2.6.09

A voltas co AVE...

O Plan Galicia elaborado polo PP cando este gobernaba en España e Galicia semellou quedar nunha simple campaña publicitaria con moito cartel polas estradas e anuncios na prensa. En realidade, só era iso, pois non había ningunha previsión de gastos nin unha memoria económica que avalase tal plan. Fume!
Cando o PSOE chegou ao poder en España, por fin foron chegando a Galicia cartos para diferentes obras. Co goberno do PSdeG e do BNG o incremento da inversión autonómica e estatal en infraestructuras foi medrando constantemente. O AVE avanzaba por Castela-León, o tramo Ourense-Santiago e o Eixe Atlántico (Vigo-A Coruña). Mentres tanto, a principal dificultade, o tramo Ourense-Lubián permanecía ancorado ou desprazándose a velocidade de tartaruga entre os diferentes estudos que cómpre realizar antes de aprobar unha obra de tal envergadura. Xurdíu unha data talismán: 2012. No 2012 o AVE estaría cruzando a paisaxe galega e comunicando Galicia co resto de España e Europa a 300 km/h. Moitos técnicos publicaban a súa opinión de que co ritmo de obras sería imposible acadar o final de obra nesa data. O Presidente Touriño seguía a insistir tercamente nesa data coa axuda, ás veces pouco afortunada, da agora ex-ministra de Fomento. O tempo foi pasando e o PSdeG non acadou o goberno galego nas últimas eleccións e houbo un cambio en Madrid. E de súpeto, sen saber como, semella que esa data, o 2012, non era real, que ese AVE case non acadaría os 200 km/h pola nosa terra, un AVE de "Segunda" (ao parecer así constaba no plan de Álvarez Cascos-PP).
Daquela, xurden unhas preguntas: era máis ben unha inquedanza dun político "inocente"( quen non foi capaz de gañar esas eleccións desde o poder) ou é un engano máis que os galegos e as galegas temos que soportar? Coido que noutros lares, tales enganos e vodeviles levarían inexorablemente aos responsables á desaparición parlamentaria. O PSdeG defendeu todo este tempo os verdadeiros intereses de Galicia ou agachou a cabeza diante de Madrid? Por que o PSdeG non ten ese rasgo diferencial dentro do PSOE que ten por exemplo o PSC? Cal foi o papel do BNG neste teatriño? Un convidado de pedra? Vai sacar do caixón do esquecemento o PP un novo Plan Galicia 2 fantasma? Como afectará a crise a todo ese volume de inversión preciso para traer dunha vez por todas a alta velocidade ao Fogar de Breogán?
Confírmase día a día: temos o que merecemos.

21.5.09

Recortes de profesorado en Infantil e Primaria

A Consellería de Educación vén de enviar á Inspección Educativa unhas instrucións nas que dicta o agrupamento de alumnado segundo estes criterios: se hai 20 ou menos alumnos nun ciclo, facer un só grupo; se hai 15 alumnos ou menos en dous ciclos, formar un só grupo cos alumnos dos dous ciclos.
Estas medidas son economicistas, inxustas e van en contra da calidade do ensino público. As zonas máis castigadas serán as zonas rurais, zonas onde é preciso dar mellor calidade educativa se cabe. Reducindo o número de profesores consíguese unha peor atención individualizada ao alumnado.
Esta xente vén coa tesoira recortar no eido público. Dentro de poucas datas virán as prebendas aos centros concertados e privados, que é o que a lles mola.

9.5.09

Que clariño fala...

O mes de maio é o mes das letras galegas. O 17 de maio é o Día das Letras Galegas. O Galego no ensino está nunha encrucillada á espera das decisións políticas que o goberno de Núñez Feijóo vai tomar... Por iso, estas palabras de Belén Regueira na entrega dos premios Mestre Mateo están cheas de sentidiño e de verdade e anímannos a adoitar unha postura máis activa na loita polo dereito e o deber de aprender e de falar Galego en Galicia.

22.3.09

A hora do planeta: 28 de Marzo - 20:30 h.

WWF organiza o 28 de marzo de 2009, de 20:30 a 21:30, A hora do planeta, un apagón voluntario de luz en edificios emblemáticos de cidades e domicilios particulares para concienciarnos sobre o futuro de A Terra, e darlle un aviso aos nosos políticos de que quedan moi poucas oportunidades para adoitar medidas definitivas e globais co gallo de evitar ou paliar o mellor posible o cambio climático que a meirande parte da comunidade científica vén augurando.

21.3.09

Non ao aceite de palma...

Onte vin un reportaxe na canle 24h de TVE pertencente a "El escarabajo verde". Falábase do orangután de Borneo, un primate dunha grande intelixencia que está a sufrir a eliminación do seu hábitat, o bosque tropical, debido, sobre todo, á destrución de dita selva tropical por plantacións de aceite de palma. Dábase a información de que ese aceite está presente no 10% dos produtos dun supermercado no mundo occidental. Unha forma de parar este cambio no hábitat do orangután sería que os consumidores non mercásemos ningún alimento elaborado con este aceite palma. Pero hai un problema. En moitas especialidades, nos ingredientes, figura "aceite vexetal" sen especificar o tipo de semente ou a súa orixe. Temos que esixir que se concrete a clase de aceite vexetal que compón un produto alimentario. Ademais, o aceite de coco e o aceite de palma (de orixe vexetal) son graxas saturadas que elevan a taxa de colesterol nos humanos en oposición ao resto de aceites de orixe vexetal (polinsaturadas e monosaturadas) que ou diminúen a taxa de colesterol ou incrementa o colesterol bo e baixan o colesterol malo.
Así, ademais de protexer o medio ambiente onde se desenvolven estes fermosos e cariñosos orangutáns, protexeremos a nosa saúde cunha boa e sana alimentación.
Ánimo e a esixir a identificación da orixe das graxas vexetais!

9.2.09

Así non...

Non estou en absoluto de acordo coas teses de Galicia Bilingüe, o seu concepto de liberdade de elexir choca contra os meus principios. Non estou de acordo tampouco cos radicais que van contra unha manifestación legalmente convocada e empregan a violencia. Creo na liberdade de pensamento e de expresión, e na tolerancia. Os seguidores de Galicia Bilingüe realizaron unha manifestación pacífica para defender as súas ideas e, aínda que esteamos nas antípodas do seu pensamento, debemos respectalos. Empregando a violencia non se defende o Galego.
O que está claro é que hai unha lei de normalización lingüística aprobada nun parlamento elexido libre e democraticamente e que todos e todas estamos obrigados a cumprir e a Administración ten que velar por que se cumpra. O PP rachou o consenso e, da man de determinados persoeiros, e "persoeiras", pouco recomendables, está a acender a mecha dunha guerra pola lingua que aquí nunca existiu e vai perder determinado voto galeguista que aínda lle quedaba nalgunhas zonas de Galicia. Onde está esa parte do PP con enfoque galeguista? Pode que agochados ata que o temporal amaine?
A violencia nunca é boa compañeira. Podemos defender o Galego activamente empregándoo en todas a situacións, esixindo o seu uso cando non se cumpra a lei, apoiando as iniciativas empresariais e cidadás que empregan e queren potenciar a nosa lingua. O Galego sufriu corenta anos de asoballamento e aínda hoxe vive unha situación preocupante. Non lle deamos argumentos doutro tipo a quen quere, no fondo, restaurar o totalitarismo lingüístico e o estado centralista.

11.1.09

Diferenza entre sono e soño

En Galego diferenciamos sono e soño... Hoxe escoitamos dicir a unha deputada ourensá nun mitin: "Hai 45 anos, Martin Luther King tivo un sono..." Repetíu esta palabra así empregada varias veces. Imaxinamos que o señor Luther King tería sono todos os días da súa vida, agás que os problemas que vivíu e que tentou resolver sacáranllo algunha noite... Seguro que tivo un soño, ese soño polo que loitou e que chegou a ser realidade. Ademais, o señor Obama tamén verá cumprido o seu "soño", un "soño" compartido con moitos cidadáns e moitas cidadás de Estados Unidos, o próximo 20 de xaneiro.
É salientable a frescura desta oradora no seu discurso, lido, por certo. Pois xa que le, pregámoslle que suba o seu nivel de esixencia lingüística para ser precisa na súa expresión, dignificar o Galego e non confundir sono con soño. O seu xefe utilizou despois dela correctamente este termo: "un soño..."
A pesares de todo, desexamos que o cambio en Galicia poida seguir avanzando outros catro anos, para que sexa máis profundo e que se note un chisco máis en todos os aspectos da vida das galegas e dos galegos.

8.11.08

A Banda de Música de Ourense no Conservatorio

Onte, venres día 7 de novembro, tocou a Banda de Música de Ourense no Conservatorio. Témoslle que dar á noraboa primeiro aos músicos e ao seu director pola calidade interpretativa que amosaron ao longo de todo o concerto. Tamén debemos agradecer á Tenencia da Alcaldía e ao equipo directivo do CMUS o feito de organizar este concerto no estupendo e cómodo auditorio deste centro musical que nos permitiu gozar da música porque o recinto e o público asistente están e estiveron á altura deste acontecemento musical. Había tempo que non disfrutabamos tanto. Moitas grazas! 
En canto ao variado e bastante amplo programa do concerto, imos destacar tres momentos importantes do mesmo. A primeira obra, Comic oberture, de Ferran F. (segundo o mínimo programa de man) sorprendeunos polo contraste entre as dúas seccións, a primeira que fai honra ao título en contraposición á segunda, chea de romanticismo. 
A segunda obra, Andaina, do compositor e mestre do Conservatorio Delfín Álvarez, encantounos. Un son forte do bombo dá inicio a unha auténtica andaina, a un percorrido onde os diferentes ambientes musicais van aparecendo desde sons da vangarda musical, jazz, sinfonismo de primeiros de século XX, música popular ata case afirmaríamos que escoitamos algunha referencia a Negra sombra. Todo moi ben orquestado e cunha sensación de unidade total. O son dunha campá anuncia o remate deste paseo musical. Queremos agradecer e darlle a noraboa ao profesor Delfín polo seu brillante e estupendo traballo compositivo. 
A terceira obra, Phanton of the Opera, de Webber, soou a auténtico musical e puido amosarnos a calidade de todos os músicos da nosa banda, que cando toca nun lugar axeitado loce con grande calidade.
Dous detalles para finalizar:
1.-Debemos seguir insistindo na elaboración dos programas. Non se pode permitir que haxa unha obra cun músico solista e que non apareza o seu nome por ningures. É unha cuestión de dignidade profesional. Quen confecciona estes programas? Ofrecemos a nosa colaboración con esa persoa para explicarlle polo miudo en que consiste un programa dun concerto.
2.- A Banda tería que tocar sempre no mesmo local para crear un hábito no público e non telo facendo o nómada polos diferentes escenarios locais, nun local con calidade acústica e con calidade visual onde poidamos ver e disfrutar da arte do nosos músicos.

2.11.08

Entender a crise...

Ao parecer está claro que na base desta crise financeira está a avaricia, a codicia e a estupidez... pero ao final o diñeiro de todos vai servir para arranxar as cousas. Queren entender o motivo desta crise? Neste vídeo explícase moi ben:



31.10.08

Unha cousa é falar, outra dar trigo

Nintendo vai sacar un novo xogo chamado Wii Music, onde utilizando a consola Wii, convírtese o salón da casa nunha academia de música onde se pode aprender a tocar un instrumento, dirixir unha orquestra, incluso compoñer música. Todo un alarde tecnolóxico que seguro fará pasar bos intres á nosa xuventude disfrutando coa música.
O que nos deixa abraiados é a falta de coherencia entre as declaracións da ministra de educación, que asistiu á presentación do xogo, e a súa política educativa. Estas son recollidas de El País: "Me decidí a venir aquí hoy para pedir a nuestros jóvenes que vivan la música. Para explicar a los padres que animen a sus hijos a utilizar las videoconsolas para aprender. Para animar a los profesores a utilizar aún más estos nuevos lenguajes en su labor docente".
As declaracións quedan moi bonitas e sintetizan unha mensaxe que compartimos, pero a realidade é que a política desta ministra e antecesores vai, dalgún xeito, polo camiño contrario: as horas de Música en ESO e Bacharelato sufriron un recorte importante. A vivir a música tamén se aprende nas aulas de música. Polo tanto, falar queda moi ben, pero, que facemos pola educación musical real do alumnado? Quitámoslle horas lectivas? Non aseguramos unha educación musical xeral para todo o alumnado?
Por outra banda, o contacto directo cos mestres e coas fontes sonoras; a riqueza desa vivencia educativa compartida cos compañeiros; a interpretación e creación musical en grupo; a utilización de instrumentos auténticos, non virtuais; a vivencia do son real... Todo isto e moito máis constitúe un conxunto de experiencias que a clase de música real aporta e que unha consola nunca poderá substituír.

25.10.08

Preguntas existenciais...

Por que os mesmos que cambiaron OFF e puxéronlle OUFF, agora crean FITO en lugar de FITOU? Ou é que unhas veces vivimos en Ourense e outras en Orense?

18.10.08

Máis conciencia cidadá, por favor...

Moito ten que cambiar a sensibilidade e a conciencia cidadá en moitas vilas e cidades da nosa terra. Cando un alcalde derruba un muro do século XVI para construír beirarrúas nun lugar onde non hai ningunha casa é porque dá máis votos facelas que protexer o patrimonio de todos, principalmente o do propio pobo. Noutras zonas de España, con máis cultura cidadá e máis aprezo polo seu e polos valores históricos que ao final dan prestixio e visitantes, isto sería impensable porque tal feito custaríalle unha chea de preciados sufraxios ao partido gobernante.
Gobernar nun concello non só é servir aos intereses da cada veciño, senón tamén aos intereses de todos, ao ben público. O labor dun dirixente non debe valorarse só polos metros de beirarrúas que constrúe, nin polos puntos de luz que se instalan, nin polos camiños e rúas que abra. Non só é iso. É algo máis. Sería tamén o coidado e a atención que lle merecen os servizos públicos no concello: a escola, o servizo sanitario, os transportes públicos. Habería que valorar ademais, como protexe, xestiona e promociona o patrimonio cultural e artístico que posúe o concello, como lle saca partido para o ben de todos os veciños... Porque non hai dúbida da enorme riqueza que neste eido temos na nosa terra e sería un xeito moi válido de aumentar as expectativas e a esperanza das persoas que viven no rural ao mesmo tempo que se sentirían máis ledos de pertencer a esa comunidade.

16.10.08

O noso apoio a Heitor Mera

Desde a nosa pequena fiestra ao mundo dixital, queremos apoiar a Heitor Mera, quen realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra do poeta cangués Bernardino Graña en Galego e que a UNED, unha universidade pública española, non autoriza a súa lectura por non estar redactada nunha lingua oficial da CEE. O tribunal que a vai xulgar está formada por filólogos galegos.
É posible tal discriminación? A cousa ten o seu aquel. Permitiríase unha tese escrita e defendida en francés sobre un poeta galego que escribiu en Galego e non se permite na lingua nai do poeta, unha lingua oficial nun territorio da nación e, dalgún xeito, obxecto de estudo nese traballo. É evidente que a lei que regula isto non está acorde coa realidade plurilingüista española e que con diñeiro de todos, estase a discriminar a unha persoa que quere empregar a súa lingua. Ao parecer a Comisión de Doutorado do Departamento correspondente desa universidade tomou tal acordo. Agora temos que recordar que os órganos colexiados deben cumprir a lexislación actual e que debe haber outros estamentos que controlen e corrixan decisións que atenten contra a liberdade individual dun cidadán.
Con todo isto aplaudimos a Heitor Mera por loitar por un dereito de todos, a pesares de non ser examinado e dilatar no tempo, debido ao proceso administrativo que vai emprender, a consecución do seu seguro e máis que merecido título universitario. Sorte e conta coa nosa solidariedade.

3.10.08

Cambios de contedores...

En Ourense precisamos un cambio nos modelos de contedores. En primeiro lugar, porque están a meirande parte moi vellos. En segundo lugar, porque co seu pouco peso son branco doado para as gamberradas nocturnas. En terceiro lugar, porque algún modelo terá un deseño ben pensado para a estética, pero nada práctico. A quen se lle ocorreu pór esa boquiña tan pequena no contedor amarelo que ao levar unha bolsa grande chea de plásticos non entra e atasca? E que me din deses contedores azuis para papel cunha boca por onde un cartón algo ancho non entra? É que queren penalizar aos bos cidadáns que desexan contribuír a destruír un chisco menos o noso planeta e aburrilos con eses atrancos?
Contedores novos, xa. Ah! Fagan o favor, políticos do goberno municipal, de esixir á nova empresa de lixo a xeralización do reciclado a todos os recunchos do noso concello...

22.9.08

Un dos candidatos a presidente de EEUU...

Despois de escoitar as declaracións do candidato McCain sobre se se entrevistaría con Rodríguez Zapatero, podemos chegar á conclusión de que tal candidato confundiu nun primeiro momento a Zapatero con zapatista, en Mexico. A entrevistadora insistiulle dicindo que ela falaba de Europa, e o señor candidato repetiu que el se entrevistaría con dirixentes que teñan a democracia e os seus valores coma norte. Daquela podemos concluir que nese intre descoñecía a relación entre Zapatero e España, e España con EE.UU.
É posible que un "futuro" dirixente da primeira potencia mundial teña un coñecemento tan "amplo" e "extenso" do mundo que o rodea? Tal vez poida ser debido á actitude moi común allende o Atlántico de estarse mirando continuamente para o propio embigo? Cando se estuda Europa no sistema educativo estadounidense? Posiblemente se estude nun máster moi especializado, deses que agora estamos a importar no novo sistema universitario español en converxencia con Europa.
Nada. Esperemos que gañe o outro candidato. Alomenos semella o menos malo...

19.9.08

A Banda de Música do Paseo

A miña relación coa Banda de Música de Ourense vén de cando era neno. Cando empecei a estudar no Conservatorio de Ourense e o meu profesor era o mestre Pinilla, daquela director deste centro e director tamén da Banda, ía xunto con meu pai aos concertos que esta agrupación ofrecía no templete da Alameda ou nos soportais da Casa do Concello. Neses intres xa existía o problema de sempre: a eterna loita entre quen vai a escoitar e disfrutar da música e quen vai a charlar con música de fondo, co correspondente prexuizo aos outros. Era frecuente que a carón do templete se xuntase un grupo de melómanos con "abellouros", que por parellas, falaban a berros sobre o tempo, como estaba a vida, o resultado do partido da tele ou como lles foi na última feira.
Pola Banda pasaron máis directores: García Basoco, Segismundo, Nicanor e o actual. Houbo corporacións de todas as cores e diferentes alcaldes: Veiga Pombo, Tabarés, Cabezas ou Paco Rodríguez. E o maltrato á banda, aos propios músicos e, sobre todos, ás persoas que queren gozar da boa música, sobrevive e os organizadores perseveran neste grande erro.
Facer tocar á Banda de Música no medio do Paseo, ás 20:00 h., atrancando o paso aos viandantes, nun día laborable e, por tanto, frenético de actividade é unha tolería. Non ten sentido que o director faga grandes silencios no medio das obras como para pedir atención e respecto á música porque nun lugar público e aberto non se lle pode esixir iso a toda a xente. De nada serve pronunciar unhas verbas comentando algún detalle dalgunha composición, porque incluso as persoas que estaban ao pé da banda nin se enteraron.
A esencia da Banda de Música non está relacionada con tocar na rúa. A esencia é que interprete un programa musical variado para instrumentos de vento e percusión e que o seu traballo chegue nas mellores condicións aos oíntes, quen son os destinatarios de tal acontecemento artístico. Por tanto, hai que proporcionar un marco axeitado a tal fin. Poderían dicir os responsables de tal desaguisado que así se dá a coñecer a Banda porque se pon en contacto con público que non ten por costume acudir a este tipo de eventos. Para nós ,este é un argumento non válido. A forma de promocionar a Banda debería seguir outros vieiros. En primeiro lugar, empregar un lugar pechado estable para os concertos semanais ou quincenais. Actualmente tivo a Banda varias sedes: o Liceo, o Auditorio... Nós suxeririamos un recinto céntrico e cunha acústica marabillosa: o Teatro Principal. En segundo lugar, darlle publicidade suficiente aos concertos nos medios de comunicación locais. En terceiro lugar, confeccionar uns programas atractivos para dar información aos asistentes sobre os compositores e sobre as obras a escoitar. En cuarto lugar, ofrecer concertos didácticos ben pensados e coa colaboración dos mestres de música dos centros para escolares e xóvenes. En quinto lugar, que a agrupación colabore con outros estamentos musicais da cidade e concellos dos arredores: co Conservatorio, invitando, por exemplo, a músicos dos últimos cursos a interpretar obras solistas coa Banda; coa Banda de Barbadás, coa de Celanova... facendo certames. En sexto lugar, programando concertos monográficos de cando en vez segundo as datas relevantes na cidade. Por exemplo, por que cando é a semana do cine non se programa en colaboración co organismo organizador de dito evento un concerto monográfico sobre a música de cine?
Como ven hai moitos camiños para revitalizar e poñer ao día á Banda. Todo pasa por tratar con dignidade ao público e aos músicos. Ou pensan que os músicos disfrutan tocando entre un público ruidoso? Non é unha falta de respecto ao profesional? Tamén pasaría regularizando para sempre a situación administrativa da propia Banda. É unha asociación cultural que firma un convenio co Concello para ser considerada "municipal", xa que ten a obriga de intervir en determinados actos e dar un número fixo de concertos ao ano. Por que non se municipaliza? Ou para empezar, por que non se convoca unha praza de director como funcionario municipal?
Ao parecer houbo un cambio de goberno municipal, pero, no fondo, a situación semella estar na mesma situación que co anterior goberno. Para que queremos o cambio? A ver se os responsables de Cultura ou da Tenencia da Alcadía actúan, póñense as pilas, deixan de gabarse tanto e traballan, que falta traballo calado, que é moi efectivo.

16.9.08

A fortuna e a xente de ben...

O pasado mércores, día 10 de setembro, na edición de Ourense de La Voz de Galicia, aparecía un artigo titulado "La fortuna de la inspectora". Está firmado por Antón Feito, que non sabemos se o nome responde a unha persoa de carne e óso ou é o alcume xornalístico dalgún redactor local dese diario. Nel se glosa a figura dunha inspectora de educación que salvou a vida nun terrorífico accidente de coche, na mesma páxina podemos observar unha foto do estado final do vehículo. Non temos nada que dicir sobre o contido do artigo, aínda que pensamos que tanto halago en todos os eidos da vida se nos volva dun empalagoso esaxerado e case nos atrevemos a calificalo de repulsivo. Alá o firmante coas súas intencións...
Sen embargo, hai unha oración que nos deixa frío, nos escandaliza e nos move a escribir estas poucas palabras. Este é o contexto: "...Ella puede decir, como Beatriz Reyes (la directiva de Caixa Galicia que sobrevivió al accidente de Spanair): Soy afortunada, he vuelto a nacer. María Ester también. Ha sido afortunada, porque la fortuna siempre elige a la gente de bien..." O autor reparou un chisco no que está a dicir? Daríase conta unha vez lido e reflexionado o alcance e repercusións destas palabras? Son todas as persoas que sobreviven a un accidente xente de ben? Son todas as persoas que perecen nun accidente non merecedoras do calificativo xente de ben? Que terá que ver a fortuna ou sobrevivir a un accidente con ser ou non ser xente de ben? 
Unha vez un membro dunha secta díxonos: "As persoas que morren nos accidentes de tráfico fano a causa dos seus pecados..." E quedou tan pancho. No fondo, non soa semellante á frase anterior?

13.9.08

A polémica entre Cal e a Conselleira

Estamos a presenciar unha polémica entre David Cal e a Conselleira Ánxela Bugallo. O tema poden lelo no xornal. Pensamos que moitas veces os políticos queren acaparar ou arrimarse ao carro dos trunfos dos demais xa que reporta boa imaxe e implica moitos votos. Esta sería unha das conductas a modificar pola clase política para gañar credibilidade.
O tema está claro. Se a Conselleira di que entregou un cheque de 106.000 euros a David Cal e este di que lle envía o número de conta para que llos ingrese (é dicir, non llos deu aínda), a Conselleira está na obriga moral de ensinar no Parlamento, lugar onde fixo tales afirmacións, a copia do correspondente libramento de pago, que seguro estará por aí. De ser así, David Cal quedaría en moi mal lugar e perdería grande parte do respecto que nos merece, non como deportista senón como persoa íntegra que semella ser. En caso contrario, a Conselleira debería incluso pensar na dimisión por tentar manipular a realidade, faltar á verdade e enganar a todos.
De todos os xeitos queremos felicitar a David Cal por non calar e, se el non desexa que empreguen a súa figura politicamente, está no seu dereito en pedir que o deixen en paz, tranquilo e á marxe de calquera relación coa Conselleira e demais "troupe".

12.9.08

Un acerto...

A liña de autobuses urbanos nº 5, Reza-Ceboliño, chega desde o 1 de setembro ata preto da pasarela de Outariz. Así, posibilítase o achegamento de auguistas e demais cidadáns pola ribeira de Reza dende moitas zonas de Ourense, co conseguinte aforro en combustible e menor contaminación ao empregar menos o coche particular. Considerámolo persoalmente un acerto importante. Deste xeito, pódese coller o tren das termas ou esta liña para ir a esta zona balnearia. Agora só fai falla a colaboración cidadá e empregar dito servizo.
Moitos cidadáns teñen a comodidade e o egoísmo como norte na forma de desenvolverse neste mundo. O concello investiu cartos de todos na construcción dun bo aparcadoiro na mellor ou case única zona que hai nas antigas graveiras de Reza. Non se debería permitir o estacionamento de vehículos a eses "comodóns" que deixan o seu coche na beiravía da estrada xusto fronte á pasarela. A garda civil debería lembrarlles as normas de tráfico sancionando coa multa de rigor o aparcamento ilegal porque, sendo unha estrada onde os ciclistas teñen certas preferencias, están a dificultar a circulación e constitúen un perigo para a seguridade vial. Á disposición destas persoas hai un xenial aparcadoiro e sempre queda o uso do transporte público que lles convertirá en cidadáns solidarios e ecolóxicos.

11.9.08

Non é xusto...

Un erro moi grave pode acarrear consecuencias fatais para as persoas. Iso pode pasar en moitas profesións: a medicina, o ensino, a xustiza... Estes días ocorreu algo. De Dereito pouco entendemos, pero guíanos o sentido común. Incumprir unha obriga durante máis de dous anos, incumpremento que levou consigo a morte dunha personiña, por riba, disculparse de xeito pouco honroso tratando de escurrir o bulto e achacándollo á baixa dunha funcionaria só ten o castigo dunha multa de arredor de 1500 euros. Claro, o órgano instructor considera a falta grave, en vez de moi grave. Pode estar o órgano sancionador actuando inxustamente, ou interpretando de xeito corporativo os feitos? 3 -2, foi o resultado da votación. Noutros ámbitos funcionariais un acontecemento semellante con esas consecuencias acarrearía unha sanción maior: incoacción de expediente, suspensión de empleo e soldo e inhabilitación para o desempeño da función.
Está claro o que pensa a familia da víctima, e nós opinamos igual e solidarizámonos con ela. Algo fede neste tema. Esperemos que a fiscalía tome medidas e interpoña un recurso para revisar dita decisión.

30.8.08

Rúas pestilentes

O Concello de Ourense vai aprobar a primeiros de setembro unha nova ordenanza de limpeza. Nela aprecen as condutas que se consideran faltas, a tipificación das mesmas e as respectivas sancións. Parécenos moi ben, a ver se así se consigue que a nosa cidade sexa cada vez máis limpa e libre de cheiros.

Se vostedes camiñan un sábado ou un domingo á mañá polas rúas próximas á zona vella, máis en concreto pola zona dos viños, poden experimentar sensacións olorosas propias dun urinario que estivese moi concurrido a altas horas da madrugada. A rúa do Paxaro, ou preto da camisería que hai no inicio da rúa de Paz, case na Praza do Ferro, son lugares fedorentos. Vai haber policías locais a esas horas para sancionar como é merecente esas condutas? Déanse conta que entre os usuarios desas rúas figuran os turistas que, de seguir así esta situación, van levar unha impresión cheirífera da nosa cidade. Ademais de tomar medidas coercitivas contra os mexóns maleducados, sería moi saudable que ás mañanciñas baldearan esas rúas con mangueiras ou cun camión cisterna, apuntando con bo ollo ao sitio onde se xunta a fachada coa beirarrúa para sanear todo dun xeito apropiado e así disfrutar do noso casco vello sen malos cheiros. Oxalá!

29.8.08

Nova versión da pinza...?

A situación actual no Concello de Ourense semella tempos pasados. Lembramos aquela famosa pinza entre Aznar e Anguita para tentar afogar ao goberno de Felipe González. Aquí tamén temos a nosa propia versión. Sánchez Vidal e Enrique Novoa parecen ir collidos da man no famoso tema da licenza do balneario de Outariz (por certo, unión temporal incalificable nos argumentos) e tamén no proxecto "Ourense Verde"(BNG), refrito de nome do proxecto "Ourense cara a un novo milenio" do PP, aínda que a colocación do estadio de fútbol non sexa coincidente.
Agora que as eleccións autonómicas teñen un prazo de seis meses, esperamos que as augas volten ao seu cauce e a "normalidade" e o "sentidiño" se impoñan.

25.8.08

Con licenza ou... mellor sen ela

O pasado 8 de agosto inaugurou o Concello de Ourense unha nova instalación balnearia en Outariz cunha grande repercusión mediática na capital, na provincia e en Galicia. A Tenencia de Alcaldía é quen ten as competencias de termalismo.
Hoxe, enterámonos por boca do mesmo tenente-alcalde que a instalación balnearia carece de licenza municipal de apertura. O razonamento que aporta o político en cuestión, ademais cargado de toda a razón, é que non vai permitir que un empresario estea cunha obra rematada sen abrir porque hai un erro administrativo polo que se chega a tardar ata un ano en conseguir dita licenza.
Está claro. Cada un vai ao seu propio beneficio. Como a tenencia de alcaldía está detrás de todo isto, pois ábrese sen licenza e punto. Logo xa o resolverán outros. Semella con esta postura que aquí non deben ser todos os cidadáns iguais. Se o señor tenente de alcalde atopa un erro administrativo flagrante como é tardar un ou dous anos en conseguir a licenza de apertura, que o solucione primeiro, que lexisle e cambie a burocracia establecida e a simplifique e que esa solución sexa para todos. Coidamos que, neste intre, calquera instalación que estea esperando por esa licenza debería abrir igual que o fixo a instalación balnearia. Se levamos o argumento ata máis aló, calquera cidadán podería incluso edificar nun solar seu sen licenza aducindo que non pode seguir vivindo nas condicións actuais. Pero non, a legalidade é a salvagarda dos dereitos de todos e débese aplicar con igualdade. Os concelleiros que deberían ser o primeiros en cumplir a lexislación vixente parecen os primeiros en saltala.  Todas esas "panfletadas" e palabras bonitas que na campaña electoral se soltan de cumprimento da legalidade, de igualdade de oportunidades... quedan supeditadas á conveniencia político-electoral de cada momento, e a gobernar ou quedar na oposición. 
Menudo papel para as autoridades da Xunta de Galicia que viñeron a inaugurar o establecemento, foron copartícipes dunha ilegalidade. Que sucede se agora alguén ten un problema nesta instalación? Será o tenente de alcalde o único responsable?
Nós pensabamos que os tempos da chapuza no Concello de Ourense chegarían ao seu fin co cambio de goberno, pero a realidade é tozuda e dinos que non, que seguimos instalados nela.

23.8.08

Liña electrificada desaproveitada...

Estamos mergullados nunha crise económica importante causada basicamente polos prezos dos combustibles ademais da crise financeira. A administración fai campañas para que todos e todas sexamos máis eficientes no consumo de enerxía. Imaxino que as empresas tamén terán estas recomendacións como horizonte. Sen embargo, observamos comportamentos e prácticas pouco eficientes aquí en Ourense en determinadas empresas públicas de transporte. Estamos a falar de RENFE.
Entre Ourense e Vigo a liña ferroviaria está electrificada e por ela poden transitar locomotoras eléctricas. Galicia é unha potencia productora de enerxía hidroeléctrica. Pois fíxense no TALGO Madrid-Vigo ou viceversa. Desde hai anos, a rama de Ourense-Vigo ou Vigo-Ourense circula arrastrada por unha locomotora diesel que, pola tarde, desde unha hora antes á súa saída permanece esperando á composición de Madrid prendida, gastando e contaminando. Xa que hai que cambiar a locomotora, por que non se emprega unha eléctrica? Razóns económicas e ambientais hainas dabondo. 
O mesmo sucede con moitos mercancías que discorren pola liña Moforte-Vigo, electrificada, cun grande número de circulacións con locomotoras diesel.
Moitas grazas, señores xestores, son vostedes uns grandes derrochadores e contaminadores. Que honor!

18.5.08

Rectifica a concelleira

A concelleira de Cultura do Concello de Ourense rectifica. Ademais de gañar a repulsa de grande parte dos colectivos culturais da cidade foi desautorizada a súa convocatoria polo mesmísimo tenente-alcalde. Xa nos parecía que a cousa pintaba fea.
A verdade é que, ás veces, as excusas son dunha inxenuidade absoluta. Di que foi un erro de redacción. Esta xente, os políticos, nunca recoñecen con humildade, a secas, que se equivocan, como todos e todas nos equivocamos. Sempre querían dicir outra cousa. Outra disculpa habitual é que "os xornalistas interpretaron mal as miñas palabras".
A concelleira terá que revisar a competencia en redacción do seu funcionariado ou a súa propia. Cousa extraña que cometa un erro tan evidente unha profesional do ensino secundario.
Ás veces, escribimos realmente o que pensamos, pero logo dicimos que queriamos escribir todo o contrario. Tomen nota e apliquen esta máxima a este artigo.

16.5.08

A chantaxe... método infalible.

A concelleira de Cultura de Ourense enviou a diversas asociacións un escrito invitándoas á inauguración da exposición "Nación, liberdade e progreso". No mesmo escrito, o último parágrafo di textualmente: "A participación nas actividades organizadas pola Concellaría terase en conta á hora de repartir as axudas que desde este departamento se distribúen ás distintas asociacións da cidade".
Esta estratexia, que soa a chantaxe, para que un acto teña a audiencia necesaria, choca claramente coa segunda palabra do título da exposición, liberdade. Relacionar a asistencia a determinados actos coa posibilidade de recibir ou non unha subvención parece típico de posturas caciquís, esas que tanto o partido da concelleira critica e contra as que se quere erixir como adalid da súa desaparición... ou é que pretenden cambiar un sistema caciquil por outro? Esixir sumisión ao poder, fomentar o "lambecuísmo", non debería formar parte da práctica de goberno da esquerda.
Descubrimos claramente que a educación deixa fondas pegadas nos seres humanos e, aínda que se produzan cambios e a persoa evolucione por outros horizontes ben distintos, seguen existindo mecanismos fortemente arraigados que explican estes lapsus.

6.1.08

Sobre a Cabalgata de Reis en Ourense

Á concelleira de Cultura de Ourense:
Estimada Señora: Os nenas e as nenas son nenos e nenas, pero non son tontos nin tontas. Non se debería xogar ou pór en perigo a ilusión dos cativos e cativas. A súa idea podería ser aceptable no seu plantexamento, mais non na súa realización. Pola boca morre o peixe...

20.12.07

Estamos de acordo...

A rede de Internet ten posibles perigos para os nosos cativos e adolescentes. Mais tamén posúe o dobre de avantaxes e vieiros moi aproveitables para a súa formación integral. Ademais, tarde ou cedo, van ter que empregar a rede. Canto máis preparados estean, mellor para eles. Por iso, é preciso non pór atrancos ao uso de Internet na casa, nos centros educativos, pero sempre coa presenza colaboradora e orientadora do pai/nai ou do mestre/a. Así o escribe Aníbal de la Torre no seu blogue Adelat nun clarificador artigo.

12.11.07

Intereses privados... cargos públicos

Zepa, si; zepa, non, este é o dilema na zona de A Limia. Unha zona de protección de aves nun lugar onde antigamente existía unha lagoa, a lagoa de Antela, paraíso das aves na invernía, e que se convertiu nunha zona agrícola de primeiro orde roubándolle auga á lagoa e desecándoa. Ademais, empresas areeiras sacaron miles de toneladas do seu fondo... Tamén houbo unha concentración de parcelas... Agora, a actual administración quere propoñer unha Zona de Especial Protección de Aves, o cal, implicará algúns cambios nas formas de cultivo da zona. Unha plataforma cidadá oponse a esa declaración medioambiental porque considera que a agricultura desaparecerá da zona tal coma hoxe se coñece. Ao fronte, está un persoeiro público moi coñecido. Pero, a asociación ecoloxista Adega, vén de informar dos posibles intereses privados deste señor, que é posible se resintan coa Zepa de A Limia. Poden ler o seu informe...
Cremos firmemente que os políticos deben estar en política para servir ao ben común, non para defender intereses privados.

11.11.07

Felisindo Pérez Seara

O director de banda e compositor ourensán Felisindo Pérez Seara faleceu onte, día 10 de novembro. Queremos estar a carón da súa familia e dos seus amigos expresándolles as nosas máis sentidas condolencias.
Non tivemos a sorte de coñecelo persoalmente, pero si escoitamos e disfrutamos das súas composicións, que a Banda de Música de Ourense soe interpretar con bastante frecuencia, cousa digna de mención. Hoxe mesmo, co gallo do San Martiño, a banda tocou un fermoso valse deste noso músico.
Esperemos que a Banda de Música de Ourense organice unha homenaxe adicada a Felisindo Pérez, cun concerto monográfico no que poidamos escoitar e gozar das boas partituras coas que este compositor ourensán deixou unha pegada salientable na nosa sensibilidade musical.

8.11.07

Recupera a ortografía...

Este vídeo en castelán trata dun problema frecuente entre as xoves xeracións: a escasa sensibilidade por escribir con corrección ortográfica. Ademais do fenómeno dos SMS nos móbiles, os carteis publicitarios, os títulos do remate de series de televisión e películas, algunha campaña política que xoga perigosamente cun par de letras (en termos ortográficos)... son factores que animan e potencian este descuido.
Vexan este vídeo moi significativo:

2.11.07

O escandaloso acceso centro en Ourense

En Ourense hai unha obra pendente de seren inaugurada. Trátase do acceso centro á autovía. Ao parecer, a obra sacouse adiante a pesares dos informes negativos de técnicos municipais e de Fomento, policía local e en contra da opinión dos veciños afectados. Ademais do problema de derrumbe de taludes, que xa sucedeu, podemos observar unha pendente do 8% (cando os técnicos recomendan como máximo o 5%); tamén vemos que vai desembocar a unha zona xa moi conxestionada con dúas rotondas moi próximas que van crear moitísimos atascos porque todo o acceso a Ourense canalízase a través da zona dos Remedios. Non digamos nada sobre a situación das vías de acceso respecto das casas dos veciños...
Ao parecer, isto é unha herdanza máis do goberno municipal anterior. Si. Non só semella unha cabezonería do alcalde, senón de todos os seus concelleiros que asentiron ou calaron. Hai que seren responsables tamén dos silencios.
Agora, os demais a comerse o marrón...

28.10.07

Incongruencias...

O semanal do xornal El País da pasada semana trae un material moi interesante para traballar en clase o tema do perigo en que estamos a pór os humanos á Terra. Ademais, a portada é un magnífico póster que representa de xeito resumido e alegórico a actual situación do noso planeta. Pero alguén adicouse a pensar e darse conta da incongruencia existente entre o contido destes artigos e a publicidade que o propio semanal publica. Vexan o resultado:

28.9.07

En Ourense, as bicicletas son para...

Durante esta semana estiven observando en Ourense, no Campus Universitario, o uso das bicicletas que o Concello de Ourense vén de inaugurar a fin de semana pasada e puiden deducir que era nulo: as bicicletas permaneceron no seu lugar sen que ninguén as movese. É lóxico! E que o curso universitario aínda non comezou... Os universitarios, mulleres e homes novos, co deporte e a vida saudable entre os seus valores máis arraigados, cando se acheguen ás Facultades, verán todas as súas necesidades de desprazamento pola cidade solucionadas. Poden coller unha bici e desprazarse de balde dende o Campus ata a estación de bicicletas máis próxima ao lugar onde desexen ir. Ademais, agora dispoñen dun autobús especial, chamada curiosamente "lanzadeira", que os leva do Parque ao Campus e viceversa nun "santiamén".
Evidentemente, os universitarios e calquera ourensán coñecen os quilómetros e quilómetros de carril-bici cos que conta esta cidade. A súa seguridade está plenamente garantida polas rúas por onde circulen, perfectamente dotadas de cómodos carrís só para vehículos de dúas rodas a tracción humana, onde se sinten protexidos de coches e conductores estresados, furgonetas de reparto a toda mecha e autobuses copando cal fila india as rúas principais da cidade... Pero, de que cidade estou a falar?
Isto semella "empezar a casa polo tellado"... Tamén pódese cualificar a medida coma "propia de políticos con imaxinación": "a imaxinación ao poder", nunca mellor dito.

2.9.07

¡Que nivel...!

Estou algo abraiado. Acabo de ver un vídeo do programa "Quere ser vostede millonario", versión francesa, na que se lle pregunta ao concursante de marras: "Que gravita arredor da Terra?" Dánselle catro opcións: a Lúa, o Sol, Marte e Venus. O concursante descarta axiña Marte e Venus, mais amosan as súas dúbidas entre a Lúa e o Sol. Decide, pois, empregar o comodín do público quen, pásmense, dá o seguinte resultado: 56% Sol; 47% Lúa. Incrible! O concursante opina que ten unha dúbida do 50% e, ao final, decídese por... polo SOL.

Vaia nivel! É posible que o 57% do plató manifeste que o Sol gravita arredor da Terra? A palabra "gravita", será un atranco para a comprensión da pregunta? Haberá un problema de comprensión lingüística ou un problema de astronomía? Iso de "...arredor da Terra", non aclararía o suficiente para comprender o concepto "gravita"? Ou, é que o público optou por cachondearse do concursante?...

Non sei, pero os medios públicos franceses teñen moito que traballar na educación permanente dos seus cidadáns, na cultura xeral da cidadanía. E nós, tomar nota, aínda que me costa moito crer que aquí se dese un resultado semellante... Non sei, igual hai un sesgo importante entre o público que acude ao plató do programa. Con tanto programa do "corazón", tanto "reality", tanta prensa rosa ocupando tantas horas, tanto concurso sen sentido... non hai lugar para bos programas culturais que aumenten esa cultura xeral e sirvan para disfrutar mellor, dun xeito máis plenamente humano, da vida.

Poden disfrutar do momento, en francés con subtítulos en inglés

1.8.07

Reflexión ante as novas tecnoloxías

Para moitas persoas, enfrontarse coas novas tecnoloxías non é cousa doada. Ademais de experimentar sensacións de inseguridade atópaste perdido. Vexan este vídeo como unha reflexión sobre este tema.

25.7.07

O Galego...

Pareceume escoitar onte a un líder da dereita galega, falando para os seus cachorros, dicir que aprenderan Inglés para espallar o Galego polo mundo. Non sei se escoitei ben... Isto dito cando o seu partido retiroulle o apoio á recente lei do Galego no ensino.
Imaxínome que para espallar o Galego polo mundo haberá que falalo e estudialo ou é que este señor acaba de inventar un método de Galego baseado na aprendizaxe do Inglés? Dr. Maurer.... o seu Inglés en 1.000 palabras ten os días contados... Antes haberá que conseguir que o Galego se fale sobre todo en Galicia, que polo camiño que imos parece ter un futuro comprometido. E moito temos que mudar nas nosas actitudes cando pasmados asistimos a espectáculos como o que está a ofrecer esa plataforma chamada tan gallego como el gallego.
Déixense de marear a perdiz e apoien sen trabas ao Galego no ensino.

24.7.07

Xa empezamos...?

Son as 19:15 h. Por riba da nosa casa, preto do encoro de Velle (Ourense) acaba de voar o hidroavión dos incendios realizando a manobra para procurar auga... Escomezaría xa a praga negra? Pero se só levamos coma quen di 19 h. de verán! Olliño!

21.7.07

Efecto contrario...

A decisión do xuíz Del Olmo de secuestrar o número desta semana de El Jueves tivo, coma sempre que se toman estas medidas, un efecto contrario facendo de trampolín para que o tema da viñeta se expanda por todos os medios nacionais e internacionais.
A caricatura semella, ao noso entender, desafortunada, ao presentar aos personaxes nunha postura que pertencería á súa intimidade. O texto expresa verdadeiramente o que opina unha parte da nosa poboación. É certo que hai estamentos que teñen que estar protexidos. O que sucede é que chegamos ao punto de que algúns volvéronse intocables ao redor dos cales levantouse un cerco imposible de franquear. Nembargantes, cremos que todos os españois deberiamos ser iguais ante a lei, tal como está recollido na Constitución. ¿A fiscalía e o xuíz actuarían así se fosen outros personaxes os protagonistas da caricatura?
Nunha democracia, en pleno século XXI, non son de recibo os atentados contra a liberdade de expresión. Os nosos pais loitaron para conseguir que todos puidésemos disfrutar deste dereito durante case corenta anos. Os tribunais están para dirimir se nalgún intre se traspasaron os límites e atentouse contra o honor das persoas, pero nunca para secuestrar unha publicación. O próximo número de El Jueves ten o éxito asegurado...

26.6.07

Semella que o PA e o NM van desaparecer...

Pois, si. PA (progresa axeitadamente) e NM (necesita mellorar) teñen os seus días contados entre os escolares, familias e profes. A nova LOE volve a instaurar o sistema de cualificacións antigo: INsuficiente (1 a 4); SUficiente 5; BIen (6); NoTable (7 e 8) e SoBresaliente (9 ou 10).

Por un lado, nunha sociedade tan competitiva e cada vez máis, poderá ter sentido. Por outra banda, tamén é unha forma de marcar ao alumnado. Xa saben: en educación, cada decisión ten uns argumentos a favor e outros en contra e son tan lexítimos e tan ben fundamentados uns coma os outros.

Xa veremos...

29.5.07

Un caos...

Os acontecementos que están a seguir a suceder desde a masiva folga de mestres reivindicando unha xornada escolar de catro horas para xuño e setembro auguran un caos nos centros.
As centrais sindicais firmantes do acordo poden sentirse moi orgullosas. Saben que en Ourense a Delegación enviou aos centros a orde de que a hora de entrada en setembro do 2007 ten que ser a mesma que en xuño de 2007? Os centros que entran ás dez, poderán rematar as clases ás tres da tarde para logo darlle o xantar aos rapaces? Semella que é moi tarde para comer, de tal xeito que terán unha xornada de menos de cinco horas lectivas. Por un lado, obrigan a todos os centros a solicitar unha xornada de cinco horas e a Administración só garante esta xornada nos centros onde non haxa transporte escolar. Nos demais, poderán ter unha xornada de catro horas e media, catro horas, catro e cuarto, catro e tres cuartos... Así as diferencias entre centros urbáns e centros rurais agudizaranse.
Para isto, non sería mellor deixar todo como estaba? Quen puxo a esta conselleira esta pataca quente nas mans? Por que crear problemas, en vez de solucionalos? Quen sae gañando? Gañou moitos votos o PSOE con esta medida? Pagou a pena ter tantos problemas novos e non cumprir o que se firma? Que gañaron as centrais sindicais firmantes do acordo? Saen os nosos alumnos gañando con esta medida?
Moitos interrogantes. A verdade é que falta sentido común nesta consellería...

19.5.07

¿Onde están as nosas caixas de aforros?

¿Onde están as nosas caixas de aforros?¿En que negocios están metidos?¿Por que outras entidades invirten na conservación e posta en valor do noso patrimonio?
O ano pasado, CajaDuero pagou a afinación do órgano de Xunqueira de Ambía para que se puidese desenvolver cun mínimo de calidade o Ciclo de Órgano e Música Antiga desa vila ourensá. Hoxe enteŕamonos que Caixa Catalunya financiou a restauración dun retablo de importante calidade artística na nosa Catedral, tal como se pode ler nesta nova.
¿Restaurar patrimonio ourensán non é rentable para as nosas caixas? ¿Non se nutren cos nosos aforros? Sería preciso estar máis atentos e facer máis por Ourense en todos os eidos.

8.5.07

D. Luis Gallego Domínguez

Acaba de morrer o meu médico "de sempre", o doutor D. Luis Gallego Domínguez. Pediatra moi competente e médico de calquera que fose pola súa consulta, a súa formación, o seu ollo clínico e, sobre todo, a súa humanidade facían del o médico ideal. Nos tempos en que non había seguros médicos xeralizados, D. Luis atendía a todo o mundo sen cobrarlle nada. Por iso a súa consulta estaba a disposición de xentes humildes que apreciaban o grande traballo do doutor. Cando ías cuns síntomas, el sempre dicía que iso xa o tivera el. Isto para ti supoñía certa relaxación na preocupación e, seguindo a súas indicacións, sanabas rápido. Era unha persoa de trato afable e sempre se amosaba humilde e sinxelo, dúas características típicas de persoas sabias.

Coido que D. Luis constitúe un modelo no que moitos profesionais da medicina poderían mirarse e analizar a súa actuación.

Morreu D. Luis Gallego. O meu doutor. O doutor de moitísimos ourensáns e ourensás. Sempre estará no noso recordo. Gracias, D. Luis.

3.5.07

Folga de mestres...

Parece mentira. Nun país tan desenvolvido coma o noso, ás 14:30 horas aínda non comunicou a Consellería de Educación a porcentaxe de seguimento da folga de mestres convocada pola CIG. ¿Será unha nova mostra das malas artes empregadas por este organismo?
Foi unha folga á que moitos profesores, non só da CIG, senón tamén independentes e dos propios sindicatos que firmaron o preacordo para cargarse as reivindicacións do profesorado, víronse obrigados a apoiar. Non podemos consentir as manobras da consellería para dividir e desmobilizar ao profesorado, o vodevil que representaron as centrais sindicais que en principio convocaron unha folga na que endexamais creron e que logo firman un preacordo, o luns 30 de abril, exactamente o mesmo que o existente o sábado, cando negociaron por separado coa consellería. Un preacordo no se que cargan a xornada de catro horas e na que, a pesares do que digan eses sindicatos, consellería e medios de comunicación, non se garante en absoluto a igualdade de acceso de todos os centros a esa nova xornada de cinco horas. Bastaba que o acordo contemplase que a xornada se xeralizaba a todos os centros, independentemente de que teñan ou non servizo de transporte escolar, para que esta mobilización tivese menos repercusión. Porque señores, se a xornada dos centros depende do transporte escolar, está claro que con ese preacordo, tal como está redactado, seguiría habendo diferencias entre os centros, saíndo os do rural claramente perxudicados. Todos sabemos a tarta que se reparten os transportistas e cómo está deseñado o plano do transporte escolar nas catro provincias. Farían falla unha porrada de millóns para que todos os centros de Galicia, de infantil, primaria e secundaria, tivesen prácticamente o mesmo horario. Coidamos que no fondo, a consellería queríalle meter un gol pola escuadra ao profesorado galego co beneplácito de sindicatos que, ao parecer, non lle importa en absoluto defender as condicións de traballo de quen representan.
No fondo, estamos a defender tamén aos nosos alumnos e alumnas. Non podemos consentir que exista a posibilidade de que algún colexio galego teña que impartir clase pola tarde en xuño e setembro, porque as condicións nas que se van impartir esas clases non son as mellores para que os procesos de ensino-aprendizaxe se dean con proveito e con efectividade.
Se o argumento é a conciliación laboral e familiar dos pais dos alumnos, invírtase presuposto en monitores de tempo libre e demais, deste xeito a escola pemanecerá aberta con actividades axeitadas á estiaxe e poderá servir como centro de acollida de rapaces que, cada día máis, botan en falta estar cos seus pais e nais. Os sindicatos tiñan que loitar nas empresas para que as xornadas de traballo tiveran en conta a xornada escolar dos seus fillos. Pero estamos a falar dunha sociedade moi evolucionada, da que estamos, de momento, a anos luz.

21.3.07

Imos de mal en peor coa Consellería de Educación

Cando un equipo como o que está a desempeñar hoxe en día a función de Administración Educativa na Xunta de Galicia confunde labor asistencial con labor pedagóxica do profesorado, só pode ser un síntoma máis da sinrazón que pulula ao redor da Consellería de Educación.
Vén isto co gallo da eliminación da xornada única nos centros escolares nos meses de xuño e setembro. Esgrímese a razón de que hai que cooperar na conciliación da vida laboral dos pais dos alumnos. Podería ser unha boa razón, pero para isto habería que contratar a coidadores que manteñan os centros escolares abertos polas tardes con actividades lúdicas variadas. Ademais, non nos pode facer máis gracia, xa que os horarios lectivos que esta administración mantén en bastantes centros non seguen esa directriz apuntada nin de preto. No fondo podería estar unha razón electoral. Non sabemos o motivo, pero cando se achega o período electoral sempre observamos certas movidas raras ao redor da educación e dos profesores.
Hai razóns pedagóxicas detrás do "costume" de non ter clase pola tarde nos primeiros niveis nos meses de xuño e setembro. No primeiro caso, para favorecer a preparación das últimas avaliacións aos alumnos ou para ir collendo ritmo de traballo e evitar o cansanzo dos primeiros días tras o descanso estival, no caso do mes de setembro. Ademais, estes meses, aquí en Galicia, caracterízanse polas fortes calores vespertinas. Os centros educativos públicos non contan con instalacións de aire acondicionado para aminorar as altas temperaturas que se dan nas clases, nin moitos patios de recreo están preparados para que o alumnado soporte temperaturas extremas. Invito á Sra Conselleira a que durante eses meses non conecte no seu despacho o aire acondicionado para comprobar o ben que se pode traballar e rendir; súmelle, estimada señora, uns cantos rapazolos ao seu carón fartos de calor, sedentos, cheos de desgana... ¡Xa nos contará! Ademais, desgraciadamente, imos camiño de veráns cada vez máis calurosos.
O que tampouco ten sentido é que o servicio de comedor escolar non se preste neses meses. Os alumnos poden, ao rematar a xornada lectiva, comer o xantar no colexio e volver ás súas casas ao seu remate. Pero unha cousa non quita a outra. Unha cousa é o horario dos profesores, outra é o horario dos alumnos e outra sería o horario de apertura dos centros educativos.
Se quere gañar moitos votos, no eido educativo, xa sabe o que ten que facer: investir máis cartos dun xeito mellor, desfacerse dalgúns asesores que tan mal lle aconsellan e ...

11.3.07

Tres anos...

Hoxe cúmprense 3 anos desde os atentados do 11 de Marzo en Madrid. Quero amosar desde este meu sitio a miña solidariedade con todas as víctimas e coas súas familias e, en especial, con Pilar Manjón, víctima e presidenta da asociación "11 M Afectados del Terrorismo". Cando Pilar fala, algo se move no noso corazón: a súa templanza, a súa independencia, a súa cercanía para con todos, o seu cristalino pensamento... constitúen unha lección para todos nós.
De paso, queremos criticar ao goberno de Esperanza Aguirre por non conceder subvencións a esta asociación de víctimas. Unha asociación que non se doblega ante a chantaxe que o PP e a AVT realizan coas demais asociacións e que, se recibise tal subvención, sería realmente empregada en atender as moitas necesidades dos seus asociados e non en pagar e financiar manifestacións contra o goberno de turno.

Volved y contad todo lo que hoy habéis visto aquí...

"Volved y contad todo lo que hoy habéis visto aquí..." Así se expresaba onte, sábado 10 de marzo, ante unha muchedumbre encendida un coñecido político español. Arengaba á masa a que defendera a nación española, a que salvara a España de... Ao final, o himno español e "Habla pueblo habla..." Logo xa non digamos as expresións que empregaban bastantes manifestantes en contra de Zapatero, amosando a súa grande cultura, mostra do seu magnífico espíritu democrático e do seu uso e disfrute da liberdade, esa que piden, que semella non teñen.
¡Que cheire a rancio!¡Que imaxe máis casposa!
Quen obra así, quen emprega un ton mesiánico e catastrofista; quen critica ferozmente actuacións do seu rival político con grande incongruencia pola súa parte posto que cando gobernaba tomou ou secundou decisións aínda máis graves e ninguén lle dixo nada; quen non ten reparo en utilizar ás victimas do terrorismo para gañar votos; quen discrimina ás victimas do 11-M ou ás do Yakolev porque son víctimas "que molestan"; quen convoca ou asiste a manifestacións en contra dun goberno legal e lexítimo que cumpre a súa responsabilidade de aplicar a política antiterrorista; quen permite que dirixentes do seu partido mintan sobre decisións tomadas que agora compromoten o que tan bestialmente se critica; quen apoia e inspira unha conspiración informativa para achacar a ETA a autoría do 11-M; quen non ten reparos en "resucitar" á ultradereita española para aumentar adhesións; quen incendia ás masas e aumenta as divisións entre os cidadáns co apoio do "lobby" mediático mundo-episcopal; quen emprega todas as institucións políticas para machacar ao goberno nunha campaña atroz... aspira a gobernar España. Se accedese a tal posto, democraticamente claro, ¡menuda bagaxe política traería consigo!

24.2.07

A web do Concello de Celanova

¡Pásmense, amigos internautas! A web do Concello de Celanova só é visible con Internet Explorer... Parece mentira que nestes tempos nos que as aplicacións de código aberto son cada vez máis demandadas e empregadas, este concello permítese o luxo de desprezar aos usuarios de navegadores como Mozilla Firefox. ¡Eles o perden!

12.2.07

Francisco Rodríguez, deputado no Congreso, e a autocrítica

Onte limos en El País a entrevista que lle fan ao diputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez. Da mesma puidemos tirar algunha conclusión. Nós tamén percibimos que o cambio non se nota tanto como debería. Para el, cando lle preguntan en que aspectos, responde con asuntos vencellados ás consellerías do PSOE; con respecto ás consellerías do BNG, nada destacable parece dicir, e mira que non teñen metido a pata tamén. Parece ser que a autocrítica non a practica moito este deputado e pensamos que esta é unha boa calidade dun bo político. Isto é un síntoma máis e vén confirmar que na actual Xunta de Galicia hai como dous grupos, un liderado polo Presidente e outro liderado polo Vicepresidente. Tampouco compartimos as súas críticas á CIG, un sindicato non pode nin debe rendirse ante un goberno próximo ideoloxicamente, porque ten que defender os dereitos dos traballadores e estes non teñen necesariamente que coincidir cos intereses do partido gobernante.

10.2.07

Buenafuente e Oleguer

A miña noraboa a Buenafuente por dicir esta frase (traducida): "Ante a liberdade de premiar, está a liberdade de aceptar o premio". ¡Marabillosa frase! E fai moi ben non querer compartir o premio con ese xornalista que soe degradar habitualmente o xornalismo ata límites insoportables desde o seu micrófono ou desde os seus propios medios dixitais. Por certo, non se perdan as respostas de tal "persoeiro".
Noraboa a Oleguer, futbolista do Barça, por expresar a súa opinión libremente ante a situación de De Juana Chaos. Como calquera cidadán ten dereito á liberdade de expresión independentemente da súa profesión ou condición. Ninguén debería relacionar o feito de ser futbolista ou xogador de determinado club con non poder manisfestar publicamente o seu pensamento. Tamén ten dereito a firma Kelme a rescindir un contrato de imaxe co futbolista por expresarse de tal xeito. Pero tamén teño eu dereito a dicir que a partires de agora non mercarei máis ningún producto desa marca. O motivo salta á vista.

13.1.07

Sen explicación...

Para min non ten explicación o que está a suceder esta semana coas manifestacións deste sábado e as actitudes da clase política deste país. Non somos partidarios de meter a todos os políticos nun mesmo saco e chegar a afirmacións de que todos son iguais... Pero os políticos deben ser conscientes de que o que din e o que fan ten unha grande repercusión na vida do noso país e que os erros cometidos esta semana por todas as partes foron graves. Dende grabar clandestinamente ao Presidente do Goberno nunha reunión cos presidentes das comunidades autónomas nuns actos confidenciais, pasando por iso de agora vou, agora non vou, se ti pos isto eu no vou, se pos aquilo entón vou, pero se eu non vou non vai ninguén ata considerar o atentado do día 30 un accidente. Terían que analizar a súa actuación á luz dunha seria autocrítica e non dar pé a que terroristas e ultradereitistas estean a fretarse as mans porque se atopan con terreo abonado para o seu extremismo radical.
Dous traballadores perderon a súa vida o 30 de decembro nun atentado da banda terrorista ETA. Son dúas víctimas. O PP e a AVT non participarán na manifestación de Madrid en solidariedade coas familias destas dúas víctimas e as demais, convocada por organizacións de ecuatorianos e sindicatos de traballadores. A AVT, defensora das víctimas, non vai porque di que é un acto partidista, desprezando por completo a estas dúas víctimas. ¡Como se esta organización non convocase e acudise a manifestacións totalmente partidistas, cun lema en contra do goberno, incluso case botándolle á culpa ao mesmo do terrorismo!¿Como pode afirmar o presidente da AVT que o Presidente do Goberno de España pensa coma un terrorista? O PP non acude en primeiro lugar porque non aparece a palabra liberdade no lema. Unha vez engadida tal palabra no mesmo, non vai porque non está claro o obxectivo da mesma e aínda por riba esixe que se suspenda. O PP sempre quixo sacar rédito electoral deste tema e agora está a afogar ao goberno, quere seguir apertando no pescozo. A extrema dereita gaña cada vez máis terreo no partido da oposición, a parte de estar moi unida á AVT.
¿É que estas dúas víctimas son diferentes das outras?¿Será porque son de distinta nacionalidade?¿Serán diferentes porque os ecuatorianos non votan nas eleccións?
Non ten moita explicación...

7.1.07

Apelidos dos políticos en Galego

A min paréceme moi ben que os políticos dean exemplo galeguizando os seus apelidos, sempre e cando non se obrigue a ninguén. Xa era hora que alguén propuxese algo intelixente. Vindo a proposta de quen vén, imaxinamos aos políticos do BNG facendo tal operación. Non o sei a ciencia certa pero coido que o vicepresidente, home que está en todo, debería apelidarse Quintá, Anxo Quintá... De ser así, tería que cambiar todas esas cuñas publicitarias da súa consellería nas que o seu nome aparece a cotío, co consabido gasto. Cando eles empecen, outros seguirán a corrente e o camiño ata a plena normalización do Galego irá por bo trazado. Agora os filólogos teñen que abrir consultorías para proporcionar traduccións auténticas. Para o próximo ano, coas peponas galegofalantes, o éxito estará asegurado.

1.1.07

Escomeza un novo ano...

Xa estamos no 2007. Ao primeiro día de 2007 case non lle queda máis dunha hora. ¡Como pasa o tempo!
Rematou 2006 dun xeito pouco alentador. Un ano que comezou como case todos os anos, que tivo momentos bos, tamén malos (en Galicia, ano de incendios devastadores nunca vistos e inundacións froito do tempo, os propios incendios e a pésima planificación urbanística) e que remata cun atentado terrorista de ETA que leva por diante as esperanzas de paz que moitos, non todos, tiñamos depositadas ata ese intre e co asasinato (pena de morte) de Sadam Hussein, outro atentado contra un dereito humano básico como é o dereito á vida. O verdadeiro verdugo non eran as persoas con carapuchas que o rodeaban, realmente estaba agochado tras as autoridades iraquís oficiais e todos sabemos o seu nome...
Desexamos un aninovo 2007 cheo de saúde, paz e progreso sostible para todos e todas.

7.12.06

Chapa en vez de formigón...

Na vía rápida do Salnés, parece ser que os constructores de tal obra trocaron nas canalizacións de auga e regatos o formigón armado (que viña especificado no proxecto inicial) por chapa. Podería ser que os motivos fosen apurar a obra (segundo a Xunta daquel tempo foi rematada nun tempo récord) ou economizar o presuposto (estamos ante unha posible irregularidade). Agora, o paso do tempo e a enorme cantidade de auga das escorrentías acabaron por afundir varios tramos desa importante vía coas conseguintes molestias para usuarios, veciños, empresas e traballadores.
¡Hai que ver! Na obra pública tamén hai "timos". Os responsables da Administración, xestores e técnicos, deben ter a ética suficiente como para comprobar que esas modificacións dos proxectos iniciais son lícitas, aconsellables e realmente necesarias. Posiblemente, calquera destes "persoeiros", nunha obra propia, son moi celosos co cumprimento exacto do proxecto de obra (se no tellado da miña casa está presupostado pizarra que non ma poñan de tella). Esa ética "privada" debería ser respectada e defendida escrupulosamente cando se trata dunha obra pública, con diñeiro de todos, que é para o ben común da colectividade.
Pensamos que a actual Administración debe investigar o que sucedeu e tomar medidas contra eses "chourizos" do público difrazados de técnicos, funcionarios e políticos.

3.12.06

Aos veciños da rúa Cabeza de Manzaneda, Ourense...

Estimados veciños:
Ante os prexuizos, información e cultura. Ante a marxinación, solidariedade. Teñen unha oportunidade única de dar unha lección de humanidade e tolerancia a toda a cidadanía ourensá. O camiño que están a escoller é propio dunha sociedade egoísta, marxinadora das persoas que sofren, clasista e puritana.
Fagan o favor de rectificar, que é de sabios. Non se opoñan a que o Comité Anti-Sida abra un local na súa rúa...

28.11.06

A golpe de vídeos...

Últimamente parece que a política española está contaxiada do efecto Youtube. A oposición presenta un vídeo (por certo, con bastantes falsedades e mostrando o seu xogo sucio) e o partido do goberno presenta outro (bastante respectuoso coa verdade). É o influxo das novas tecnoloxías na política. Moitas veces, bótase en falta que os medios de comunicación fagan moito máis uso da hemeroteca para amosar o que os políticos fixeron, dixeron ou prometeron para que a responsabilidade política e a honestidade sexa un valor en alza que mellore a imaxe pública dos dirixentes dos partidos. Por iso, este último vídeo dos socialistas ten ese acerto.
Agora a AVT anuncia outro vídeo. Xa nos podemos pór a tremer porque esa organización está manipulada polo PP con engadidos de ultras, nostálxicos franquistas e fachas que pouco ben lle están a facer ás victimas do terrorismo. As victimas do terrorismo merecen todo o noso apoio e respecto, precisan axuda psicolóxica e económica, e non teñen necesidade ningunha de aparecer enfangados e manipulados nunha loita política sen escrúpulos por parte dun bando.
Todos queremos a paz. Se hai unha soa oprtunidade de conseguila, paga a pena intentalo.

21.11.06

A edición galega de El País

Mañá, día 22 de novembro, verá a luz por primeira vez, a edición galega de El País. Xa era hora de que un medio de comunicación tan importante levase adiante o proxecto dunha versión galega do xornal, con noticias do noso país. Isto suporá que Galicia estará neste aspecto, por fin, ao mesmo nivel que outras nacionalidades do Estado como Cataluña ou País Vasco. Por outra banda, esperamos que isto sirva de aliciente aos xornais galegos para mellorar o rigor e o compromiso cunha terra que cada vez avanza na súa modernización, pero á que lle queda aínda un longo camiño.
Saudamos pois con esperanza e ilusión esta edición galega de El Pais.

12.11.06

O cambio climático e o porco...

¡Menudo mes de novembro! Boa temperatura, non vai frío, aínda non caeu a primeira xeada... Pode ser un síntoma do próximo cambio climático. Isto está a afectar aos costumes dos pobos. Ata hai pouco dicíase: "A cada porquiño chégalle o seu San Martiño" referíndose a que por esta data, debido ás baixas temperaturas que xa había e a que era común que lucise o sol (o veranciño de San Martiño) facíase a mata do porco. Agora con isto do quecemento da atmosfera e tamén, por que non, a que se conta con máis días festivos para realizar as tarefas propias, poderiamos dicir: "Pola Constitución, ao porco chégalle a defunción". É que xa non é coma antes...

7.11.06

Ante a liberación de visóns das granxas...

Podemos estar en contra da cría en cautividade de especies co único obxectivo de proporcionar a súa pel para a confección de abrigos e demais roupa. E coido que a forma de frear esta actividade económica tan perxudicial para estes animaliños sería unirse todos os consumidores e non mercar productos dese xénero. No meu contorno, non entra ningunha prenda desas características.
O que non é de recibo é asaltar as granxas e liberar aos visóns. A esta acción non se lle poder pór o calificativo de "ecolóxica" porque non se pode soltar nun medio hostil a una especie que non é propia dese medio. Primeiro, porque as criaturas morren rapidamente ao non estar adaptados a esas condicións. Segundo, porque se algún animal sobrevive causará tal desequilibrio que se convertirá nun factor negativo.
Estas accións sobre as granxas son obra de persoas integristas, de persoas fanáticas dunha idea a quen o seu intelecto non lle aporta solucións razoables que vaian a favor dos seres a quen supostamente cren defender con esas soltas antiecolóxicas.

3.11.06

A contralexislación... ¿dará votos?

Acabámonos de enterar que a presidenta da Comunidade de Madrid e o seu goberno autonómico pasa completamente do Decreto do Goberno Central coñecido como Lei Antitabaco. Nun exercicio similar ao que fan unhas cadeas de televisión cando contraprograman, acaba de lexislar que é posible fumar en vodas, actos oficiais e en comedores maiores de 100 metros cadrados.
Isto constitúe a oficialización dun atentado contra a saúde pública.
Coido que parte da culpa tena o goberno, que fixo unha lei timorata. Debería prohibir fumar en TODOS os establecementos públicos pechados. Un fumador non ten dereito a convertir a alguén que estea nun local público pechado nun fumador pasivo. Na rúa, ao aire libre, que faga o que desexe.
O tabaco é causa directa de bastantes mortes e indirecta de moitas enfermidades. Os gobernantes teñen a obriga de garantir a saúde pública dos seus cidadáns. Faltar a esta máxima constitúe un atentado contra os seus dereitos individuais. De todos os xeitos, seguro que moitos madrileños, fumadores e persoas que se benefician económicamente desta medida, estarán dándolle as grazas a Esperanza Aguirre pola súa ocorrencia. Pero xa sabemos que é o home: un ser ao que lle soe faltar o máis común dos sentidos, que sería o sentido común. Claro que Esperanza Aguirre xa terá pensado como afrontar as consecuencias da súa medida: os enfermos polo tabaco poderán paliar as súas enfermidades e pasar os seus últimos días nunha clínica pública de xestión privada ou tranquilamente, nunha clínica privada, xestionada por unha empresa da súa órbita...
¿Dará moitos votos?

31.10.06

Parece mentira, pero a economía manda...

Durante anos vimos escoitando por ecoloxistas, científicos, institucións comprometidas coa defensa do noso planeta, que o efecto invernadoiro está a causar estragos no equilibrio da natureza e que vai influir na vida cotiá das persoas nun futuro non moi lonxano. Ata no Cumio de Kioto conseguiuse un acordo para disminuir as emisións dos gases por parte dos países que o subscribiron.
A percepción que tiñamos era que todo eran boas palabras, pero sen actuacións comprometidas realmente eficaces.
Agora, Toni Blair declara que o quecemento da Terra vai causar unha gravísima crise na economía mundial. ¡Atención! ¡Temos un problema! ¡Agora si! Cando o peto dos poderosos está ameazado, entón hai unha razón convincente para recoñecer a existencia dun problema e a necesidade de resolvelo. ¡A economía manda!
A ver que fai agora o país máis rico, o país máis contaminante do mundo e o país que se negou desde un principio a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. O noso país, España, tamén ten que cumprir o que firmou en Kioto. Para iso temos que aportar todos o noso gran de area.

12.10.06

Ten razón a ministra Cristina Narbona...

A ministra Cristina Narbona acaba de declarar que queda moito por saber sobre a praga de incendios deste verán na nosa terra.
É ben certo. Aínda que foron investigados, detidos e postos a disposición xudicial un elevado número de incendiarios (comparado con anos precedentes) non é menos certo que este número é pírrico comparado co de incendios detectados no mes de agosto. Polo tanto, non se pode concluir que no haxa unha trama organizada posto que non pillaron a un número significativo de incendiarios. A mostra non é significativa para poder realizar unha xeralización cun erro estatístico axeitado. Seguro que quedan moitos nas súas casas preparándose para a nova campaña ou para cando a presión policial diminúa.
O labor investigador e a presión policial e social ten que continuar.

3.9.06

¿Para que serven os Consellos Escolares?

Cando chega a época das eleccións aos Consellos Escolares dos centros educativos, é frecuente escoitar aos políticos que dirixen a Administración Educativa "panexíricos" sobre a importancia da participación de todos os sectores nesas eleccións xa que o Consello Escolar é o órgano colexiado de goberno que controla democraticamente o discorrer do centro.
A realidade é ben diferente porque, moitas veces, é posible e frecuente chegar á conclusión de que os Consellos Escolares realmente non valen para nada. Sobre todo, cando a propia Administración Educativa revoca e rexeita acordos que non van en contra de ningunha lexislación, tomados democraticamente, en aras de criterios economicistas. Pensen neste exemplo real:
Un centro, que escolariza a alumnado de Infantil, Primaria e ESO, é dicir, alumnos desde 3 anos a 16 anos, ten un horario que o Consello Escolar considera que está a dificultar o rendemento académico dos alumnos porque a hora de entrada é as 10:30 h. e a hora de saída é ás 17:30 h, con dúas longas horas na hora de comer, que desperdicia as primeiras horas da mañá (alumnos de 4º da ESO entrando ás 10:30 h semella unha aberración), cando está demostrado que o rendemento é maior, acorda por unanimidade solicitar un cambio neste horario de xeito que se adiante a entrada e se reduza o recreo de comedor. Xa me dirán se non é razonable e pedagóxicamente fundamentada dita solicitude.
A contestación da Administración Educativa é que, co gallo de non gastar máis en transporte escolar, e previa consulta coa empresa de transportes (atención, fíxense ben quen condiciona a calidade dun centro rural, dito doutro xeito, fíxense ben quen manda) é imposible atender a petición formulada polo Consello Escolar.
De aquí dedúcese que o Consello Escolar non ten capacidade de decisión ningunha, polo tanto, non serve realmente para os fins que a lexislación lle asigna nas súas competencias.
Tamén se deduce, evidentemente, que as empresas de transporte condicionan máis do debido a vida dos centros educativos. E isto é así porque está claro que racionalizar o gasto é un obxectivo de calquera administración. Se un goberno di por activa e por pasiva que a Educación está dentro das súas prioridades, haberá que atender aquelas peticións que redunden nunha mellora da calidade educativa dos centros e, un horario "digno" para os alumnos é unha aspiración lóxica a atender. Igual non é tan importante subvencionar unidades en colexios concertados cando ao seu carón hai centros públicos valeiros. Ese diñeiro podería ser dirixido a outras partidas máis beneficiosas para todos. Se por outra banda, dícese que o goberno quere recuperar o rural, destinen presuposto para que a calidade dos centros rurais sexa a necesaria, así se porán condicións axeitadas para que se fixe poboación.
Para rematar. Gustaríanos que a política educativa dunha consellería fora desenvolvida por políticos, cos seus criterios, entre os cales non deberían estar ausentes razóns pedagóxicas, e non condicionada por determinados grupos de presión que só buscan o seu interese.

23.8.06

A calidade dos ferrocarrís en Galicia

Renfe ten por costume marxinar a Galicia en canto ao servicio ferroviario que dá aos galegos e ás galegas. Desde sempre, Galicia tivo do peor material rodante de toda a rede española, un material moi antigo, xa moi desgastado co paso do tempo, que ven aquí, ao noroeste de España, a rematar os seus días de uso. Un material que hoxe por hoxe non responde a un servicio digno en pleno século XXI.
Entre A Coruña e Vigo si que hai un servizo bastante acorde coas necesidades e cunha calidade bastante boa. Claro, é a liña máis rendable de Galicia. Para as demais, segundo a compañía bastante deficitarias, está reservada ese material propio case dun museo do ferrocarril. Pensamos que todos pagamos impostos e deberiamos ter a mesma calidade dos servizos que se nos ofrecen, pero, dadas as circunstancias e as políticas que a empresa desenvolve, semella bastante utópico pedir que nos traten en igualdade de condicións respecto ás demais autonomías. É coma unha pescada que se morde a cola: como a calidade do servizo deixa moito que desexar, os usuarios son cada vez menos, entón non é rendable, polo tanto a compañía non invirte en modernización e o servizo non cubre as necesidades dos seus posibles clientes, e volta a empezar...
Coido que dá igual quen goberne: sempre estaremos á cola. Tan pronto como a empresa merque novas unidades, a Galicia enviará as substituidas por estas novas, e así per secula seculorum. Amén.
¿Que podemos facer?

21.8.06

Una página sobre os incendios en Galicia moi interesante

Acabo de atopar unha páxina en castelán moi interesante, que tenta facer un estudo bastante completo das causas dos incendios en Galicia. Paga a pena entrar e ler.
Páxina de incendios forestais

Algo arrecende en Galicia

Onte lin en La Voz de Galicia dúas páxinas sobre algunhas fallas de coordinación que houbo na Semana Negra do Monte Galego que me deixaron coa boca aberta. ¿Pero pode ser máis importante seguir as directrices dos dirixentes dun partido político que apagar o lume?¿Pero é posible non brindar axuda con medios materiais vendo como se está a consumir o monte da nosa terra?¿Pero é posible ter a conciencia tranquila?
Algo arrecende en Galicia, e non só é o cheiro a chamusco. Hai políticos aos que, e perdoen a expresión, "hai que darlles de comer a parte..." Estes días deberían de ser de auténtica autocrítica por parte de todos e todas, se non, xamais conseguiremos atopar as verdadeiras causas dos incendios e a maneira mellor de conseguir acabar con esta horrible lacra.

11.8.06

Educación Ambiental, tamén na TVG

Ante a desesperación, a impotencia e a carraxe producida pola praga incesante de incendios forestais, consideramos que os medios de comunicación públicos galegos, entre eles a TVG, deberían afrontar seriamente o compromiso de informar e formar ambientalmente ás galegas e aos galegos.
Antes había un programa, Senda Verde, que cubría en certo modo este ámbito, pero desapareceu da programación. Máis ben, o director, Enrique Banet, foi despedido, inxustamente, represaliado por participar naquel famoso "Hai que botalos". O oco deixado por este grandísimo profesional aínda non foi cuberto polo actual equipo directivo e bótase en falla un verdadeiro programa de educación ambiental na TVG. Sería a maneira correcta de actuar pensando no que ten que suceder necesariamente nesta terra cando pase o lume.

10.8.06

Máis...

Ourense, ás 22:24h.

Seguimos...

Ourense, 21:30. Unhas casas de Eiroás perigan seriamente.

Seguimos sen tregua

Ourense, 20:55
En cinco minutos, parece que prendeu polo aire no monte da esquerda.

Ourense, 20:45.


¡Incendiarios, fóra de GALICIA!¡Se nacestes nesta terra, non sodes merecerentes de ser chamados GALEGOS!






8.8.06

A plaga incendiaria segue... e tres


Aquí está a última imaxe do ceo ourensán ás 20:30h. Outro incendio pola zona de Velle tingue así os nosos ceos: un espectáculo deprimente.

A plaga incendiaria segue... e dous


Detrás dese incendio, poden observar outro que parece de maiores proporcións, cun fume negro espantoso e que deixa todo o val do Miño tapado por un manto noxento e cheirento de fume.

A plaga incendiaria segue...


Segue a plaga incendiaria. Sen descanso. Destructiva coma o "Alien" da película. Mentres, algúns políticos empezan a pasar factura, a tentar rendabilizar politicamente a desgracia dos galegos. ¡Impresentable! ¡A ver se pensan que non nos lembramos do que sucedía cando eles tiñan a responsablidade política!
Aquí teñen unha foto dun incendio, en Ourense mesmo, que empezou ás 12:45 h. e que está así ás 16:25h.

5.8.06

Chegou agosto e... ¡arde Galicia!

Coma todos os anos, nada máis chegaren o mes de agosto, escomezan e espállanse os lumes polos montes galegos. A terrorífica plaga negra que arrasa con superficies forestais, bosques e matos chega irremisiblemente. Incluso, ata son causa da morte de persoas, coma aconteceu onte en Cerdedo. De nada serve o posible traballo de prevención feito no inverno.
Levamos moitos anos con esta plaga e coido que temos que dicir un ¡Nunca máis! definitivo. Os gobernos sucédense, pero o lume segue implacable. As posibles causas de que case o noventa por cento dos incendios sexan provocados seguen sen ser estudiadas a fondo: intereses urbanísticos, intereses de agricultores e gandeiros, intereses da industria madeireira, intereses da industria apagalume que se montou por culpa desta lacra... Cada vez estamos máis convencidos de que hai certas mafias que propician e provocan os lumes; deben ser investigadas tal como se fosen organizacións criminais e case terroristas. Cómpre investigar lume por lume, como se levou a cabo e quen gaña en cada incendio coa devastación que trae consigo. É preciso que dun incendio, ninguén saque proveito. Hai que incentivar que non se prenda lume. O monte ten que volver a producir riqueza, a única maneira de que sexa mimado e mirado doutra forma, porque se non, señores, acabamos coa nosa riqueza ambiental e paisaxística da nosa benquerida terra. Galicia está a contribuir dun xeito patético ao cambio climático no planeta e os seus rigores estamos a empezar a sufrir.
A cousa torna moi seria. Os políticos, responsables de tomar as decisións oportunas, deben plantexarse en serio a desaparición desta plaga. Ao igual que outros presidentes que collen o touro polos cornos e arriman o ombreiro e loitan decididamente contra outras lacras sociais, xa vai sendo hora de que o Presidente Touriño se poña en primeira liña abanderando unha reacción social e efectiva contra os lumes.

20.7.06

O poldro de Cudeiro...

Acabo de ler nun xornal local un artigo de opinión no que se califica ao candidato á alcaldía de Ourense polo PP coma "O poldro de Cudeiro". ¡Que bonito! Soa a alcume dun púxil de boxeo.
Tamén pódese ler no mesmo artigo que "Di o que pensa, e fai o que lle convén". Típica característica do novo caciquiño galego. Pensándoo un chisco, este candidato parece feito a imaxe e semellanza do xefe do PP e case da provincia, incluso ata na talla...

3.7.06

...E seguimos cos despropósitos

¿Saben vostedes que en Galicia, no sećulo XXI, hai alumnas e alumnos de 4º da ESO, é dicir, con 16 anos, que comezan a súa xornada escolar ás 10:30 h. da mañá?
Incrible, ¿verdade? Cando a meirande parte dos seus compañeiros xa levan case dúas horas de traballo, estes aínda están a empezar. Os estudos sobre a xornada escolar sinalan que o rendemento dos alumnos é mellor nas primeiras horas da mañá que nas últimas. Razón de peso para que a xornada escolar comece o máis cedo posible.
Claro. O problema é que estes alumnos, do ámbito rural para aumentar as diferencias con respecto aos da capital, dependen do transporte escolar. Para aforrar presuposto, a Administración anterior ideou un plan combinado de transporte de xeito que é moi difícil modificar o horario dun centro sen prexudicar a outros. E como parece ser que as empresas de transporte teñen o último que dicir nisto, co beneplácito dos políticos de turno, os verdadeiramente danados son as alumnas e os alumnos destes centros.
A responsabilidade é en primeiro lugar dos pais e nais dos alumnos, que consinten esta situación. Tamén é responsabilidade da administración educativa, que é a que ten a derradeira palabra.
Pois nada. Sigamos así. A calidade da educación que reciben algúns alumnos do rural estase a ver afectada negativamente por un horario totalmente irracional, antipedagóxico e que non favorece o seu mellor rendemento.
En nome das alumnas e alumnos, moitas grazas, a quen corresponda.

29.6.06

¿Hai dous dedos de fronte na Consellería de Educación?

Estamos perdidos... Esta xente que está agora ao fronte da Consellería de Educación ou non ten nin idea dunha gran parte realidade escolar de Galicia ou é negada. Só vou expoñer dous exemplos moi recentes:
  1. Convocan axudas para proxectos de innovación educativa para introducir as TICS nos centros. Ata aí moi ben, pero, pásmense señores, só serán elixidos 10 centros de toda Galicia... Repito: 10. ¿Cal será a repercusión de tal medida?¿10 centros?¿E os demais?Con todo o papeleo que supón a elaboración de dito proxecto, tanta reunión, tanta burocracia, en época final de curso cando a burocracia xa nun centro aumenta... ¿paga a pena tanto traballo para que logo só escollan a 10? Isto é sinónimo de negación, incapacidade para artellar outra estratexia máis efectiva. ¡Ah, claro! Logo, carteliño por aquí, carteliño por alá, publicidade con letras grandes (só o que convén que se vexa ben)...
  2. No programa de gratuidade de libros de textos, para a reposición de libros de primeiro ciclo de Primaria otórganse 95 € por alumno. Como hai que repoñer todos (Lingua Galega, Lingua Castelá, Matemáticas, Coñecemento do Medio, Inglés e Relixión), xa que os alumnos escriben en todos, empezas a sumar e sáenche uns 125 € por alumno. Pódese na páxina da Consellería consultar os prezos dos libros.¿Como se vai pagar esa diferencia?¿A cargo dos cartos dos centros?¿Haberá que quitar libros desa lista para que paguen as familias? ¿Haberá que habilitar un presuposto especial? Outra proba de ineptitude, de adopción dunha medida precipitada para tentar facer un anuncio "espectacular" que... está a custar moitos cartos de todos.
Estamos seguros que dentro de poucas datas teremos máis datos... Coido que na Consellería de Educación non hai demasiadas luces.

11.6.06

¿Acabáronse os cartos...?

Estes días andiveron a asfaltar a N 525 desde Ourense dirección Santiago. Os usuarios desta estrada tiñamos todos unha grande satisfacción dado o mal estado do fiirme. Empezaron preto da gasolineira de O Viso tirando para arriba. De súpeto, pararon as obras antes de chegar ao tramo en peores condicións e pintaron de amarelo o que xa asfaltaron e desapareceron as máquinas.
¿Haberanse esgotado os cartos?

22.4.06

As axudas da Xunta para mercar un ordenador

A Consellería de Educación vai entregar 300 euros a 10.000 alumnos de quinto de primaria a segundo da ESO dos colexios públicos e concertados para favorecer ás familias coas rendas máis baixas para que as novas tecnoloxías poidan entrar nestes fogares. É unha axuda compatible con outras axudas públicas e privadas doutros organismos públicos e entidades. Temos visto por aí axudas de entidades públicas que esixen ter conexión tipo ADSL, cousa rara na Galicia rural (este é un xeito máis de desigualde).
Esperemos que realmente a axuda lle sexa concedida a familias con rendas baixas, aínda que para estas familias 300 euros pouco lle suporán ante o prezo dun portátil ou ordenador de sobremesa. Máis cando parece que van esixir comprometerse ás familias a manter o ordenador durante catro anos (cousa que non teño nin idea de como se pode demostrar). Canto máis barato sexa un ordenador, antes se queda desfasado.
O que nos chama particularmente a atención é o procedemento de solicitude. Non sei. Ás veces parece que as mentes pensantes desa consellería deben vivir noutro mundo, noutra dimensión. Xa lles pasou cando de golpe e porrazo, a varios días de escomezar o curso, decidiron a gratuidade de todos os libros de primaria polo sistema de préstamo por catro anos sen decatarse que no primeiro ciclo de primaria os alumnos escriben nos libros e hai que cambialos cada ano... Pois agora, este procedemento de solicitude da axuda só se pode realizar por Internet. Para acceder a Internet cómpre ter un ordenador. As familias que xa mercaron un ordenador desde o primeiro de xaneiro son afortunadas (agora, a cumprir os requisitos de ter renda baixa...). Pero se o obxectivo da axuda é favorecer a compra desta tecnoloxía, ¿como farán os fogares que non a teñan para solicitar dita axuda? Claro, primerio deben mercar un ordenador, conseguir conexión a Internet ( no rural case non hai ADSL, tampouco é imprescindible hoxe en día...), recibir un curso rápido de manexo e logo aprender a entrar na páxina web da Consellería para cubrir os formularios. E todo isto débeno facer nun prazo dun mes. ¡Que ben!¡Canta lucidez hai por aí arriba! Isto sería parecido a esixir ir ao exame teórico do carné de conducir, conducindo o teu propio coche. Igual ás mentes pensantes contan coa boa dispoñibilidade dos veciños, dun amigo, dos funcionarios e autoridades para prestarlle os ordenadores ou para facerlles eles mesmos os trámites. ¡Que lle imos facer!
Algúns pensarán só son 300 euros... pero por 10.000 familias son... 3.000.000 de euros... case nada. ¿E con eses cartos non se podería tomar outro tipo de medida máis efectiva que realmente beneficiara ás familias con rendas máis baixas para que entrasen no universo das TIC?

12.4.06

O Auditorio Municipal de Ourense

O Auditorio Municipal de Ourense ten preto dun ano de uso e xa podemos extraer algunhas conclusións da instalación e da xestión que se está a levar.
Temos que afirmar que a acústica da sala principal é nefasta. E iso que teño lido na prensa local a xente "cualificada" defendendo a boa acústica. Pois penso que erran. O escenario absorbe todo o son, o son non se proxecta cara ao público. Preguntámoslle a algúns músicos que tocaron no escenario e dixeron que lles foi moi difícil tocar porque entre eles case non se escoitaban.
Teño escoitado orquestras sinfónicas de máis de cen músicos cun son totalmente apagado, como se tocaran só dez; o que máis se escoita é a corda (porque está diante), o vento madeira e vento metal paracen estar tocando alá lonxe, na Praza Maior... Teño escoitado un grupo de gaiteiros cun son aceptable cando tocan en primeira liña pero completamente apagado cando tocan máis adentro. Teño escoitado a unha solista de piano cun son completamente inexpresivo e nun piano desafinado (era ao principio da singladura). Teño escoitado unha obra de teatro onde as voces dos actores e actrices eran case inintelixibles. Agora si, se usamos amplificación, xa te podes tapar os oídos porque a intensidade é demasiada (léanse concertos de Sabina e Serrat). Conclusión: temos un Auditorio tan mal deseñado acusticamente que practicamente non serve para escoitar música. En Ourense teñen moitísima mellor acústica o Teatro Principal e o Auditorio do Conservatorio... Están a anos luz.
Se a isto engadimos a pésima decoración interior (oscura, negra, lúgubre) e a incomodidade das ringleiras de butacas tan preto unhas das outras, podemos dicir que esta obra é unha auténtica chapuza...
Non falaremos moito da xestión do Auditorio. Ao fronte dela está unha persoa a quen isto lle vén un pouco grande porque lle falta formación específica. A publicidade de moitas actuacións é case nula, a calidade dalgunhas orquestras que se trouxeron (por parte do Concello) deixou nalgúns casos moito que desexar... A falla de coordinación dentro do propio Auditorio e co Teatro Principal fai que ás veces haxa ata tres concertos de música do mesmo estilo nun espazo dunha hora. A anécdota de onte coa Federaçao Tramontano Dumiense de Bandas Filharmónicas é moi significativa: quince persoas escoitando o concerto e entre elas nin estaba o xerente nin o técnico de cultura a quen a banda-orquestra quería agasallar....
Coido que Ourense merecería outra cousa...

11.4.06

A N 525 desde Ourense a Cea: estado calamitoso

O tramo entre Ourense a Cea da N 525, estrada Zamora-Santiago, está nun estado calamitoso. O asfalto está desconchado e hai unha chea de baches por todos os carrís. A pesares de que preto de Vilamarín está o centro de conservación de estradas, os operarios pásanse semana si semana non parcheando... debe ser por telos ocupados porque a efectividade do que fan só dura un par de horas mentres os coches e camións levantan pouco a pouco o rego asfáltico empregado.
É curioso. Eu percorro este tramo todos os días un par de veces e sufro a incomodidade e os gastos que o pésimo estado do asfalto me ocasiona. Esta estrada vai a Santiago e por aí seguro que pasan moitos coches oficiais de altos cargos da Xunta. Claro, estes señores viaxan no seu coche oficial e os gastos son pagados polos demais cidadáns, non polo seu peto directamente.
¿Non sería mellor levantar a capa asfáltica e volver pór unha nova? Coas novas máquinas que temos visto é cuestións de días. Así os pobres traballadores de conservación deixarán de facer cousas inútiles e poderán adicarse a outros menesteres e os conductores teremos máis seguridade nas nosas viaxes.