seguridade do Vaticano tomou o centro histórico de Santiago e convértese no xefe e coordinador do dispositivo policial. Unha cidade tomada pola policía, garda civil e polos xornalistas. A chegada, a visita á Catedral, "como un peregrino máis" e a misa da tarde están a ser retransmitidas a todo o mundo. Máis ben semella un grande acto mediático.
Hai xente que está a favor, que ve con bos ollos os gastos xerados nestas escasas sete horas que o Sumo Pontífice vai pasar connosco, 3 millóns de euros, que considera que é un persoeiro de primeiro orde, non só a nivel relixioso, senón como xefe de estado que é. Ademais vai promocionar o Camiño de Santiago!
Hai outra xente que considera que en tempos de crise este gasto é excesivo, que hai outras prioridades, que os poderes públicos deben manter a separación entre o público e o relixioso e non tomar partido por unha relixión concreta, aínda que sexa maioritaria. Hai opinións que sosteñen que o máximo representante de Deus na Terra debería encarnar os valores que Cristo mantivo na súa vida: pobreza, traballo polos pobres e menesterosos, humildade, tolerancia, acollemento ao diferente... Isto que si fai unha parte da igrexa, a verdadeira igrexa, a que está comprometida co seu tempo, que quere axudar a todos e cada un dos seres humanos deste planeta que viven situacións diferentes de pobreza, fame, intolerancia, guerra, enfermidade, paro, incomprensión, discriminación... Que fantástico sería que un peregrino calquera que está a rematar o camiño francés alá por O Pino, unha mañá de novembro como a de hoxe, preto de Santiago, se atopase co mesmísimo Bieito XVI, outro humilde peregrino, facendo o camiño igual que el, completamente de incógnito, vivindo esa marabillosa experiencia espiritual que moita xente que fai a peregrinación conta gozosa. Ah! pero que inxenuidade...!
En principio, xustifícanse eses gastos argumentando que estes días a hostelaría e demais negocios de Santiago ían facer o agosto. Os datos que se teñen arestora semellan que para hoteis, restaurantes e cafeterías é un fin de semana típico do Xacobeo no mes de novembro. Pode ser que co paso do tempo, o efecto mediático surta efecto e a cidade se beneficie desta visita.
Por outra parte, imaxinamos e queremos pensar que para os católicos que seguen á igrexa oficial, estes actos, aquí en Galicia, terán moitos beneficios na orde espiritual.
Non compartimos desde logo as declaracións do Papa aos xornalistas no avión que o traía a Santiago esta mañá. Nelas comparaba a situación actual de España, que a calificaba como "unha España cun gran laiscismo e ambiente anticlerical", coa da España dos anos 30. Primeiro, pensamos que en absoluto é comparable, pois o goberno socialista non vai sacar adiante a Lei de Liberdade Relixiosa ( que semella ser unha lei que incomoda bastante á Igrexa de Roma), sigue cumprindo uns pactos  coa Santa Sede, que son preconstitucionais, renova cada ano os concertos educativos cos colexios relixiosos, segue o financiamento público dun ente que non paga os impostos... Todo isto ten algo que ver coa situación dos anos 30? Aínda queren ter máis poder? Suspiran pola volta do nacionalcatolicismo? En segundo lugar, pensamos que non é o momento de facer tales afirmacións, porque logo nos discursos oficiais nos actos do día non hai nada disto nas palabras do pontífice. E como se a unha persoa a invitan a comer nunha casa e, no camiño de ida, declara que nesa casa cómese moi mal e que non saben tratar ben aos convidados.
Nós somos partidarios dun estado aconfesional e laico, onde se respecte a liberdade relixiosa dos seus cidadáns, onde as diferentes relixións e confesións se autofinancien e onde haxa unha clara separación entre as institucións públicas e o Estado e as confesións relixiosas. Tamén somos partidarios de que a ensinanza relixiosa saia fóra do horario escolar e se potencie nas parroquias e lugares propios de cada relixión. Pero todo isto, sospeitamos, non o verán os nosos ollos...

16.8.10

En desacordo coa política informativa da Xunta

A información obxectiva sobre o que está a pasar estes días nos montes galegos e os incendios é un dereito que todos os cidadáns temos. A información obxectiva só ten aspectos positivos: describe a realidade tal como se está a dar, amosa o que se está  facendo para loitar contra o lume, permite valorar o traballo dos políticos e técnicos encargados da xestión da extinción dos lumes, conciencia á cidadanía (e isto é vital) sobre o nefastos que son os incendios e sobre o coidado que hai que ter cos montes, mostra o  extenuante traballo das brigadas e traballadores que deixan incluso a súa vida por loitar contra o lume...
A actual política informativa da Xunta de Galicia de non informar sobre incendios menores ca 20 hectáreas aducindo que a "información alenta o efecto chamada" amósanos que os dirixentes actuais infravaloran á cidadanía galega, trátannos coma rapaces inmaduros ou coma auténticos pirados (únicos sectores da poboación onde os expertos sosteñen que o efecto chamada pode ser real). Ou, hai algo que ocultar? Posiblemente si.
Xa sabemos que moitos dirixentes políticos queren controlar a información.  O control da información é poder. Unha cidadanía ben informada non se pode manipular, é máis libre e, polo tanto, máis perigosa para os intereses dos dirixentes políticos. 
Señores da Xunta de Galicia: estamos no século XXI, somos cidadáns dun estado democrático, temos deberes e dereitos, o dereito á información é un dereito irrenunciable. 
Mentres escribimos isto, están pasando por riba da nosa casa cinco medios aéreos relacionados coa extinción de incendios. QUEREMOS SABER.

14.8.10

Outra vez, os lumes...

Chegou agosto e voltaron os incendios intencionados a Galicia. Hai dous días morreron dous brigadistas no incendio de Fornelos de Monte. Eran dous xóvenes con experiencia ( 5 e 7 campañas nas súas costas). Unha mágoa! A nosa solidariedade coas súas familias e amigos.

Mais semella que non aprendemos. Despois da vaga de lumes do 2006, á que xa fixemos mención en agosto dese ano, semella que volvemos ás andadas. Independentemente de que un bosque non arde se non se lle planta lume (solicitamos máxima investigación policial, detención dos  "terroristas" e condenas exemplares), o goberno de Feijóo descoidou apoiar a limpeza dos montes e caeu nun erro que coidabamos xa estaba superado: o lume en Galicia atállase no inverno e na primavera. Porque este ano veu cun outono inverno e primavera moi húmidos e moita calor nos meses de maio e xullo. Estas condicións climatolóxicas aumentaron a masa combustible que, unido ao abandono do monte por falta de productividade económica e dunha política que potence o medio rural e axude aos seus habitantes, e unido á acción dos pirómanos, están a desenterrar as pantasmas do 2006. Ademais, nestes meses onde as condicións do monte favorecen a expansión do lume, pensamos que  non se debe autorizar e ten que estar totalmente prohibido calquera queima controlada e denunciar ás persoas que as realicen.

Pedimos unha política moderna baseada na prevención, non só no apagado dos incendios e a realización dos investimentos necesarios para poder desenvolver esa política sen escatimar cartos, porque todo o que se queime  é unha enorme contribución (pola xeración de gases de efecto invernadoiro, a destrución do manto vexetal que xera osíxeno, humidade e biodiversidade) ao cambio climático, que parece irreversible. Por iso, os incendiarios deberían ser considerados terroristas, porque a súa acción vai contra a vida humana, non só no presente senón tamén no futuro, polas nefastas consecuencias da súa actividade.

27.6.10

Fuxan os ventos... entre fogóns!!

Que mágoa! Onte, en Ourense, na Praza Maior, o excelente grupo Fuxan os ventos ofreceu un concerto a un público entregado, que tivo que soportar o asedio por todos os flancos de postos de comida co ruido e cheire de rigor. Podería alguén xustificar o feito argumentando que, daquela, ese podería ser o ambiente propio dunha romería ou festa galega. Mais hoxe, no século XXI, un concerto é un concerto, é dicir, un espectáculo de música en directo onde a música ten o papel protagonista, e, polo tanto, a escoita debe ser o primordial. Deste xeito, non semella o ambiente axeitado para disfrutar do traballo artístico deste gran grupo galego, acompañado por figuras actuais do mundo da música e danza da nosa terra.
O dito, unha mágoa!!

2.6.10

En galego, tamén se fai ciencia...

Por que o galego, no ensino obrigatorio, non se pode empregar para aprender Bioloxía, Tecnoloxía ou Matemáticas? É algo incomprensible...

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

8.4.10

O Consello Escolar de Galicia rexeita o Decreto

O Consello Escolar de Galicia, onde todos os estamentos que compoñen a vida escolar dos nosos centros están representados, acaba de rexeitar o Decreto de Plurilingüísmo.
As declaracións do secretario xeral de Política Lingüística no sentido de que "A Xunta acepta a decisión do Consello, pero seguirá a tramitación do mesmo", non son máis que a mostra do empecinamento da actual administración educativa de ir en contra da maioría da comunidade educativa e da incapacidade para gobernar do equipo actual. Cando isto sucede e amósase de xeito tan evidente, non queda máis que dimitir.

1.4.10

Ruído innecesario, alcaldes.

Isto da fusión, absorción ou o que sexa, non hai quen o entenda. Falamos do tema que xurdiu entre os dous protagonistas principais, Caixanova e CaixaGalicia. Temos moitos actores que, en principio, deberían ser secundarios. A Xunta, o Banco de España, os alcaldes de Vigo e A Coruña...
Agora que as caixas firmaron un papel no que anuncian que van tratar o tema da fusión, as opinións mostradas estes días polos alcaldes de A Coruña e Vigo sobran, non son máis que ruído que complica o traballo negociador dos dous entes financieiros galegos.
Alcaldes, a calar un chisco! Deixen negociar nas condicións máis obxectivas posibles ás comisións negociadoras de ambas caixas. Porque a fusión ten que ser dalgún xeito rentable para as dúas entidades, senón, non serviría para nada. Como os beneficios desta posible operación teñen que ser para Galicia principalmente, alcaldes, déixense de localismos trasnoitados. Porque máis ou menos a conclusión do proceso vai repercutir en todos nós e todos nos xogamos algo neste tema.

16.3.10

Borrador do decreto... sentenza de morte do galego.

Unha mágoa! Estaba máis que visto! A sentenza contra o galego no ensino empeza a tomar corpo. En aras dunha falsa liberdade de escolla, en aras dunha victoria electoral que se interpreta como que necesariamente significa que toda persoa votante do PP ese día estaba en contra do galego como o está este goberno, en aras dunha presunta imposición do galego, dunha promesa electoral mal pensada, dunha forma de gobernar que consiste en declinar responsabilidades e pasar a pelota, ... o galego no ensino está condenado. Con medidas como que o alumnado poderá usar a lingua que lle pete tanto por oral coma nos traballos escritos, agás nas asignaturas de linguas; coa asociación malintencionada de galego coma lingua non útil para aprender contidos de tecnoloxía, matemáticas ou físicas; coa "gilipollez" de potenciar o galego nas actividades extraescolares; coa eliminación no devandito decreto da palabra normalización... estase a cavar a tumba para o galego.
Nós creemos que o ámbito educativo é onde as linguas se aprenden, se empregan, dáselles vida e utilidade e serven para o que serven, para comunicarse e unir á xente. Que non nos veñan con contos, relativizando o poder e a importancia do ensino na normalización dunha lingua!
A esperanza é que se en tempos históricos similares, aqueles "Séculos Escuros", a nosa lingua sobrevivíu, nestes tempos, cando o panorama amosa que todo está en contra do galego, temos medios, somos moitos e podemos sacar a flote este noso barco que pretenden afundilo as forzas máis extremistas dunha dereita que goberna Galicia dun xeito que abraia.
PODEMOS!

15.3.10

Fidelidade...

O dirixente do PSOE ourensán que mudou ao PP en menos de media hora, declara en El País que se considera unha persoa fiel... Indudablemente posúe un concepto de fidelidade moi particular!

9.3.10

Acto oficial do Día da Muller. Xunta de Galicia. Ano 2010

Esta é a idea da celebración do Día da Muller 2010 nun acto oficial da Xunta de Galicia?
Miren... sobran palabras!


Imaxe de El País


Desván de los Monjes...

Ninguén está libre de meter a zoca nalgún intre da nosa existencia. Hai veces que nos equivocamos por non actuar con rigurosidade no noso traballo. Isto debeulle pasar ao Conselleiro de Cultura, quen, seguro que por empregar un tradutor automático e non revisar a tradución, "meteu a zoca" cando leu, en Fitur, tan tranquilo el, Desván de los Monjes ( por Sobrado dos Monxes) e Toro (por Touro). Notamos, por outra banda, unha falta de reflexos importante, pois no propio momento da lectura, puido rectificar. A partires disto, poderiamos reflexionar sobre moitos conceptos relacionados co repecto e a consideración que moitos dos nosos gobernantes actuais teñen sobre Galicia e o galego... o día a día deste goberno confirma as nosas peores perspectivas.
O colmo é que o Conselleiro negou os feitos e chamou estúpidos a quen sostiña que iso sucedera. Pois ben, as TIC, que lle levaron a cometer tal erro, vólvense en contra do Sr. Varela, e está gravado na rede este glorioso momento.


24.2.10

Así calquera goberna... toma nota, Mariano

O equipo de Feijóo está a crear un xeito de gobernar que causa furor entre os seus seguidores: consiste en que decidan outros... No ámbito educativo esta regra séguese ao 150%. Que hai que decidir que lingua hai que falar, que decidan os pais; que hai que decidir se o temporal pode levar consigo algún risco para o alumnado, que decidan os directores se se deben suspender ou non as clases.
Os pais son técnicos lingüísticos de prestixio internacional e coñecen os principios pedagóxicos para o ensino dos idiomas e a situación sociolingüística galega. Están perfectamente capacitados para tomar unha decisión que afecte ao futuro dunha lingua propia dun territorio que vén perdendo falantes a esgalla...
Os directores dos centros educativos son excelentes técnicos en meteoroloxía capaces de avaliar as previsións e as consecuencias dun temporal e están especializados en previsión de riscos por fenómenos meteorolóxicos ademais de posuír plenas competencias para tomar decisións neste ámbito...
O goberno non toma decisións. No caso do temporal, non vaia ser que, como sucedeu máis dunha vez, se suspendan as clases e faga un sol de carallo... Menuda metedura de pata! As críticas dos pais e das nais tornaríanse feroces e inaguantables! Pero, e se acontecese unha desgraza? Sería responsable o equipo directivo que tomou a decisión de ter clase nun día de temporal cando realmente non é a súa competencia nin está capacitado para tal cousa? Que dirían os pais/nais? Que faría a Consellería?
Así calquera goberna. Toma nota, Mariano!

15.2.10

Bravo, Luís Tosar

Noraboa a Luís Tosar, este grande actor galego que vén de recibir un premio Goya como mellor actor principal en Celda211.
Noraboa tamén por exercer de galego empregando a lingua propia para adicarlle o premio á túa familia e lembrar aos teus amigos do Atlántico e do Matadero, diante de millóns de espectadores, diante de dous persoeiros presentes na gala que atacan á nosa lingua coa súa política. O teu xesto foi moi sutil nuns intres de conflito lingüístico imposto polo rancia dereita madrileña e pola teimuda repetición por determinados colectivos e polo PP da grande mentira: a da imposición do galego. Que fermosos aplausos cando dixeches que ías adicar o premio aos teus en galego, unha lingua que se entende ben... Pois se xentes que non viven a cotío na nosa terra entenden, que problema hai para empregalo xentes que son de aquí?

13.2.10

Un indiano ou algo así en Verín

Acabamos de ver na prensa diaria unha fotografía que reflicte un intre da celebración do Xoves de Comadres en Verín. Na pantalla podemos ver a unha fermosa chacha collida por un indiano ou non sabemos ben que, que semella sermos unha faciana coñecida. A muller, con cara de complicidade, limpa co plumeiro certa parte baixa do corpo do personaxe afamado. Este amosa un sorriso como de circunstancias.
Non sabemos como continuaría a sesión de "limpeza". Nós coidamos que viría ben unha limpeza máis arriba, alí onde reside a capacidade para amar Galicia e para amar o galego, para non traizoar aos nosos devanceiros e ás persoas que hoxe o manteñen vivo, para non enganar á sociedade con prestidixitacións plurilingües que son inviables hoxe en día. De paso, tamén limpar un pouco onde reside a capacidade e a decisión de gobernar, porque a crise que estamos a vivir tamén se combate desde Galicia, con políticas activas e imaxinativas, con inversións públicas... non repartindo a torta dos diñeiros públicos entre os "de sempre", por certo, feros defensores do liberalismo máis rancio que logo non teñen escrúpulos en despotricar contra os beneficios da sociedade de benestar que nos demos entre todos.
Claro que si. Temos dereito a vivir e disfrutar do entroido coma nos pete e desfogarnos coa catarsis que estes días ofrecen. Pero xa saben que cando remata o entroido, nada cambia, todo volve á normalidade e cada un segue a ser o que é o resto do ano.

4.2.10

As declaracións dun deseñador ourensán...

Eu endexamais merquei ningunha prenda firmada por Adolfo Domínguez. Sempre me pareceu un empresario oportunista, que non tivo ningún problema en desmantelar toda a produción téxtil que tiña aquí, onde creaba traballo aínda que nunhas condicións laborais de explotación do traballador bastante criticadas polos sindicatos, que chupou moitas subvencións de diñeiro público para manter os seus talleres en Galicia e que logo decidíu levala a Oriente para poder aforrar custos laborais e explotar un pouco máis aos traballadores. Lembran cando fixo aquelas declaracións sobre as mulleres traballadoras chinesas? Ou cando se subíu raudo e veloz ao carro de Al Gore? ...
Pois agora destapa o tarro das súas esencias máis cutres e recalcitrantes nas declaracións que hoxe podemos ler neste artigo de El País nas que pide o despido libre e descalifica o Estado de benestar. Todo o que construímos para crear un Estado que ampare a todos os cidadáns o destrúe este señor nun plis plas en aras do liberalismo salvaxe, como di el de "tipo anglosaxón".
Estou moi orgulloso de non ter mercado nunca roupa firmada por este "persoeiro". Animo a máis xente a facer o mesmo...